Buscar neste blog

domingo, 31 de xaneiro de 2016

O equipo cadete logra a única vitoria dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

O equipo cadete foi o único equipo dos que compoñen as categorías de fútbol base do Armenteira C.F. que acadou a vitoria nesta fin de semana, na que foi en xeral unha actuación aceptable que non se viu acompañada por uns mellores resultados.

O conxunto de categoría alevín, o primeiro en saír a disputar o seu encontro, partía coa esperanza de acadar un novo triunfo que o situase entre os catro primeiros. O rival, a E.F.B. Vilanova, presentábase no campo de O Leixo coma un dos obstáculos máis difíciles a superar no que queda de temporada. É un equipo que destaca polo gusto polo toque de balón e un fútbol dinámico e combinativo. O gol de Adri, aproveitando un rexeitamento do porteiro vilanovés e un tiro de Zubo, parecía parecía que ía a marcar o rumbo dunha nova vitoria pero, dous goles do E.F.B. Vilanova levaron aos visitantes cunha vantaxe de un gol a dous ao descanso, resultado que acabaría sendo definitivo. Na segunda metade o cadro que dirixe Jonathan Crespo fíxose dono do encontro e dispuxo de ocasións para merecer como mínimo o empate, pero a orde defensiva e a boa colocación do rival, xunto co desacerto ante a portería contraria, impediron que conseguisen un mellor resultado. Para a próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará o partido que foi aplazado nas datas de Nadal ante o líder do grupo, o Portonovo S.D.

O equipo benxamín recibía a visita dun dos rivais ante os que, a priori, tendo en conta a clasificación de ambos conxuntos, tiña máis posibilidades de acadar un resultado positivo. Pero, a pesares da loita e o esforzo realizado sobre o terreo de xogo do campo de O Leixo polos rapaces e rapazas que está dirixindo Víctor Saborido, a S.D. Chispa logrou impoñer a súa maior experiencia táctica e a súa maior contundencia en ataque e venceu por cero goles a cinco. Na próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará tamén o partido aplazado nas datas de Nadal ante a S.D. Puentearnelas, que ocupa o primeiro posto na clasificación, cos mesmos puntos ca o Meaño F.C.

O que si conseguiu facerse coa vitoria foi o equipo cadete. O cadro que adestra Marcial Prado impúxose á E.F.B. Vilanova por dous goles a cero, o que confirma a racha de bo xogo e resultados das últimas xornadas. O equipo visitante acudiu ao campo de O Leixo coa intención de manter o dominio do balón e crear perigo polas bandas, pero a intensidade e o esforzo colectivo dos de Marcial Prado fixeron que os vilanoveses apenas puxesen en apuros ao meta Yago, e dous goles do Mathias, un cando estaba a piques de finalizar a primeira metade e outro cando faltaba un só minuto para o final do encontro deron esta importante vitoria ao Armenteira C.F. O centrocampista de Zacande levou a batuta do medio campo verdinegro de novo con mestría e volveu a ser desequilibrante con estes dous tantos. A próxima fin de semana será de descanso ligueiro para o equipo cadete, a espera de recibir ao Moraña C.F. o 13 de febreiro, na que será a primeira xornada da segunda volta.

Finalmente, o equipo infantil tiña un durísimo compromiso no campo de O Pombal, onde recibía ao San Martín C.F., líder invicto do grupo, que contaba por vitorias todos os encontros de liga disputados. Nun partido que o adestrador local, Martín Casais, plantexou para xogalo con intensidade e no insistiu na rixidez táctica, o equipo visitante non tardou en poñer de manifesto a súa superioridade e xa decantou o encontro nos intres iniciais do encontro, para acabar vencendo por cero goles a once. O público que, de forma numerosa, como soe acontecer cos partidos que disputa o equipo infantil nas mañás do domingo no campo de O Pombal agradeceu a entrega do xogador de categoría alevín do Armenteira C.F. Migui, que unha vez máis, tanto cando participa co equipo alevín, coma cando o fai co infantil, pelexou con garra e tenacidade cada balón, facendo que o flanco esquerdo da defensa verdinegra fose dificilmente penetrable polos xogadores do equipo de Vilaxoán, gañándose os aplausos dos afeccionados de ámbolos dous equipos e unha ovación aos finalizar o encontro.











sábado, 30 de xaneiro de 2016

O Armenteira Veteranos logra en Portonovo a súa quinta vitoria consecutiva

Nunha fría tarde e nun horario tardío para o que soen acostumar os partidos da liga de veteranos, o campo de Baltar de Arriba, en Portonovo, contemplou como o Armenteira Veteranos conseguía a que é a súa quinta vitoria consecutiva na temporada na que debuta no grupo 4A. O Pescados Nieves foi nesta ocasión a vítima desta racha positiva do conxunto verdinegro, que sen realizar un fútbol brillante e falto da intensidade no xogo que o caracteriza conseguiu impoñerse por cero goles a un fronte a un rival que trataba de facer circular o balón, pero ao que lle faltou velocidade e mordente nos metros finais. O tanto acadado por Marcos, un xogador máis afeito a xogar preto da área propia ca da contraria, pero que cando se achega á meta rival mostra un olfato goleador sorprendente nun futbolista de contención, serviu para dar o triunfo aos de A Armenteira, que aínda puido ser maior de convertir alguna das situacións de man a man ante o ex-gardameta verdinegro Jose das que dispuxeron os dianteiros visitantes. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos recibe no campo de O Leixo ao Monteporreiro-Muebles El Almacén, un conxunto que o supera na clasificación, pero ao que xa derrotou por cero goles a dous no partido da primeira volta.


venres, 29 de xaneiro de 2016

Pescados Nieves e Armenteira Veteranos miden as súas forzas no campo de Baltar de Arriba

O campo de Baltar de Arriba será o escenario do encontro que este sábado, a partires das 18 horas, disputarán o Pescados Nieves e o Armenteira C.F. Van xa vinte xornadas de liga e o cadro que capitanea José Luis Galiñanes aínda ten posibilidades de alcanzar as prazas que dan a opción de ascenso, polo que acudirán a Portonovo coa intención de conseguir un novo triunfo para seguir dando lustre a unha temporada que polo momento está a resultar exitosa. As baixas dalgúns dos xogadores máis decisivos do conxunto verdinegro agardan ser compensadas polo sacrificio e o traballo colectivo que están a mostrar nos últimos encontros os de O Leixo. A rivalidade que soe caracterizar os enfrontamentos entre o Armenteira Veteranos e o Pescados Nieves volverá a aflorar este sábado, e os visitantes buscarán resacirse da derrota sufrida no encontro da primeira volta ante o conxunto de Portonovo, que agora se atopa na décimo cuarta praza con quince puntos menos cá entidade verde e negra.


Os equipos do Armenteira C.F. afrontan como locais os seus encontros desta fin de semana

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. disputarán como locais os seus partidos desta fin de semana, a décimo séptima no que levamos de liga, co que tratarán de aproveitar as vantaxes que esta situación lles poida ofrecer para acadar resultados favorables.

O primeiro equipo en saír a disputar o seu encontro será o conxunto de categoría alevín. A formación que está dirixindo con éxito Jonathan Pérez recibe a visita, no campo de O Leixo, a partires das 10 horas, da E.F.B. Vilanova. Os vilanoveses venceron no encontro da primeira volta aos verdinegros no encontro da primeira volta, na que quizais foi a derrota máis cruel que sufriu este conxunto nesta temporada, xa que se produciu tras un gol de falta no último minuto. Actualmente o cadro blanquiazul atópase na quinta posición, con tres puntos máis ca o Armenteira C.F., polo que o triunfo sería crucial para que o o equipo verdinegro siga escalando chanzos na táboa e manteña a esperanza de loitar polos primeiros postos do grupo. O adestrador local volverá a ter algunhas baixas significativas, pero confía en na boa racha do equipo nas últimas semanas o no acerto goleador do dianteiro Zubo.

A continuación, o campo de O Leixo volverá a ser o escenario dun novo partido. Será o que disputen a partires das 11 horas o equipo benxamín do Armenteira C.F. e a S.D. Chispa. O cadro que está dirixindo Víctor Saborido prosegue coa súa lenta progresión, e este grupo de rapaces e rapazas, que a pesares dos resultados pouco favorables acadados no que levamos de liga, manteñen a ilusión e a fe por seguir traballando, agardan ter fortuna nesta ocasión. O técnico local contará coa práctica totalidade do seu plantel ante un rival que se atopa un posto por enriba na clasificación, con tres puntos, polo que se presume un enfrontamento intenso entre ambas escadras.

Tamén na mañá do sábado, e tamén no campo de O Leixo, o Armenteira C.F. e a E.F.B. Vilanova volven a medirse con dous dos seus conxuntos, neste caso cos de categoría cadete, a partires das 12 horas. A formación que adestra Marcial Prado leva unha traxectoria irregular esta temporada, lonxe das posibilidades que a calidade dos seus xogadores poderían ofrecer, pero agarda poder dar unha nova alegría á súa afección ante un equipo rival que se atopa no terceiro posto da clasificación con vinteoito puntos, once máis ca os locais. Pero os verdinegros teñen sobradas capacidades para conseguir levarse os tres puntos, como xa o fixeron ante cadros tan potentes como o C.D. Ribadumia, actual líder do grupo. A calidade na línea medular de Mathias, o desborde de Villa polos costados, a contundencia de Alberto en ataque e, principalmente, a forza do colectivo, son os principais avais que presentan os de Marcial Prado para conseguir unha nova vitoria.

Finalmente, xa na xornada do domingo, o equipo infantil recibe no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, ao San Martín C.F a partires das 11:30 horas. O conxunto de Vilaxoán está realizando unha temporada impecable e conta todos os seus partidos por vitoria, polo que se presenta como un máis que compricado test para os rapaces que adestra Martín Casais. O técnico local agarda que a xornada de descanso da fin de semana pasada servise para que os compoñentes do seu equipo puidesen repoñer forzas e rearmarse de moral para afrontar este difícil encontro e un treito final de temporada no que poder acadar por fin os triunfos que tanto ansían.






















domingo, 24 de xaneiro de 2016

Un triunfo, un empate e unha derrota para os equipos do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os tres equipos de fútbol base que disputaron xornada de liga esta fin de semana, o equipo benxamín, o equipo cadete e o equipo alevín acadaron distintos resultados y tiveron unha fortuna desigual nos seus encontros.

O equipo benxamín tivo que facer fronte a un duro rival, o Meaño F.C., líder momentáneo da clasificación e que dende o inicio conseguiu impoñer a súa clara superioridade fronte a un conxunto do Armenteira C.F. no que a inexperiencia e a falta de rodaxe da maior parte dos seus xogadores e xogadoras seguen supoñendo unha lousa moi pesada a erguer. O cadro que está dirixindo Víctor Saborido recibiu no campo da Área Recreativa de A Toxa unha aplastante derrota por quince goles a cero ante a escadra meañesa e, nin sequera a presenza nas bancadas de Valentín Estévez, adestrador do equipo dende principios de temporada, que segue coa súa recuperación dunha lesión cranial, serviu para que puidesen anotar polo menos algún gol. A próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá a visita no campo de O Leixo da S.D. Chispa, un conxunto que se atopa na décimo séptima posición con tres puntos, un posto por enriba do cadro verdinegro.

O equipo cadete afrontaba un encontro intenso o no campo de Baltar de Arriba, no que a rivalidade entre os dous conxuntos volveu a ser a nota predominante. Nun enfrontamento no que os de Marcial Prado tiveron o dominio da pelota durante a maior parte dos minutos destacou sobre todo a figura de Villa. O extremo do Armenteira C.F. estivo moi incisivo pola banda dereita na primeira metade e pola esquerda na segunda, esquivando a contundencia coa que se empregaron os defensas rivais, pero as ocasións que saíron das súas botas non foron convertidas en gol nin el nin os seus compañeiros, polo que ao final o marcaror quedou co cero a cero inicial. A próxima fin de semana o equipo cadete terá outra dura proba coa visita ao campo de o Leixo da E.F.B. Vilanova, que ocupa o terceiro posto con vinteoito puntos, once máis ca os xogadores verdinegros.

Finalmente, o equipo alevín tiña tamén un duro compromiso en terras meañesas. O seu rival atopábase empatado a vintecinco puntos co cadro que dirixe Jonathan Crespo. Pero a seriedade, o rigor táctico e a motivación que caracterizan nos últimos encontros aos rapaces e rapazas do conxunto alevín, xunto co apoio dunha afección cada vez máis numerosa e animada, fixo que acabaran impoñéndose nun enfrontamento intenso, no que a vitoria foi bastante máis sufrida do que pode dar a entender o cero a tres final. Un gol de Zubo cando se levaba unicamente un minuto de partido e os do mediocampista Hugo e de novo de Zubo culminando sendos contragolpes xa na segunda metade deron un novo triunfo nun encontro que curiosamente se repetiu o resultado co que os meañeses se levaran os tres puntos do campo de O Leixo na primeira volta. Con esta vitoria o equipo alevín sitúase na séptima plaza da clasificación con vinteoito puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo a outro esixente rival, o E.F.B. Vilanova, cuarto clasificado con tres puntos máis, e que derrotou aos de Jonathan Crespo por tres goles a dous no partido da primeira volta.




















sábado, 23 de xaneiro de 2016

O Armenteira Veteranos obtén unha cómoda vitoria ante o Montecarrasco Veteranos

Nunha tarde plácida, cunhas temperaturas impropias para o mes de xaneiro e nunhas condicións inmellorables para a práctica do fútbol o Armenteira Veteranos logrou impoñerse con claridade ao conxunto cangués do Montecarrasco Veteranos. A debilidade do rival, último clasificado do grupo 4A, que acudiu a O Leixo con só doce xogadores, púxose de manifesto dende o inicio do encontro. Dous goles de forma  consecutiva de Manueliño, outro de Galiñanes e outro de Javi, nunha certeira cabezada, deron unha vantaxe de catro goles a cero ao descanso para os locais. Só a relaxación da segunda metade impediu que o Armenteira Veteranos acadase máis goles, desperciando numerosas ocasións nas continuas chegadas á área rival.a pesares de contar con varias oportunidades claras de anotar nas numerosas chegadas á area rival.Un gol nun golpe franco nas postrimerías do encontro deixou con mellor sabor de boca ao Montecarrasco e fixou un catro a un final que permite que o equipo de A Armenteira se afiance na novena posición con trinta e tres puntos.Como nota negativa a lesión do meta Joserra, que tivo que abandonar o encontro na segunda metade con molestias no xeonllo dereito. Na próxima fin de semana o equipo verdinegro debe visitar o feudo do Pescados Nieves, ante o que caiu derrotado na primeira volta, que que agora se atopa na décimo cuarta plaza con quince puntos menos ca o cadro de O Leixo.


xoves, 21 de xaneiro de 2016

Partidos intensos para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

A xornada desta fin de semana vai deparar uns partidos de gran intensidade e ante rivais próximos para os equipos de categoría benxamín, cadete e alevín do Armenteira C.F., os tres que van ter competición, ante o obrigado descanso para o equipo de categoría infantil.

O primeiro en comezar a rodar será o equipo benxamín. O conxunto que está dirixindo Víctor Saborido visita o campo da Área Recreativa de A Toxa, unha instalación deportiva que se atopa a escasa distancia do campo de O Leixo, para medirse ao Meaño F.C., actual líder do grupo. Ante o claro favoritismo dos locais os rapaces e rapazas do Armenteira C.F. sairán ao terreno de xogo coa bravura e a garra que os caracteriza, con gañas de seguir aprendendo e progresando na que é a primeira temporada de experiencia no fútbol para a maioría dos compoñentes deste equipo.

O equipo cadete disputarábante o C. Xuventú Sanxenxo un partido que se convertiu nun clásico do fútbol base nos últimos anos.  Será no campo de Baltar de Arriba o sábado a partires das 11:30 horas. A proximidade e o coñecemento que existe entre uns e outros fan deste encontro un enfrontamento de rivalidade no cal ambas escadras agardan ofrecer un bonito espectáculo. O equipo de O Leixo atópase na séptima posición, con dezaséis puntos, terá en fronte a un rival que conta con sete puntos e se sitúa na duodécima posición, pero que de seguro non vai a resultar un rival cómodo para o cadro verdinegro. Marcial Prado, o técnico verdinegro, parece que vai poder contar con case todos os seus efectivos, pero a pouca amplitude do seu plantel obrigarao a convocar a algún xogador do equipo infantil.

Finalmente, o equipo alevín volverá a disputar este fin de semana un encontro intenso e do que se agarda un atractivo espectáculo deportivo para todos aqueles que se despracen ata o campo da Área Recreativa de A Toxa, para medirse, ao igual ca o equipo benxamín, a un conxunto do Meaño F.C. O empate a vintecinco puntos que reflicte a táboa clasificatoria fai prever un enfrontamento igualado , no que os visitantes intentarán resarcirse da derrota por cero goles a tres que lle infrinxiron os meañeses no partido da primeira volta, no cal o desacerto ante a portería rival, os despistes defensivos e o mal estado do terreo de xogo condenaron aos de Jonathan Crespo. O técnico valgués agarda mostrar a solidez e o espíritu competivo da última xornada, na que impuxeron ao C. Xuventude Cambados, aínda que para esta ocasión non poderá volver a contar co zagueiro Fran nin tampouco co mediocampista Mosteiro, que sufriu unha lesión no adestramento deste xoves.







domingo, 17 de xaneiro de 2016

Fin de semana con resultados favorables para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a décimo quinta no que levamos de liga, deparou uns resultados favorables para os equipos de fútbol base, especialmente para o equipo cadete e o equipo alevín, que lograron impoñerse aos conxuntos do C. Xuventude Cambados da súa correspondente categoría.

O equipo benxamín recibía o sábado no campo de O Leixo a un duro rival, o C. Vilagarcía S.D. O cadro que están dirixindo Víctor Saborido e José Ramón Dacosta segue dando mostras de progresión e estivo máis incisivo en ataque, conseguindo perforar a portería contraria en dúas ocasións, por medio de Mateo e Brais Santamaría. O desplome físico habitual dos últimos minutos fixo que o resultado acabase sendo máis abultado do que indicaba o xogo despregado polos dous equipos, ata configurar o dous a doce final. Na próxima fin de semana o conxunto benxamín debe visitar o campo da Área Recreativa de A Toxa, en Meaño, para medirse ao actual líder do grupo, o Meaño F.C.

O equipo cadete conseguiu unha importante vitoria o sábado no campo de O Leixo ante o C. Xuventude Cambados. Nun partido moi dispustado o cadro dirixido por Marcial Prado conseguiu crear máis ocasións de gol có rival e, nunha delas, o dianteiro cambadés Alberto decantou o encontro a prol do conxunto local. Con este triunfo a formación verdinegra ascende á séptima posición, con dezaséis puntos, posición que agardar asegurar cun triunfo na visita que a próxima fin de semana realizará ao campo de Baltar de Arriba, onde deberá medir as súas forzas co C. Xuventú Sanxenxo, duodécimo clasificado con catro puntos.

O que non puido conseguir un resultado favorable foi o equipo infantil. Ante un difícil rival, o C. Vilagarcía S.D., segundo clasificado do grupo, o equipo que dirixiu Jonathan Crespo, plantexou unha primeira metade bastante seria dentro das súas posibilidades, pero a solidez que foi capaz de mostrar o conxunto, viuse abaixo tras o descanso, e o desgaste físico e moral dos xogadores fixo que acabasen sucumbindo ante un C. Vilagarcía S.D. moi superior, que acabou vencendo por quince goles a cero. Na próxima fin de semana o equipo infantil terá xornada de descanso, polo que aproveitarán para repoñer forzar e reforzarse moralmente de cara o que resta de temporada.

Para finalizar a xornada, o equipo alevín puxo un bonito broche á actuación dos equipos do Armenteira C.F. O equipo adestrado por Jonathan Crespo realizou un  partido moi serio na súa visita ao campo de O Pombal para enfrontarse ao C. Xuventude Cambados. Nun escenario sobradamente coñecido pola maioría dos xogadores e xogadoras do cadro verdinegro e ante un rival co que o Armenteira C.F. estableceu un acordo de colaboración esta temporada o equipo de O Leixo saiu moi motivado ao terreo de xogo e mantivo unha gran intensidade dende o inicio, arroupado polo numeroso público que se congregou nas bancadas do campo cambadés. Nunha primeira parte moi igualada, con ocasión por ambos bandos, Adri conseguiu colocar o esférico no fondo das redes, culminando no segundo pau un centro de Zubo tras unha vistosa xogada do equipo verdinegro. A saída do descanso non foi afortunada para os de Jonathan Crespo, e nun período de tres minutos, o C. Xuventude Cambados, conseguiu poñer o resultado ao seu favor. Pero a constancia e a boa disposición táctica do Armenteira C.F. fixeron que, primeiro mediante un gol de libre directo de Adri e despois mediante outro de Zubo nunha xogada de contragolpe, o equipo de A Armenteira se acabase levando os tres puntos. O próximo partido para o equipo verdinegro será de novo coma visitante ante o cadro veciño do Meaño F.C., que tamén conta con vintecinco puntos no seu casilleiro, polo que se prevé de novo un encontro vistoso para todas aquelas persoas que se despracen ao campo da Área Recreativa de A Toxa.


















sábado, 16 de xaneiro de 2016

Clara vitoria do Armenteira Veteranos na súa visita a Catoira

O Armenteira Veteranos logrou este sábado unha clara vitoria por un gol a seis no partido que disputou no campo de As Lombas fronte ao Catoira-Restaurante Xiabre. Os diversos compromisos dos xogadores do equipo verdinegro fixeron que tivesen que presentarse en terras viquingas con unicamente once xogadores para medirse a un rival que só puido contar con dez efectivos. Con todo o partido non foi fácil para os visitantes que tiveron que aplicarse para levarse os tres puntos. Cun resultado de cero a un ao descanso a situación non convidaba á relaxación e foi na segunda metade cando o Armenteira Veteranos consegui distanciarse no marcador. Os tantos anotados por Manueliño e Galiñanes, ámbolos dous por partida dobre, e por Marcos e Marcial, fan subir ao conxunto de O Leixo á novena posición. A vindeira fin de semana o equipo verdinegro vai recibir a visita do equipo cangués do Montecarrasco Veteranos, último clasificado con cinco puntos.


A parroquia de A Armenteira celebra este domingo a súa tradicional festa de San Antonio Abad

Este domingo, como cada 17 de xaneiro, a parroquia de A Armenteira celebra as festas na honra de San Antonio Abad, santo patrono dos lugares da parroquia situados ao norte do lugar no que se atopa a capela adicada a este santo. Xentes dos distintos lugares de A Armenteira e dos arredores acudirán como cada ano á misa solemne que terá lugar na capela que se localiza no lugar de San Mamede, a escasos metros do esplendoroso mosteiro cisterciense que da fama ao lugar. A apretada axenda do párroco Don Ramón Fernández, que dende fai trinta e sete anos exerce o ministerio relixioso en A Armenteira, parroquia que comparte dende fai uns anos coas de Santa Cristina de Cobas, San Martiño de Padrenda, no veciño concello de Meaño, e coa de San Martiño de Meis, fixo que a cerimonia relixiosa tivera que trasladarse ás 14 horas. A continuación terá lugar unha actuación do grupo folclórico Os terribles de Arousa a e as tradicionais poxas de diversos produtos agrarios que os veciños ofrecen ao santo para que dea protección aos seus animais domésticos. O día de San Antonio Abad é un día especial en toda a parroquia, sobre todo en lugares como San Mamede, Castiñeiras, Fofán, Couso, Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, no que as familias se soen reunir para xantar e pasar este día desta celebración tan arraigada na parroquia. O luns día 18 será o segunda día de festas e a a capela de San Antonio volverá a acoller aos feligreses que desexen asistir ás misas que se celebrarán ás 10 e as 13 horas.


venres, 15 de xaneiro de 2016

O Armenteira Veteranos visita Catoira na décimo oitava xornada de liga

O Armenteira Veteranos desprázase esta fin de semana ata terras viquingas, onde o sábado, a partires das 16:15 se mide ao Catoira-Restaurante Xiabre-Abalo, un conxunto que se levou por un claro dous a cinco o partido da primeira volta no campo de O Leixo. O cadro catoirense ocupa a décimo cuarta posición na táboa, con quince puntos, doce menos que o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes. O Armenteira Veteranos non poderá dispoñer de todos os xogadores pero acude con esperanza de traer un resultado positivo do campo de As Lombas para consolidarse na zona tranquila da táboa e non perder de vista os postos de ascenso.


Vilagarcía S.D. e C. Xuventude Cambados, rivais por partida dobre dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán esta fin de semana como rivais unicamente dous clubes da comarca, o C. Vilagarcía S.D., ao que se enfrontarán o equipo benxamín e o equipo infantil, e o C. Xuventude Cambados, ao que se van enfrontar o equipo cadete e o equipo alevín.

O equipo alevín será o primeiro en vestirse de curto para recibir no campo de O Leixo, o sábado a partires das 10:30 horas ao C. Vilagarcía S.D. O equipo que están adestrando Víctor Saborido e José Ramón Dacosta afronta con ilusión este novo compromiso, a pesares de que non pode contar de novo con todos os seus efectivos, fronte a un rival que ocupa a séptima posición na táboa con vinteséis puntos. Na mente dos xogadores e xogadoras do equipo benxamín estará o seu adestrador dende principio de temporada, Valentín Estévez, que foi operado este venres da lesión na zona cranial que sufriu disputando un encontro co equipo no que milita, o Beiramar C.F. Ademais, tamén queren brindarlles a súa actuación á súa compañeira Sabela Rionegro, á que este xoves lle faleceu o avó, motivo polo cal se gardará un minuto de silenzo.

A continuación xogará o equipo cadete, que recibe tamén no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas ao C. Xuventude Cambados, un equipo que ocupa o décimo posto na clasificación con once puntos, dous menos que os rapaces que adestra Marcial Prado. O técnico de Meis non poderá ter por enésima ocasión o seu plantel completo. polo que agarda que os xogadores que salten ao terreo de xogo desenvolvan as súas máximas posibilidades para seguir escalando chanzos na táboa.

O equipo infantil visita a un rival moi esixente nesta xornada, o C. Vilagarcía S.D., segundo clasificado con trinta e sete puntos. Será no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, o sábado a partires das 18 horas. O equipo que adestran Martín Casais e Jonathan Crespo tratará de plantar cara a este compricado contricante, e para elo buscará reforzar a seguridade defensiva, unha das principais debilidades do equipo nesta temporada, e continuar coa liña en ataque da última xornada, na que foron quen de anotar catro goles.

Finalmente, o equipo alevín visita o domingo o campo de O Pombal, instalación deportiva ben coñecida por varios dos xogadores e xogadoras do equipo verdinegro, que acuden a adestran e xogar co equipo de categoría infantil, que esta temporada estableceu o seu feudo na vila do albariño. O seu rival será o C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado con trinta e un puntos, pero ao cal lograron vencer por catro goles a dos no encontro da primeira volta. Dende entón o equipo amarelo, adestrado por Alberto Charlín, ex-adestrador do fútbol base do Armenteira C.F., experimentou unha traxectoria ascendente, mentres que o cadro que adestra Jonathan Crespo foi estancándose na clasificación, ante as numerosas adversidades ás que tivo que enfrontarse. Será polo tanto un partido atractivo de cara o espectador, dado o gusto polo bo fútbol que profesan ambas escadras, no que se medirán dous clubes unidos por varios lazos en común e que, dende esta temporada, decidiron establecer un acordo de colaboración con visos de manterse de cara ao futuro.


















domingo, 10 de xaneiro de 2016

Un triunfo e tres derrotas para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

A primeira xornada que xogaban ao completo os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. deparou un triunfo, o do equipo alevín, e tres derrotas, dos equipos benxamín, cadete e infantil.

O equipo benxamín desprazouse esta fin de semana ata o campo de Baltar de Arriba para enfrontarse ao C. Xuventú Sanxenxo, onde foi derrotado por dez goles a cero. Este grupo de xogadores e xogadoras está pasando por múltiples vicisitudes nas últimas semanas, que fixeron que non puidese adestrar con normalidade, pero, a fe e a ilusión deste conxunto son tan firmes que, a pesares de todo, conseguen manter o seu ritmo de progresión. Víctor Saborido e José Ramón Dacosta puxéronse á fronte do equipo debido á baixa médica do adestrador Valentín Estévez e enfocarán o traballo desta semana cara o partido que na próxima fin de semana terán no campo de O Leixo contra o Vilagarcía S.D., séptimo clasificado do grupo con vinteséis puntos.

O equipo alevín recibía o sábado no campo de O Leixo ao C.D. Portas, ao que acabou impoñéndose por dous goles a cero, con tantos de Íñigo, de bolea dende longa distancia, e de Adri, tras rematar un centro despois dunha xogada combinativa. A forte choiva que caiu nos minutos finais fixo que nesa parte do encontro fose moi compricada a práctica do fútbol, xa que a superficie do terreo de xogo de O Leixo impedía unha adecuada circulación do balón, ao que se uniu a desaparición das liñas que delimitan o campo. Na próxima fin de semana o cadro que dirixe Jonathan Crespo visita o campo de O Pombal, en Cambados, onde se vai medir ao C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado con trinta e un puntos, nove máis que o equipo verdinegro, que se atopa empatado na séptima praza co Meaño C.F., con vintedous puntos.

O equipo cadete tiña un duro compromiso esta fin de semana, xa que visitaba o campo de O Revel, onde tiña que enfrontarse ao Vilalonga F.C., líder do grupo. O conxunto que dirixe Marcial Prado non acabou de collerlle o ritmo ao encontro e acabou sucumbindo ante a superioridade do rival, que acabou impoñéndose por cinco goles a cero. Na próxima fin de semana os rapaces do equipo verdinegro reciben no campo de O Leixo ao C. Xuventude Cambados, que se atopa no décimo posto, dous máis abaixo có Armenteira C.F., con once puntos, dous menos que o cadro de O Leixo.


Para finalizar a xornada, o equipo infantil recibía no seu feudo de O Pombal ao E.D. Arousa S.D. “B”, un equipo formado na súa práctica totalidade por rapazas e que destaca polo bo gusto do fútbol que practica, onde predominan o xogo combinativo e o desprazamento rápido do balón. Os dous goles de saque de curruncho que os visitantes anotaron cando apenas se cumprían tres minutos de xogo condenaron aos rapaces que adestra Martín Casais, que mantiveron a fe e a loita por remontar, conseguindo apretar o marcador, aínda que finalmente o cadro visitante acabou levándose o encontro cunha vitoria por catro goles a seis. Os catro goles do Armenteira C.F. foron obra do xogador meañés Álex Ruel, un deles dende o punto de penalti. Na próxima xornada o equipo infantil acudirá ao campo de Berdón, onde debe medirse ao Vilagarcía S.D., segundo clasificado do grupo con trinta e sete puntos.



sábado, 9 de xaneiro de 2016

Apurada vitoria do Armenteira Veteranos na primeira xornada de liga do ano 2016

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado no campo de O Leixo unha apurada vitoria ante o Salud S.D. Veteranos, nun encontro que se inicio no medio dun temporal de vento e choiva que estivo a piques de comprometer o desenvolvemento normal do espectáculo futbolístico. O conxunto local dispuxo de numerosas ocasións, especialmente na primeira metade, pero a falta de acerto ante a portería contraria fixo que o conxunto visitante se fose ao descanso cunha vantaxe de cero goles a un, despois de colocar no fondo das mallas do meta Joserra unha falta moi discutida polos locais. Na segunda metade o dominio do Armenteira Veteranos xa non foi tan intenso, pero un golpe franco materializado por Martín, en semifallo do porteiro do cadro de Valga, e un remate de Alfonso despois dunha boa xogada combinativa puxeron no marcador o dous a un final fronte a un Salud S.D. Veteranos que rematou o encontro con nove homes sobre o campo. Con este triunfo o equipo de O Leixo continúa na décima posición, con vintesete puntos. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos visitará o campo de O Cabalo, en Vilaboa, para enfrontarse ao Peña Rácing, o clube que se atopa un posto por enriba do cadro verdinegro.



venres, 8 de xaneiro de 2016

O Armenteira Veteranos disputa o seu primeiro partido do ano ante o Salud S.D.

O Armenteira Veteranos disputa este sábado a partires das 16:30 horas, no campo de O Leixo, seu primeiro partido do ano 2016. O rival sera o conxunto valgués do Salud S.D. Veteranos, un cadro que se atopa no décimocuarto posto con quince puntos. O equipo que capitanea José Luís Galiñanes, agarda que os habituais excesos das festas de Nadal non pasen factura, e quere comezar o ano cunha vitoria que o consolide na zona media da táboa e axude a certificar a permanencia no grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, no que se estreaba na presente temporada.


Xornada completa para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. para iniciar o 2016

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada completa, xa que na anterior soamente o equipo cadete disputou o seu encontro.

O primeiro en porse en marcha será o equipo benxamín, que se despraza ao campo de Baltar de Arriba para medirse a partires das 10 horas ao C. Xuventú Sanxenxo. O conxunto amarelo ocupa a décimoterceira posición con nove puntos, pero vai ser un duro rival para o equipo verdinegro, que por diversas circunstancias non puido traballar con normalidade nas últimas semanas. Os nenos e nenas do equipo alevín sairán con gañas de facer un bo partido para acadar un resultado positivo e adicarllo ao seu adestrador, o cambadés Valentín Estévez, que se atopa hospitalizado despois de ter sufrido un accidente deportivo no encontro de liga que disputou a pasada fin de semana co equipo equipo no que milita como xogador, o Beiramar C.F.

A continuación será a quenda do equipo alevín, que recibe a partires das 11:30 horas no campo de O Leixo ao C.D. Portas. O conxunto granate ocupa a décima posición con trece puntos, co que tampouco se presume como un rival fácil para a formación de dirixe Jonathan Crespo, que agarda sumar un triunfo que faga esquecer a mala racha na que está sumida nas últimas xornadas. O técnico valgués non poderá contar de novo con todos os seus efectivos, pero recupera a Migui, unha peza clave no eixo central da zaga.

O equipo cadete visita o campo de O Revel, onde disputará a partires das 12 horas o seu encontro ante o Vilalonga F.C., actual líder do grupo. Marcial Prado, o técnico verdinegro, amósase esperanzado con continuar o camiño iniciado na pasada xornada, cando venceron por cinco goles a un ao A.D. Arousa F-7, a pesares de que o rival desta xornada é un dos máis temibles e un claro favorito ao ascenso de categoría.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, ao E.D. Arousa S.D. "B", un conxunto formado case na súa totalidade por rapazas, que se atopa na décimocuarta plaza con nove puntos, e que destaca polo seu bo trato de balón e o seu rigor táctico, polo que non vai ser un rival cómodo para o bloque que adestra Martín Casais. O técnico verdinegro agarda que as fortes choivas que anuncian as previsións meteorolóxicas non inflúan no rendemento dos seus xogadores e poidan inaugurar dunha vez o seu casilleiro de puntos.






sábado, 2 de xaneiro de 2016

O equipo cadete do Armenteira C.F. comeza o ano cunha clara vitoria ante o A.D. Arousa F-7

O equipo cadete, o único dos conxunto do Armenteira C.F. que disputaba a súa xornada de liga nesta fin de semana, conseguiu este sábado no campo de O Leixo un claro triunfo ante o A.D. Arousa F-7- O partido comezou cun minuto de silenzo polo falecemento de Antonino Martínez Vilas, presidente da Comunidade de Montes Chan da Fonte, propietaria dos terreos onde seu ubica o campo de O Leixo, e persoa moi activa na vida política e social da parroquia de A Armenteira e do concello de Meis. Dende os primeiros minutos o cadro local impuxo o seu dominio, e só sentiu certos apuros cando o resultado chegou a situarse en dous goles a un. O hat trick do dianteiro cambadés Alberto, e os goles do talentoso Mathias e do extremo Gulte puxeron o cinco a un final, que deixa á formación que dirixe Marcial Prado na oitava plaza da clasificación con trece puntos. Na próxima fin de semana o equipo verdinegro debe rendir visita ao campo de O Revel para medirse ao Vilalonga F.C., terceiro clasificado con vintedous puntos.