A xornada desta fin de semana, a décimo quinta no que levamos de liga, deparou uns resultados favorables para os equipos de fútbol base, especialmente para o equipo cadete e o equipo alevín, que lograron impoñerse aos conxuntos do C. Xuventude Cambados da súa correspondente categoría.
O equipo benxamín recibía o sábado no campo de O Leixo a un duro rival, o C. Vilagarcía S.D. O cadro que están dirixindo Víctor Saborido e José Ramón Dacosta segue dando mostras de progresión e estivo máis incisivo en ataque, conseguindo perforar a portería contraria en dúas ocasións, por medio de Mateo e Brais Santamaría. O desplome físico habitual dos últimos minutos fixo que o resultado acabase sendo máis abultado do que indicaba o xogo despregado polos dous equipos, ata configurar o dous a doce final. Na próxima fin de semana o conxunto benxamín debe visitar o campo da Área Recreativa de A Toxa, en Meaño, para medirse ao actual líder do grupo, o Meaño F.C.
O equipo cadete conseguiu unha importante vitoria o sábado no campo de O Leixo ante o C. Xuventude Cambados. Nun partido moi dispustado o cadro dirixido por Marcial Prado conseguiu crear máis ocasións de gol có rival e, nunha delas, o dianteiro cambadés Alberto decantou o encontro a prol do conxunto local. Con este triunfo a formación verdinegra ascende á séptima posición, con dezaséis puntos, posición que agardar asegurar cun triunfo na visita que a próxima fin de semana realizará ao campo de Baltar de Arriba, onde deberá medir as súas forzas co C. Xuventú Sanxenxo, duodécimo clasificado con catro puntos.
O que non puido conseguir un resultado favorable foi o equipo infantil. Ante un difícil rival, o C. Vilagarcía S.D., segundo clasificado do grupo, o equipo que dirixiu Jonathan Crespo, plantexou unha primeira metade bastante seria dentro das súas posibilidades, pero a solidez que foi capaz de mostrar o conxunto, viuse abaixo tras o descanso, e o desgaste físico e moral dos xogadores fixo que acabasen sucumbindo ante un C. Vilagarcía S.D. moi superior, que acabou vencendo por quince goles a cero. Na próxima fin de semana o equipo infantil terá xornada de descanso, polo que aproveitarán para repoñer forzar e reforzarse moralmente de cara o que resta de temporada.
Para finalizar a xornada, o equipo alevín puxo un bonito broche á actuación dos equipos do Armenteira C.F. O equipo adestrado por Jonathan Crespo realizou un partido moi serio na súa visita ao campo de O Pombal para enfrontarse ao C. Xuventude Cambados. Nun escenario sobradamente coñecido pola maioría dos xogadores e xogadoras do cadro verdinegro e ante un rival co que o Armenteira C.F. estableceu un acordo de colaboración esta temporada o equipo de O Leixo saiu moi motivado ao terreo de xogo e mantivo unha gran intensidade dende o inicio, arroupado polo numeroso público que se congregou nas bancadas do campo cambadés. Nunha primeira parte moi igualada, con ocasión por ambos bandos, Adri conseguiu colocar o esférico no fondo das redes, culminando no segundo pau un centro de Zubo tras unha vistosa xogada do equipo verdinegro. A saída do descanso non foi afortunada para os de Jonathan Crespo, e nun período de tres minutos, o C. Xuventude Cambados, conseguiu poñer o resultado ao seu favor. Pero a constancia e a boa disposición táctica do Armenteira C.F. fixeron que, primeiro mediante un gol de libre directo de Adri e despois mediante outro de Zubo nunha xogada de contragolpe, o equipo de A Armenteira se acabase levando os tres puntos. O próximo partido para o equipo verdinegro será de novo coma visitante ante o cadro veciño do Meaño F.C., que tamén conta con vintecinco puntos no seu casilleiro, polo que se prevé de novo un encontro vistoso para todas aquelas persoas que se despracen ao campo da Área Recreativa de A Toxa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario