O equipo cadete foi o único equipo dos que compoñen as categorías de fútbol base do Armenteira C.F. que acadou a vitoria nesta fin de semana, na que foi en xeral unha actuación aceptable que non se viu acompañada por uns mellores resultados.
O conxunto de categoría alevín, o primeiro en saír a disputar o seu encontro, partía coa esperanza de acadar un novo triunfo que o situase entre os catro primeiros. O rival, a E.F.B. Vilanova, presentábase no campo de O Leixo coma un dos obstáculos máis difíciles a superar no que queda de temporada. É un equipo que destaca polo gusto polo toque de balón e un fútbol dinámico e combinativo. O gol de Adri, aproveitando un rexeitamento do porteiro vilanovés e un tiro de Zubo, parecía parecía que ía a marcar o rumbo dunha nova vitoria pero, dous goles do E.F.B. Vilanova levaron aos visitantes cunha vantaxe de un gol a dous ao descanso, resultado que acabaría sendo definitivo. Na segunda metade o cadro que dirixe Jonathan Crespo fíxose dono do encontro e dispuxo de ocasións para merecer como mínimo o empate, pero a orde defensiva e a boa colocación do rival, xunto co desacerto ante a portería contraria, impediron que conseguisen un mellor resultado. Para a próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará o partido que foi aplazado nas datas de Nadal ante o líder do grupo, o Portonovo S.D.
O equipo benxamín recibía a visita dun dos rivais ante os que, a priori, tendo en conta a clasificación de ambos conxuntos, tiña máis posibilidades de acadar un resultado positivo. Pero, a pesares da loita e o esforzo realizado sobre o terreo de xogo do campo de O Leixo polos rapaces e rapazas que está dirixindo Víctor Saborido, a S.D. Chispa logrou impoñer a súa maior experiencia táctica e a súa maior contundencia en ataque e venceu por cero goles a cinco. Na próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará tamén o partido aplazado nas datas de Nadal ante a S.D. Puentearnelas, que ocupa o primeiro posto na clasificación, cos mesmos puntos ca o Meaño F.C.
O que si conseguiu facerse coa vitoria foi o equipo cadete. O cadro que adestra Marcial Prado impúxose á E.F.B. Vilanova por dous goles a cero, o que confirma a racha de bo xogo e resultados das últimas xornadas. O equipo visitante acudiu ao campo de O Leixo coa intención de manter o dominio do balón e crear perigo polas bandas, pero a intensidade e o esforzo colectivo dos de Marcial Prado fixeron que os vilanoveses apenas puxesen en apuros ao meta Yago, e dous goles do Mathias, un cando estaba a piques de finalizar a primeira metade e outro cando faltaba un só minuto para o final do encontro deron esta importante vitoria ao Armenteira C.F. O centrocampista de Zacande levou a batuta do medio campo verdinegro de novo con mestría e volveu a ser desequilibrante con estes dous tantos. A próxima fin de semana será de descanso ligueiro para o equipo cadete, a espera de recibir ao Moraña C.F. o 13 de febreiro, na que será a primeira xornada da segunda volta.
Finalmente, o equipo infantil tiña un durísimo compromiso no campo de O Pombal, onde recibía ao San Martín C.F., líder invicto do grupo, que contaba por vitorias todos os encontros de liga disputados. Nun partido que o adestrador local, Martín Casais, plantexou para xogalo con intensidade e no insistiu na rixidez táctica, o equipo visitante non tardou en poñer de manifesto a súa superioridade e xa decantou o encontro nos intres iniciais do encontro, para acabar vencendo por cero goles a once. O público que, de forma numerosa, como soe acontecer cos partidos que disputa o equipo infantil nas mañás do domingo no campo de O Pombal agradeceu a entrega do xogador de categoría alevín do Armenteira C.F. Migui, que unha vez máis, tanto cando participa co equipo alevín, coma cando o fai co infantil, pelexou con garra e tenacidade cada balón, facendo que o flanco esquerdo da defensa verdinegra fose dificilmente penetrable polos xogadores do equipo de Vilaxoán, gañándose os aplausos dos afeccionados de ámbolos dous equipos e unha ovación aos finalizar o encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario