Buscar neste blog

venres, 8 de xaneiro de 2016

Xornada completa para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. para iniciar o 2016

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada completa, xa que na anterior soamente o equipo cadete disputou o seu encontro.

O primeiro en porse en marcha será o equipo benxamín, que se despraza ao campo de Baltar de Arriba para medirse a partires das 10 horas ao C. Xuventú Sanxenxo. O conxunto amarelo ocupa a décimoterceira posición con nove puntos, pero vai ser un duro rival para o equipo verdinegro, que por diversas circunstancias non puido traballar con normalidade nas últimas semanas. Os nenos e nenas do equipo alevín sairán con gañas de facer un bo partido para acadar un resultado positivo e adicarllo ao seu adestrador, o cambadés Valentín Estévez, que se atopa hospitalizado despois de ter sufrido un accidente deportivo no encontro de liga que disputou a pasada fin de semana co equipo equipo no que milita como xogador, o Beiramar C.F.

A continuación será a quenda do equipo alevín, que recibe a partires das 11:30 horas no campo de O Leixo ao C.D. Portas. O conxunto granate ocupa a décima posición con trece puntos, co que tampouco se presume como un rival fácil para a formación de dirixe Jonathan Crespo, que agarda sumar un triunfo que faga esquecer a mala racha na que está sumida nas últimas xornadas. O técnico valgués non poderá contar de novo con todos os seus efectivos, pero recupera a Migui, unha peza clave no eixo central da zaga.

O equipo cadete visita o campo de O Revel, onde disputará a partires das 12 horas o seu encontro ante o Vilalonga F.C., actual líder do grupo. Marcial Prado, o técnico verdinegro, amósase esperanzado con continuar o camiño iniciado na pasada xornada, cando venceron por cinco goles a un ao A.D. Arousa F-7, a pesares de que o rival desta xornada é un dos máis temibles e un claro favorito ao ascenso de categoría.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, ao E.D. Arousa S.D. "B", un conxunto formado case na súa totalidade por rapazas, que se atopa na décimocuarta plaza con nove puntos, e que destaca polo seu bo trato de balón e o seu rigor táctico, polo que non vai ser un rival cómodo para o bloque que adestra Martín Casais. O técnico verdinegro agarda que as fortes choivas que anuncian as previsións meteorolóxicas non inflúan no rendemento dos seus xogadores e poidan inaugurar dunha vez o seu casilleiro de puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario