Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. disputarán como locais os seus partidos desta fin de semana, a décimo séptima no que levamos de liga, co que tratarán de aproveitar as vantaxes que esta situación lles poida ofrecer para acadar resultados favorables.
O primeiro equipo en saír a disputar o seu encontro será o conxunto de categoría alevín. A formación que está dirixindo con éxito Jonathan Pérez recibe a visita, no campo de O Leixo, a partires das 10 horas, da E.F.B. Vilanova. Os vilanoveses venceron no encontro da primeira volta aos verdinegros no encontro da primeira volta, na que quizais foi a derrota máis cruel que sufriu este conxunto nesta temporada, xa que se produciu tras un gol de falta no último minuto. Actualmente o cadro blanquiazul atópase na quinta posición, con tres puntos máis ca o Armenteira C.F., polo que o triunfo sería crucial para que o o equipo verdinegro siga escalando chanzos na táboa e manteña a esperanza de loitar polos primeiros postos do grupo. O adestrador local volverá a ter algunhas baixas significativas, pero confía en na boa racha do equipo nas últimas semanas o no acerto goleador do dianteiro Zubo.
A continuación, o campo de O Leixo volverá a ser o escenario dun novo partido. Será o que disputen a partires das 11 horas o equipo benxamín do Armenteira C.F. e a S.D. Chispa. O cadro que está dirixindo Víctor Saborido prosegue coa súa lenta progresión, e este grupo de rapaces e rapazas, que a pesares dos resultados pouco favorables acadados no que levamos de liga, manteñen a ilusión e a fe por seguir traballando, agardan ter fortuna nesta ocasión. O técnico local contará coa práctica totalidade do seu plantel ante un rival que se atopa un posto por enriba na clasificación, con tres puntos, polo que se presume un enfrontamento intenso entre ambas escadras.
Tamén na mañá do sábado, e tamén no campo de O Leixo, o Armenteira C.F. e a E.F.B. Vilanova volven a medirse con dous dos seus conxuntos, neste caso cos de categoría cadete, a partires das 12 horas. A formación que adestra Marcial Prado leva unha traxectoria irregular esta temporada, lonxe das posibilidades que a calidade dos seus xogadores poderían ofrecer, pero agarda poder dar unha nova alegría á súa afección ante un equipo rival que se atopa no terceiro posto da clasificación con vinteoito puntos, once máis ca os locais. Pero os verdinegros teñen sobradas capacidades para conseguir levarse os tres puntos, como xa o fixeron ante cadros tan potentes como o C.D. Ribadumia, actual líder do grupo. A calidade na línea medular de Mathias, o desborde de Villa polos costados, a contundencia de Alberto en ataque e, principalmente, a forza do colectivo, son os principais avais que presentan os de Marcial Prado para conseguir unha nova vitoria.
Finalmente, xa na xornada do domingo, o equipo infantil recibe no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, ao San Martín C.F a partires das 11:30 horas. O conxunto de Vilaxoán está realizando unha temporada impecable e conta todos os seus partidos por vitoria, polo que se presenta como un máis que compricado test para os rapaces que adestra Martín Casais. O técnico local agarda que a xornada de descanso da fin de semana pasada servise para que os compoñentes do seu equipo puidesen repoñer forzas e rearmarse de moral para afrontar este difícil encontro e un treito final de temporada no que poder acadar por fin os triunfos que tanto ansían.
Ningún comentario:
Publicar un comentario