Nunha fría tarde e nun horario tardío para o que soen acostumar os partidos da liga de veteranos, o campo de Baltar de Arriba, en Portonovo, contemplou como o Armenteira Veteranos conseguía a que é a súa quinta vitoria consecutiva na temporada na que debuta no grupo 4A. O Pescados Nieves foi nesta ocasión a vítima desta racha positiva do conxunto verdinegro, que sen realizar un fútbol brillante e falto da intensidade no xogo que o caracteriza conseguiu impoñerse por cero goles a un fronte a un rival que trataba de facer circular o balón, pero ao que lle faltou velocidade e mordente nos metros finais. O tanto acadado por Marcos, un xogador máis afeito a xogar preto da área propia ca da contraria, pero que cando se achega á meta rival mostra un olfato goleador sorprendente nun futbolista de contención, serviu para dar o triunfo aos de A Armenteira, que aínda puido ser maior de convertir alguna das situacións de man a man ante o ex-gardameta verdinegro Jose das que dispuxeron os dianteiros visitantes. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos recibe no campo de O Leixo ao Monteporreiro-Muebles El Almacén, un conxunto que o supera na clasificación, pero ao que xa derrotou por cero goles a dous no partido da primeira volta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario