Buscar neste blog

domingo, 24 de xaneiro de 2016

Un triunfo, un empate e unha derrota para os equipos do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os tres equipos de fútbol base que disputaron xornada de liga esta fin de semana, o equipo benxamín, o equipo cadete e o equipo alevín acadaron distintos resultados y tiveron unha fortuna desigual nos seus encontros.

O equipo benxamín tivo que facer fronte a un duro rival, o Meaño F.C., líder momentáneo da clasificación e que dende o inicio conseguiu impoñer a súa clara superioridade fronte a un conxunto do Armenteira C.F. no que a inexperiencia e a falta de rodaxe da maior parte dos seus xogadores e xogadoras seguen supoñendo unha lousa moi pesada a erguer. O cadro que está dirixindo Víctor Saborido recibiu no campo da Área Recreativa de A Toxa unha aplastante derrota por quince goles a cero ante a escadra meañesa e, nin sequera a presenza nas bancadas de Valentín Estévez, adestrador do equipo dende principios de temporada, que segue coa súa recuperación dunha lesión cranial, serviu para que puidesen anotar polo menos algún gol. A próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá a visita no campo de O Leixo da S.D. Chispa, un conxunto que se atopa na décimo séptima posición con tres puntos, un posto por enriba do cadro verdinegro.

O equipo cadete afrontaba un encontro intenso o no campo de Baltar de Arriba, no que a rivalidade entre os dous conxuntos volveu a ser a nota predominante. Nun enfrontamento no que os de Marcial Prado tiveron o dominio da pelota durante a maior parte dos minutos destacou sobre todo a figura de Villa. O extremo do Armenteira C.F. estivo moi incisivo pola banda dereita na primeira metade e pola esquerda na segunda, esquivando a contundencia coa que se empregaron os defensas rivais, pero as ocasións que saíron das súas botas non foron convertidas en gol nin el nin os seus compañeiros, polo que ao final o marcaror quedou co cero a cero inicial. A próxima fin de semana o equipo cadete terá outra dura proba coa visita ao campo de o Leixo da E.F.B. Vilanova, que ocupa o terceiro posto con vinteoito puntos, once máis ca os xogadores verdinegros.

Finalmente, o equipo alevín tiña tamén un duro compromiso en terras meañesas. O seu rival atopábase empatado a vintecinco puntos co cadro que dirixe Jonathan Crespo. Pero a seriedade, o rigor táctico e a motivación que caracterizan nos últimos encontros aos rapaces e rapazas do conxunto alevín, xunto co apoio dunha afección cada vez máis numerosa e animada, fixo que acabaran impoñéndose nun enfrontamento intenso, no que a vitoria foi bastante máis sufrida do que pode dar a entender o cero a tres final. Un gol de Zubo cando se levaba unicamente un minuto de partido e os do mediocampista Hugo e de novo de Zubo culminando sendos contragolpes xa na segunda metade deron un novo triunfo nun encontro que curiosamente se repetiu o resultado co que os meañeses se levaran os tres puntos do campo de O Leixo na primeira volta. Con esta vitoria o equipo alevín sitúase na séptima plaza da clasificación con vinteoito puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo a outro esixente rival, o E.F.B. Vilanova, cuarto clasificado con tres puntos máis, e que derrotou aos de Jonathan Crespo por tres goles a dous no partido da primeira volta.




















Ningún comentario:

Publicar un comentario