Buscar neste blog

venres, 15 de xaneiro de 2016

Vilagarcía S.D. e C. Xuventude Cambados, rivais por partida dobre dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán esta fin de semana como rivais unicamente dous clubes da comarca, o C. Vilagarcía S.D., ao que se enfrontarán o equipo benxamín e o equipo infantil, e o C. Xuventude Cambados, ao que se van enfrontar o equipo cadete e o equipo alevín.

O equipo alevín será o primeiro en vestirse de curto para recibir no campo de O Leixo, o sábado a partires das 10:30 horas ao C. Vilagarcía S.D. O equipo que están adestrando Víctor Saborido e José Ramón Dacosta afronta con ilusión este novo compromiso, a pesares de que non pode contar de novo con todos os seus efectivos, fronte a un rival que ocupa a séptima posición na táboa con vinteséis puntos. Na mente dos xogadores e xogadoras do equipo benxamín estará o seu adestrador dende principio de temporada, Valentín Estévez, que foi operado este venres da lesión na zona cranial que sufriu disputando un encontro co equipo no que milita, o Beiramar C.F. Ademais, tamén queren brindarlles a súa actuación á súa compañeira Sabela Rionegro, á que este xoves lle faleceu o avó, motivo polo cal se gardará un minuto de silenzo.

A continuación xogará o equipo cadete, que recibe tamén no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas ao C. Xuventude Cambados, un equipo que ocupa o décimo posto na clasificación con once puntos, dous menos que os rapaces que adestra Marcial Prado. O técnico de Meis non poderá ter por enésima ocasión o seu plantel completo. polo que agarda que os xogadores que salten ao terreo de xogo desenvolvan as súas máximas posibilidades para seguir escalando chanzos na táboa.

O equipo infantil visita a un rival moi esixente nesta xornada, o C. Vilagarcía S.D., segundo clasificado con trinta e sete puntos. Será no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, o sábado a partires das 18 horas. O equipo que adestran Martín Casais e Jonathan Crespo tratará de plantar cara a este compricado contricante, e para elo buscará reforzar a seguridade defensiva, unha das principais debilidades do equipo nesta temporada, e continuar coa liña en ataque da última xornada, na que foron quen de anotar catro goles.

Finalmente, o equipo alevín visita o domingo o campo de O Pombal, instalación deportiva ben coñecida por varios dos xogadores e xogadoras do equipo verdinegro, que acuden a adestran e xogar co equipo de categoría infantil, que esta temporada estableceu o seu feudo na vila do albariño. O seu rival será o C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado con trinta e un puntos, pero ao cal lograron vencer por catro goles a dos no encontro da primeira volta. Dende entón o equipo amarelo, adestrado por Alberto Charlín, ex-adestrador do fútbol base do Armenteira C.F., experimentou unha traxectoria ascendente, mentres que o cadro que adestra Jonathan Crespo foi estancándose na clasificación, ante as numerosas adversidades ás que tivo que enfrontarse. Será polo tanto un partido atractivo de cara o espectador, dado o gusto polo bo fútbol que profesan ambas escadras, no que se medirán dous clubes unidos por varios lazos en común e que, dende esta temporada, decidiron establecer un acordo de colaboración con visos de manterse de cara ao futuro.


















Ningún comentario:

Publicar un comentario