Buscar neste blog

domingo, 10 de xaneiro de 2016

Un triunfo e tres derrotas para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

A primeira xornada que xogaban ao completo os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. deparou un triunfo, o do equipo alevín, e tres derrotas, dos equipos benxamín, cadete e infantil.

O equipo benxamín desprazouse esta fin de semana ata o campo de Baltar de Arriba para enfrontarse ao C. Xuventú Sanxenxo, onde foi derrotado por dez goles a cero. Este grupo de xogadores e xogadoras está pasando por múltiples vicisitudes nas últimas semanas, que fixeron que non puidese adestrar con normalidade, pero, a fe e a ilusión deste conxunto son tan firmes que, a pesares de todo, conseguen manter o seu ritmo de progresión. Víctor Saborido e José Ramón Dacosta puxéronse á fronte do equipo debido á baixa médica do adestrador Valentín Estévez e enfocarán o traballo desta semana cara o partido que na próxima fin de semana terán no campo de O Leixo contra o Vilagarcía S.D., séptimo clasificado do grupo con vinteséis puntos.

O equipo alevín recibía o sábado no campo de O Leixo ao C.D. Portas, ao que acabou impoñéndose por dous goles a cero, con tantos de Íñigo, de bolea dende longa distancia, e de Adri, tras rematar un centro despois dunha xogada combinativa. A forte choiva que caiu nos minutos finais fixo que nesa parte do encontro fose moi compricada a práctica do fútbol, xa que a superficie do terreo de xogo de O Leixo impedía unha adecuada circulación do balón, ao que se uniu a desaparición das liñas que delimitan o campo. Na próxima fin de semana o cadro que dirixe Jonathan Crespo visita o campo de O Pombal, en Cambados, onde se vai medir ao C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado con trinta e un puntos, nove máis que o equipo verdinegro, que se atopa empatado na séptima praza co Meaño C.F., con vintedous puntos.

O equipo cadete tiña un duro compromiso esta fin de semana, xa que visitaba o campo de O Revel, onde tiña que enfrontarse ao Vilalonga F.C., líder do grupo. O conxunto que dirixe Marcial Prado non acabou de collerlle o ritmo ao encontro e acabou sucumbindo ante a superioridade do rival, que acabou impoñéndose por cinco goles a cero. Na próxima fin de semana os rapaces do equipo verdinegro reciben no campo de O Leixo ao C. Xuventude Cambados, que se atopa no décimo posto, dous máis abaixo có Armenteira C.F., con once puntos, dous menos que o cadro de O Leixo.


Para finalizar a xornada, o equipo infantil recibía no seu feudo de O Pombal ao E.D. Arousa S.D. “B”, un equipo formado na súa práctica totalidade por rapazas e que destaca polo bo gusto do fútbol que practica, onde predominan o xogo combinativo e o desprazamento rápido do balón. Os dous goles de saque de curruncho que os visitantes anotaron cando apenas se cumprían tres minutos de xogo condenaron aos rapaces que adestra Martín Casais, que mantiveron a fe e a loita por remontar, conseguindo apretar o marcador, aínda que finalmente o cadro visitante acabou levándose o encontro cunha vitoria por catro goles a seis. Os catro goles do Armenteira C.F. foron obra do xogador meañés Álex Ruel, un deles dende o punto de penalti. Na próxima xornada o equipo infantil acudirá ao campo de Berdón, onde debe medirse ao Vilagarcía S.D., segundo clasificado do grupo con trinta e sete puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario