Buscar neste blog

xoves, 31 de marzo de 2016

O equipo alevín logra un triunfo en Barro que o mantén na zona alta da táboa

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou vencer na tarde deste xoves ao Barro C.F. por dous goles a seis no campo de Outeiro-Perdecanai no partido corresponde á vixésimo cuarta xornada que tivo que ser adiantado a causa das celebracións festivos que teñen lugar estes días na parroquia de A Armenteira. Con esta vitoria o conxunto verdinegro colócase provisionalmente no quinto posto da táboa clasificatoria con corenta e catro puntos. Foi nun encontro no que os rapaces e rapazas que dirixe Jonathan Crespo entraron fríos, a tono coa temperatura exterior, con moitas imprecisións sobre un céspede que fora regado con intensidade, e no que a duras penas conseguían facer circular o balón con relativa fluidez. As chegadas producíanse de forma esporádica coas entradas polos costados de Manu Meixús e Adri e cos balón en profundidade que trataban de aproveitar a velocidade en ataque de Zubo. Foi nun rexeitamento a un lanzamento de falta de Hugo, no que Adri recolleu o balón e o introduciu dentro das mallas visitantes como se adiantou o Armenteira C.F. Parecía que este tanto encarrilaba o encontro para o cadro verdinegro, pero nunha xogada embarullada na que nin o porteiro nin os defensas conseguiron despexar a pelota, o Barro C.F. lograba a igualada coa que se chegou ao descanso. Na segunda metade, as intruccións que o técnico visitante deu no vestiario pareceron ser efectivas e o conxunto de O Leixo foi pouco a pouco despexándose no marcador. Un gol de Zubo culminando un contragolpe, outro do central Xoán cun disparo de longa distancia, un de Mosteiro cun disparo cruzado dende o borde da área, outro do defensa local Diego Búa en propia porta e, finalmente, un gol de Adri dende o borde da área, ao que os locais deron resposta cun saque directo dende o centro do campo que a gardameta Anabel non deu alcanzado, conformaron o dous a seis co que finalizou o encontro. Con estes tres puntos o Armenteira C.F. mantense nos postos privilexiados da clasificación e, no caso de finalizar a liga nesa posición, a formación que adestra Jonathan Crespo tería dereito a participar nunha hipotética fase de ascenso á Primeira Autonómica Alevín da modalidade de fútbol-8. Pero para elo deberá superar con éxito as dúas esixentes probas que lle quedan antes de que a temporada chegue á súa fin, que serán o partido que o medirá a próxima fin de semana no campo de O Leixo á S.D. Noalla e o que o medirá na seguinte xornada ao Portonovo S.D. no campo de Baltar-Fútbol-7. Entre medias destas citas disputará o encontro da primeira eliminatoria da Copa Deputación, no que debe visitar o feudo do A.D. Arousa F-7, con data e hora aínda por confirmar.


mércores, 30 de marzo de 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. inaugura a vixésimo cuarta xornada en Perdecanai

O equipo alevín desprázase este xoves ata o campo de Outeiro-Perdecanai para disputar a partires das 20 horas o encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada ante o Barro C.F. As celebracións festivas que vive estes días a parroquia de A Armenteira obrigaron a adiantar a data dun partido que terá lugar nun campo ao que recentecemente se dotou de céspede artificial. Ata a pasada temporada o Barro C.F. e o Armenteira C.F. eran os únicos clubes da zona con equipos de fútbol base que disputaban os seus partidos sobre terreo de xogo de terra, co que na actualidade soamente o clube de O Leixo se ve obrigado a utilizar esta superficie nos seus encontros como local. No duelo que tiveron na primeira volta o Armenteira C.F. e o Barro C.F. o resultado final foi de empate a dous goles, nun partido no que o equipo visitante chegou a dispoñer dunha vantaxe de cero goles a dous, que un equipo verdinegro con importantes baixas conseguiu remontar con dous goles de Adri. Para a cita de mañá o técnico do Armenteira C.F., o valgués Jonathan Crespo, realizou unha convocatoria de catorce xogadores e xogadoras, entre os cales están boa parte dos que participaron máis habitualmentes no que levamos de temporada. A diferenza na clasificación entre o equipo de O Leixo, sétimo clasificado con corenta e un puntos, e o de Barro, décimo con vintedous puntos, podería facer pensar que o conxunto de verde e negro parte como favorito, pero o carácter combativo e a fortaleza como local do Barro C.F. fan pensar que lograr a vitoria non vai ser tarea fácil para os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo.




domingo, 27 de marzo de 2016

As malas previsións meteorolóxicas ameazan a celebración da romaría das Cabezas

O mal tempo que azotou a comarca de O Salnés durante esta fin de semana ameaza a celebración dos distintos eventos que tiñan previsto celebrarse na parroquia de A Armenteira co motivo da romaría da Virxe das Cabezas. De feito, a comisión de festas O Noso ven de anunciar a suspensión do primeiro destes eventos, a XIV Festa da Xuventude. O forte vento e a chuvia, que facían temer pola seguridade dos asistentes, obrigaron a suspender as actuacións que esta noite ían protagonizar os grupos Eondry e Outro Carallo, ademais do Show Eme Music, encabezado pola actriz e cantante Eva Iglesias, participante habitual no programa da Televisión de Galicia Land Rober Tunai Show e que tanta expectación espertara. Para a xornada do luns as previsións meteorólicas non son tan desfavorables, polo que dende a comisión organizadora agardan que non impidan a afluencia de romeiros ás inmediacións do mosteiro. Os máis devotos terán a oportunidade de disfrutar dun extenso programa de oficios relixiosos, con misas en horario de mañá ás 9, 10, 11, 12 e 13 horas, esta última cantada por un coro local, e en horario de tarde ás 17, 18, 19 e 20 horas. A romaría das Cabezas soe reunir a milleiros de persoas dos distintos lugares da contorna que teñen por tradición subir andando polas múltiples rutas que conducen a A Armenteira. Tamén é notable a asistencia de romeiros en coches particulares, en autobús ou incluso en bicicleta ou a cabalo que converten a A Armenteira no principal centro de atracción da comarca cada luns de Pascua. Esta celebración supón ademais unha importante fonte de ingresos para a economía local, en especial para os locales de hostalería que se sitúan no entorno do mosteiro, que obteñen nestes días boa parte da recadación do ano.



venres, 25 de marzo de 2016

O Armenteira C.F. vive unha nova experiencia no Arousa Fútbol-7

O Armenteira C.F. volveu a estar representado na fase previa do torneo internacional de categoría alevín Arousa Fútbol-7, disputada no campo Manuel Jiménez de Vilagarcía de Arousa durante as xornadas deste xoves e este venres. O cadro dirixido por Jonathan Crespo acudiu a esta cita cunha convocatoria de quince xogadores e xogadores, cifra máxima que permite o torneo, no cal foi encadrado no grupo D xunto a rivais como a E.D. Xuventude Oroso, o San Tirso S.D. "A", O Hernani Gonçalves e a E.D. Ourense “B”. O nivel destes equipos, pertencentes a potentes escolas de fútbol cun número de rapaces e rapazas e cuns recursos moi superiores aos que posúe o  Armenteira C.F. facían presaxiar que os resultados non serían moi favorables.

Derrotas por  cero goles a dez fronte á E.D. Xuventude Oroso, por cero goles a cero fronte ao San Tirso S.D. “A”, por sete a un fronte ao Hernani Gonçalves e por sete a cero fronte a E.D. Ourense “B” son un claro indicativo desta evidente diferenza de nivel. Cabe destacar o gol de Zubo fronte aos ourensanos, aproveitando un balón longo despexado por Fran que, tras controlalo coa cabeza foi capaz de chegar fronte ao porteiro rival nunha dura pugna co defensa e cruzarla sobre a súa saída. Polo demais, dende a entidade verdinegra sinálase que a experiencia foi altamente enriquecedora, permitindo que todos os xogadores e xogadoras desprazados ata Vilagarcía dispuxesen de minutos e puidesen disfrutar dun evento que está considerado entre os mellores torneos de fútbol base que se celebran en España. A imaxe do Armenteira C.F. son quedou a gran altura polo excelente traballo do corpo técnico e polo exquisito comportamento do grupo de xóvenes futbolistas, que ademais para esta ocasión luciron unha equipación completa con chándal, sudadera, cazadora, mochila, polo ou chubasqueiro, que fixo que nada tiveran que envexar a calquera outro clube dos que participaron no que a este sentido se refire.

A parte da fase previa disputada durante este xoves e venres tivo dous campións, a E.F. Rácing de Ferrol e o C.D. Cuatrovientos, un clube de Ponferrada que acude asiduamente a este torneo. Probablemente algún dos xogadores e xogadoras que saltaron estes días ao céspede do Manuel Jiménez chegue algún día a formar parte do elenco de futbolistas das ligas profesionais. Non sabemos se será un dos compoñentes da delegación do Armenteira C.F. ,quizais si ou quizais non, pero polo menos terán a honra de ter disfrutado da súa afección favorita con rapaces e rapazas que tiveron a fortuna de ver cumplido o seu soño nuns días que para sempre serán recordados pola desaparición de Johan Cruyff, un dos máis grandes que deu o deporte do balompé, que revolucionou o fútbol moderno e que deixou para sempre uns conceptos que os formadores do fútbol base se esforzan en inculcar ás novas xeracións.



mércores, 23 de marzo de 2016

Os días de A Armenteira

Ao igual que o 4 de febreiro é o día mundial contra o cancro ou o 22 de marzo o día internacional da auga, alguén veu en denominar dende fai uns anos ao luns de Pascua como o día de A Armenteira. Para os que vivimos neste lugar, quizais máis puristas á hora de dar nome ás festividades locais, todos os días son días de A Armenteira, e non só para nós, senón tamén para as ducias de persoas que día tras día, especialmente nas fins de semana e en época de vacacións, se achegan ata esta parroquia e fixan o seu punto de encontro no mosteiro cirterciense e nos locais de hostelería que hai no seu entorno. A apertura da Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro cun nome demasiado xenérico e pouco identificativo, ao que algúns preferiríamos denominar como Ruta dos Muíños do Río Armenteira, deu un pulo considerable á chegada de visitantes a este emblemático lugar, e convertiuno nun dun principais atractivos turísticos da comarca e da provincia de Pontevedra, como reflicte o cálculo do número de visitas que se leva a cabo dende a oficina que Turismo Rías Baixas estableceu no interior do mosteiro de A Armenteira. Pero, con todo, as datas da Semana Santa, e en particular o luns de Pascua, coa celebración da tradicional romaría das Cabezas, a afluencia de visitantes multiplicánse e a nosa parroquia é nese día un gran foco de atracción de visitantes de distintas partes de Galicia. Rosquilleiras, vendedores de figuras de cera, polbeiras e todo tipo de postos de venda de artigos típicos destas celebracións festivas dan a Armenteira un aire cosmopolita e á vez enxebre e fan que xentes de todas as idades, pero especialmente os xóvenes, entre os cales este evento sempre ten un arraigo especial, disfruten dunha xornada de diversión que soe prolongar durante varias horas.

Do mesmo xeito que o nosa parroquia centra a atención dun gran número de persoas nestas datas, dende fai uns anos o Armenteira C.F., clube que pasea con orgullo o nome da súa parroquia polos campos de fútbol da contorna, acude a un torneo internacional no que se dan cita algunha das entidades deportivas con maior solera de Galicia, de España ou doutros países. A iniciativa sempre emprendedora de Martín Casais embarcou aló polo ano 2011 ao Armenteira C.F. nun rumbo que dende entón decidiu non variar. A participación na fase previa do torneo Arousa Fútbol-7 convertiuse nun compromiso obrigado durante a Semana Santa para a entidade que viste as cores verdes e negras, e ano tras ano, os rapaces e rapaces do seu equipo de categoría alevín teñen a oportunidade de disfrutar e de fortalecer a súa formación como futbolistas nun evento que está considerado entre os máis importantes a nivel de fútbol base dos que se celebran en España. O cadro dirixido por segundo ano consecutivo por Jonathan Crespo, un adestrador chegado a estes lares procedente das terras do Ulla, e a quen, como el mesmo afirma, a casualidade e o Armenteira C.F., permitíronlle descubrir a súa verdadeira paixón, o noble oficio de formar e guiar polo mundo do balompé a este xóvenes futbolistas, volverá a ter a oportunidade de parcicipar este xoves e venres neste prestixioso torneo. O gusto polo toque e o planificación das tarefas de adestramentos e dos partidos sempre co balón como referencia son sinais de identidade que o técnico de Valga trata de imprimir no clube verdinegro, e o seu traballo e implicación están dando os seus froitos na máis que meritoria campaña que está realizando o equipo alevín. Cunha convocatoria de quince futbolistas, número ao que as normas da organización obriga a reducir o extenso plantel con vinte licenzas federativas do que dispón, o Armenteira C.F. preséntase en Vilagarcía coa intensión de disfrutar do fútbol e, dito sexa de paso, de poder plasmar sobre o terreo do xogo do campo Manuel Jiménez a progresión futbolística experimentada nos últimos tempos. Sergio e Anabel como porteiros, Íñigo, Xoán, Migui e Fran, na liña defensiva, Hugo, Adri, Manu Meixús, Mosteiro, Junior e Jonathan Osuna na zona medular e Zubo, Jeffrey e Sara Rey no ataque conforman un grupo de xogadores e xogadoras con ansias de balón e de aprender dun espectáculo deportivo de tal magnitude. O Xuventude Oroso, o San Tirso S.D. "A", o Hernani Gonçalves e a E.D. Ourense "B", equipos cos que a escadra de O Leixo comparte grupo, así como todos os demais conxuntos que tamén asistirán a este campioniato e que, dunha maneira ou outra, se van decatar da presenza do Armenteira, axudarán a que o clube verde e negro derrubando fronteiras e que, pouco a pouco, os horizontes se vaian ampliando para unha entidade á que agardan unhas perpectivas de futuro que o poden convertir nun dos grandes referentes a nivel fútbolístico da comarca de O Salnés.














martes, 22 de marzo de 2016

A parroquia de A Armenteira vivirá dende o próximo domingo as súas festas máis multitudinarias

A partires deste domingo a parroquia de A Armenteira vivirá as súas tradicionais festas de Semana Santa, sen dúbida as que maior número de xente congregan neste precioso entorno do concello de Meis. O calendario festivo comezará o domingo 27 co Encontro das Xuventudes da Romaría das Cabezas, no que todas aquelas personas que acudan poderán disfrutar dunha verbena na que actuarán os grupos Eondry, Outro Carallo e o Show Eme Music, encabezado pola televisiva Eva Iglesias, actriz e cantante que participa habitualmente no exitoso programa da Televisión de Galicia Land Rober Tunai Show, ao que asistiron convidados a pasada semana os representantes da Comisión de Festas O Noso, organizadora deste programa de festas. O luns día 28 será o día forte das festas de A Armenteira, xa que terá lugar a popular romaría da Virxe das Cabezas, unha das máis arraigadas na comarca, e que reúne nos arredores do famoso mosteiro de estilo románico a milleiros de persoas. Ben sexa por devoción ou ben sexa simplemente por diversión, son moitos os visitantes que acuden na xornada do luns de Pascua a A Armenteira. Os distintos camiños que conducen ao mosteiro énchense de camiñantes, mentres os coches e os autobuses poboan as leiras convertidas ocasionalmente en aparcadoiros, e dende fai uns anos, as tendas de campaña decidiron tamén unirse a este evento e tinguen de cor os arredores da zona do campo da festa. O panorama festivo extenderase ata o sábado 2 de abril cando se celebra a tradicional verbena na honra da Virxe dos Dolores, á que dende fai uns anos a comisión de festas se afana en traer algunhas das máis afamadas orquestras de Galicia. Nesta ocasión actuarán Pontevedra e Palladium, que sen dúbida farán disfrutar co seu espectáculo musical aos numerosos asistentes á verbena que porá fin ás festas de Pascua de A Armenteira.


O Armenteira C.F. participa de novo a partires deste xoves no torneo Arousa Fútbol-7

O Armenteira C.F. vai participar a partires deste xoves á fase previa do torneo internacional de categoría alevín Arousa Fútbol-7 que se disputará unha vez máis no campo Manuel Jiménez de Vilagarcía de Arousa. A presenza do clube verdinegro nesta cita, considerada como o torneo desta categoría máis importante de España, vense repetindo dende fai seis anos, polo que os xogadores e xogadoras do cadro que dirixe Jonathan Crespo volverán a ter a oportunidade de disfrutar dun espectáculo deportivo de gran nivel, no que participan algúns dos clubes con maior potencial no referente ao fútbol formativo de Galicia, doutras Comunidades Autónomas e incluso de Portugal. A fase previa deste torneo divídese en dúas partes, a primeira é a que terá lugar o xoves e o venres, na que competirá o Armenteira C.F., e a segunda terá lugar o sábado e o domingo. Cada unha destas fases terá dous campións, que conseguirán o pase para a fase final, a celebrar en xuño, á que acoden como invitados os clubes con mellores canteiras de España e do mundo. Celta, Deportivo, Real Madrid, Barcelona, París Saint-Germain, Inter de Milán, ou incluso Boca Juniors ou River Plate son algúns dos clubes que se soen dar cita nesta fase final, pola que pasaron algúns xogadores que hoxe en día forman parte do estrelato futbolístico como Jordi Alba, Thiago Alcántara, Dani Carvajal, Marc Bartra, Denis Suárez ou Kingsley Coman, recentemente ascendido por Pep Guardiola ao primeiro plantel do Bayern Munich, e que logrou proclamarse campión en Vilagarcía militando no París Saint-Germain en 2007.

A participación do Armenteira C.F. iniciarase o xoves 24 de marzo, cando a partires das 10:30 horas se enfrontará no campo 1 ao E.D. Xuventude Oroso. O equipo da comarca de Compostela está realizando unha gran labor de fútbol base nos últimos anos, e este conxunto en concreto ocupa o primeiro posto para Primeira Alevín da modalidade de fútbol-8, grupo 3º da zona de Santiago, polo que se presume como un rival máis que compricado para os rapaces e rapazas do clube verdinegro. Na pasada edición o clube de O Leixo xa comprobou o excelente nivel do clube celeste, posto que tamén se tivo que medir neste torneo a un conxunto do E.D. Xuventude Oroso. Xa pola tarde, a partires das 16 horas o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará o seu segundo encontro deste campionato, e será ante o San Tirso S.D. "A", un conxunto de Abegondo, un concello a escasos kilómetros da cidade de A Coruña, que tamén ten unha potente canteira. De feito este equipo sitúase na segunda praza da Primeira Alevín da modalidade de fútbol-8, da zona de As Mariñas, na cal a primeira posición está ocupada polo R.C. Deportivo de A Coruña. Para finalizar a xornada do xoves, a partires das 20 horas, neste caso no campo 2, o plantel do cadro verdinegro medirase á E.F. Hernani Gonçalves, unha escadra dunha importante escola de fútbol base da cidade de Porto, en Portugal. O último partido do Armenteira C.F. da liguiña da fase de grupos será o venres 25 a partires das 9:30 horas, e será ante a E.D. Ourense "B". O cadro da cidade das Burgas parece presentarse como o rival cun nivel a priori máis alcanzable para a formación verdinegra, xa que ocupa o segundo posto da clasificación na Segunda Alevín da modalidade de fútbol-8 da zona de Ourense, unha categoría similar á que acolle ao grupo que dirixe Jonathan Crespo.

A organización do torneo decidiu manter a política de prezos dos últimos anos, e así a entrada para un único día de competición  para o público adulto terá un prezo de 6 euros, e de 10 euros para a que da  posibilidade de asistir aos dous días de competición. No caso dos nenos e nenas que teñan ata 14 anos a entrará será gratuita. Dende a entidade verdinegra agardan que sexan moitos os familiares, afeccionados e demais simpatizantes do clube os que acudan ata Vilagarcía para animar aos seus xogadores e xogadoras nun torneo no que o nome do Armenteira C.F. se paseará xunto ao dalgunhas das entidades deportivas máis importantes do Estado.


















luns, 21 de marzo de 2016

O equipo alevín logra a única vitoria nunha xornada intensa para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A intensa xornada de fútbol que tiveron os equipo de fútbol base do Armenteira C.F., que comezou o venres pola tarde e terminou na noite do luns, saldouse cunha única vitoria, a conseguida polo equipo alevín na mañá do sábado ante o A.D. Arousa F.7.

O equipo infantil foi o que deu inicio a esta intensa xornada, e o venres pola tarde, visitou o campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla. O conxunto que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo presentouse moi mermado polas baixas de última hora, e a isto uniuse a falta de intensidade coa que saiu ao encontro, o que fixo que o cadro local xa se adiantase no marcador no primeiro minuto. A partires de aquí o equipoo verdinegro intentou capear o temporal, pero pouco a pouco foi derrubándose ante un rival desexoso de meter goles e de gañar con claridade. O once a cero co que rematou o encontrou evidenciou a debilidade que este equipo do Armenteira C.F. exhibiu no campo de A Lanzada. Unha das notas máis positivas deste partido foi o debut coa camisola verdinegra de Juan Ávila e do xogador de categoría alevín Pablo Casal.

O equipo benxamín recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. O que se podía prever como un partido con certa igualdade entre ambos conxuntos, xa que se medían as dúas escadras que ocupaban os dous últimos postos na clasificación, acabou sendo un encontro no que os visitantes se levaron o triunfo con solvencia. Os rapaces e rapazas dirixidas por Valentín Estévez volveron a poñer vontade e gañas por disputar o balón, pero a súa inexperiencia e a debilidade dun conxunto que ademais non puido contar con Ramón nin con Brais Charlín, fixeron que os meañeses acabasen vencendo por cero goles a catorce.

O equipo alevín enfrontábase a continuación, tamén no campo de O Leixo,  ao Arousa F-7. O técnico local, Jonathan Crespo, plantexou con cautela este partido, xa que o cadro vilagarciano, antepenúltimo clasificado, estábase a mostrar como un conxunto máis competitivo nas últimas xornadas. Os minutos iniciais foron de tanteo e neles o A.D. Arousa F-7 ofreceu certa resistencia aos ataques dos rapaces do equipo verdinegro, Pero un gol de Zubo culminando unha xogada individual e outro de Hugo cun disparo dende fóra da área, abriron a lata e permitiron que Zubo de novo, Mosteiro, Migui, Íñigo e Jeffrey lograran tamén introducir o balón no interior das mallas visitantes, mentres que os vilagarcianos aproveitaron a relaxación dos minutos finais para anotar o gol da honra. Con esta vitoria por sete goles a un o equipo alevín mantense na loita por ocupar os postos altos da táboa,  sumando xa corenta e un puntos, aínda que a sorprendente vitoria do C. Xuventude Sanxenxo no feudo do C. Xuventude Cambados fai que teñan que permanecer de novo esta semana na sétima posición.

As modernas instalacións do campo de A Senra 2, que tanto contrastan coas que se ven obrigados a usar semana tras semana os xogadores do Armenteira C.F. foron o escenario do partido que disputou na mañá do domingo o equipo cadete. O conxunto dirixido por Marcial Prado acudía moi motivado a este encontro, posto que á rivalidade sempre inherente a un duelo entre dous equipos de localidades veciñas se engadía que no enfrontamento da primeira volta a vitoria caiu do lado dos de A Armenteira cun gol nos últimos minutos de Marcos Acha. O centrocampista cambadés partiu nun once inicial dun equipo verdinegro que saiu a contemporizar, agardando con orde e rigor defensivo as acometidas dun C.D. Ribadumia que decidiu asumir o dominio do esférico dende os primeiros minutos, pero que non foi quen de xerar excesivo perigo ante a meta defendida por Yago. Na segunda metade o encontro comezou a abrirse e as ocasións chegaron para ámbolos dous conxuntos, e calquera deles se puido levar a vitoria. Pero a fortuna decidiu sorrir ao cadro de Ribadumia que, nunha combinación en ataque polo flanco esquerdo, sen dúbida a zona pola que máis perigo creou a formación de A Senra, conseguiu transformar o que sería o único tanto do partido e levarse os tres puntos. Os afeccionados que acompañaron ao Armenteira C.F. volveron para a casa lamentando a clara ocasión errada por Villa cando se atopou só diante do porteiro local ou o disparo de Mathias que, aproveitando que o porteiro abandonou a súa porta para saír a despexar un balón, case introduce o balón no fondo das mallas cun disparo de longa distancia. Outra nota negativa deste partido para o Armenteira C.F. foi a retirada do central Sergio cunha forte dor na man dereita, despois de precipitarse ao chan nunha pugna cun rival. A pesares da derrota o equipo cadete mantense na loita por acceder a parte alta, no sétimo posto, a só tres puntos do Moraña C.F., que o precede na clasificación.

Para finalizar esta longa xornada, o equipo infantil, desprazábase na tarde do luns ata o campo de A Ran, onde debía enfrontarse ao Atlético Cuntis. O cadro que de novo dirixiu Jonathan Crespo volveu a saltar ao terreo de xogo falto de intensidade, o que provocou que nada máis comezar o encontro o cadro local se adiantase no marcador. Con todo, os rapaces do clube verdinegro conseguiron repoñerse e conseguiron manter relativamente o tipo, tendo en conta ademais as numerosas adversidades que foron xurdindo co paso dos minutos. Primeiro foi o xogador de categoría alevín Íñigo o que tivo que retirarse cando apenas se levaban disputados quince minutos, ao notarse mareado con dores no pescozo tras despexar un balón coa cabeza. Xa no descanso, ao que chegaron cunha vantaxe de tres goles a cero para os locais, o defensa Juan, tivo que ser cambiado a causa dunhas molestias estomacais, e durante a segunda parte sucedéronse as retiradas de Diego Núñez, que substituira a Íñigo no primeiro período, neste caso debido a unha posible contractura no abductor, e do sempre bregador futbolista de categoría alevín Migui. Nestas circunstancias tan desfavorables a derrota final por seis goles a cero parece un mal menor, sobre todo se se compara coa sufrida tres días antes en Noalla.

A próxima fin de semana non haberá partidos de liga para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., ao tratarse dunhas datas festivas, nas que ademais a parroquia de A Armenteira é un dos principais focos de recepción de visitantes coa celebración da tradicional e multitudinaria romaría de As Cabezas. Pero non serán datas de descanso total no que á práctica do fútbol se refire, xa que o xoves e o venres, o Armenteira C.F. volverá a participar no torneo internacional de categoría alevín Arousa F-7,  unha cita á que leva asistindo nos últimos anos, e na que se vai medir a rivais de tanto potencial como a E.D. Xuventude Oroso, o San Tirso S.D. "A", o conxunto portugués da E.F. Hernani Gonçalves e a E.D. Ourense "B".



















sábado, 19 de marzo de 2016

O Armenteira Veteranos logra unha importante vitoria nun gran partido ante o A Diario Multitienda

O campo de O Leixo volveu a ser testemuña na tarde deste sábado dunha vitoria do Armenteira Veteranos. Nesta ocasión a vítima foi o A Diario Multitienda, segundo clasificado do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, que caiu derrotado ante o cadro verdinegro por tres goles a un. O conxunto vilagarciano saltou ao campo coa intención de levar o control do esférico e imprirlle ritmo ao encontro. pero de novo a eficacia en ataque de Jorge Castro foi letal para o rival do Armenteira Veteranos. O dianteiro de Vilar volveu a mostrar o olfato goleador que o caracteriza e resolveu con acerto dúas xogadas nas que o balón chegou aos seus pés nas inmediacións da área visitante, permitindo que o seu equipo se fose ao descanso cunha vantaxe de dous goles. Nos primeiros minutos da segunda metade o A Diario Multitienda acurtou distancias nunha bonita acción individual dun dos seus dianteiros, pero o equipo de O Leixo soubo dar unha rápida resposta, e nun saque de banda colgado á area visitante Marcos cabeceou o balón ao fondo das mallas. O de Castrelo deu sobriedade ao equipo dende a posición de mediocentro defensivo e fixo esquecer as importantes baixas de Javi e Martín na zona medular, e a súa gran actuación viuse premiada con este gol, grazas ao cal o Armenteira Veteranos viviu con relativa tranquilidade o resto do partido. A nota negativa foi o golpe que se levou o centrocampista Cacabelos que, nun encontronazo cun xogador rival sufriu un aparatoso corte nunha cella, polo que tivo que abandonar o partido e trasladarse a un centro médico, onde recibiu catro puntos de sutura. Con este triunfo o conxunto verde e negro segue conformando unha impecable segunda volta, na que conta cunha única derrota, a producida a mans do Monteporreiro- Muebles El Almacén, e suma xa cincuenta puntos, que o manteñen na zona media-alta da táboa, situación que agarda mellorar na próxima xornada de liga, a disputar o sábado 2 de abril, na que se vai medir ao Dorrón C.F. Veteranos, nun novo duelo de rivalidade entre dous equipos próximos e que ademais son rivais directos na loita por acceder aos postos privilexiados da clasificación.


venres, 18 de marzo de 2016

Difícil papeleta para o Armenteira Veteranos ante o A Diario Multitienda

O Armenteira Veteranos ten na xornada desta fin de semana, a vixésimo sètima da presente liga, unha difícil papeleta, xa que recibe no campo de O Leixo ao A Diario Multitienda, un conxunto que ocupa a segunda posición na táboa con sesenta e tres puntos, dezaséis máis dos que leva sumados o cadro verdinegro. O equipo vilagarciano que ao igual có Armenteira Veteranos ascendeu esta temporada ao grupo 4A está realizando unha excelenta campaña e destaca polo seu vigor físico e a pegada en ataque, que o sitúan como un dos grandes favoritos a protagonizar un novo ascenso de categoría. No partido da primeira volta o A Diario Multitienda logrou unha cómoda vitoria por catro goles a un, pero O Leixo non é un campo no que resulta fácil puntuar para os clubes que o visitan, e a elo quere agarrarse o Armenteira Veteranos, que ademais ten demostrado esta temporada que é capaz de plantar cara a calquera rival.


xoves, 17 de marzo de 2016

Cinco partidos agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta xornada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán a partires deste venres unha intensa xornada de fútbol, con cinco partidos, e que non finalizará ata a tarde do luns, cando o equipo infantil dispute en Cuntis o segundo dos dous partidos que vai a disputar nos próximos catro días.

A xornada comezará na tarde do venres, cando, a partires das 19 horas, o equipo infantil dispute no campo de A Lanzada o seu encontro ante a S.D. Noalla. O equipo que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo está experimentando unha progresión importante nos últimos encontros, nos cales estivo próximo a puntuar, pero a falta de mordente en ataque e os desaxustes defensivos acabaron coas esperanzas dos xogadores e da súa sufrida afección. Para este partido o conxunto verdinegro contará con dúas caras novas, Juan e o xogador de categoría alevín Pablo, que con toda probabilidade farán o seu debut coa elástica do Armenteira C.F. A diferenza de nivel que parece indicar a clasificación entre unha S.D. Noalla que ocupa a décima posición con vintecinco puntos e un Armenteira C.F. décimo sétimo clasificado con só un punto non fai perder a moral a un conxunto que vai progresando lentamente e que comeza a mostrarse como un bloque algo máis sólido e compensado.

O sábado pola mañá será de novo a oportunidade do equipo benxamín, que nesta ocasión recibirá no campo de O Leixo a partires das 10:30 horas a visita do Unión Dena C.F., unha escadra que se atopa na décimo sétima posición,  xusto un posto por enriba do conxunto dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta. Por elo o corpo técnico do cadro verdinegro amósase ilusionado en lograr un resultado favorable, tendo en conta ademais que poderá dispoñer de cada todo o seu plantel en plenitude de condicións, a excepción da Ramón, que segue coa recuperación da fractura de cúbito que sufriu a pasada semana.

A continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, o equipo alevín enfrontarase á A.D. Arousa F-7. O cadro vilagarciano está situado na duodécima praza con dez puntos, pero é un bloque en franca progresión nos últimos partidos, e ao cal os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo venceron con dificultade no encontro da primeira volta, cun único tanto logrado por Manu Meixús. O técnico local agarda que a derrota sufrida a pasada xornada ante o Atlético Cuntis, con tres goles a balón parado, non faga mella no seu plantel, e confía en obter un novo triunfo que os afiance entre os seis primeiros da táboa.

Na xornada do domingo, o campo de A Senra 2, vivirá un partido de rivalidade entre dous equipos de localidades próximas e que están entre os de maior potencial dentro do grupo 8 de categoría cadete. Será o encontro que enfronte ao C.D. Ribadumia, segundo clasificado con trinta e oito puntos, e ao Armenteira C.F., sétimo clasificado con trinta puntos. No duelo que mantiveron na primeira volta os xogadores que adestra Marcial Prado venceron aos aurinegros por un gol a cero, cun tanto de Marcos Acha nos minutos finais. Por elo, o técnico verdinegro non quere que haxa ningún tipo de relaxación nos seus xogadores, xa que o C.D. Ribadumia sairá con ánimo de revancha, coa intención ademais de manterse nos postos de ascenso.

E para finalizar, na xornada do luns, no campo de A Ran, a partires das 19:30, o equipo infantil volverá a ter unha nova cita. Neste caso será ante o Atlético Cuntis, unha potente escadra que ocupa a quinta posición con trinta e nove puntos. Trátase dun encontro pertencente á xornada 21, pero que foi aprazada a petición do clube local. A clara vitoria conseguida polo cadro da vila termal no partido da primeira volta fai que o papel de favorito o teña o Atlético Cuntis, pero a mellora que está comezando a mostrar o conxunto verde e negro fai pensar que a diferenza entre ambos bloques non vai ser tan alta e que o duelo previsiblemente sexa algo máis igualado que o disputado fai uns meses.













domingo, 13 de marzo de 2016

O equipo cadete logra a única vitoria dos equipos do Armenteira C.F. nesta xornada

A xornada desta fin de semana, a vixésimo segunda no que vai de liga, trouxo unha única vitoria para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Foi a que acadou o equipo cadete ante o Unión Dena C.F., mentres que o resto dos equipos non correron tanta fortuna.

O equipo benxamín visitaba na mañá do sábado o campo de O Revel, onde era recibido polo Vilalonga F.C. O cadro dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta partía como vítima ante un conxunto local claramente superior. O técnico celeste, Johan González, decidiu primar o toque de balón e o xogo combinativo fronte á finalización, pero a diferenza de nivel entre ambas escadras quedou reflectida no resultado de oito goles a cero co que rematou o encontro. A boa actuación da meta Sara Otero volveu a ser unha das notas máis positivas dun equipo alevín que segue paso a paso a súa lenta progresión na formación destes xóvenes futbolistas. A próxima fin de semana o equipo verdinegro recibe no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F., un conxunto que se atopa xusto un posto por enriba, na décimo sétima posición, con seis puntos.

O equipo cadete enfrontábase o sábado pola mañá no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. Era un compromiso a priori non demasiado esixente dada a clasificación de ámbolos dous conxuntos. O cadro dirixido por Marcial Prado non tardou en deixar clara a súa superioridade sobre a terra de O Leixo, e dous goles de Alberto, que segue coa súa estupenda racha goleadora, outros dous do zagueiro Carlos, que como en cada unha das súas esporádicas participacións co equipo eleva o nivel do conxunto, outro tanto de Roberto, moi motivado xa que no cadro rival estaban algúns dos seus compañeiros de pupitre, e outro do xogador de categoría infantil Jose Otero, que adoita dar un gran rendemento cada vez que forma parte do equipo cadete, deron unha clara vitoria por seis goles a cero para o Armenteira C.F. Con todo, o adestrador local queixouse da falta de intensidade dos seus xogadores en moitos momentos do encontro, e agarda que a capacidade competitiva do súa formación sexa aínda maior de cara ao partido que a próxima fin de semana disputará no campo de A Senra 2 ante o C.D. Ribadumia, segundo clasificado con trinta e oito puntos, once máis có cadro verdinegro, pero que no duelo que os mediu na primeira volta saiu derrotado de O Leixo por un gol a cero.

Pola súa contra, o equipo alevín viaxaba ao campo de A Ran, onde era recibido polo Atlético Cuntis, segundo clasificado e un dos máis claros favoritos ao ascenso de categoría. O conxunto adestrado por Jonathan Crespo saltou ao campo dando unha imaxe de solidez e seriedade, plantando cara ao seu rival, pero un gol nun lanzamento de falta sacado con picardía por Fernando Martínez, sen dar tempo a que a barreira e o porteiro do Armenteira C.F. se colocasen, adiantou ao cadro aurinegro no marcador. A partires de entón o equipo alevín seguiu tratando de combinar e crear peligro na área rival, pero non foi quen de materializar as ocasións das que dispuxo. Xa na segunda parte, de novo un golpe franco, e de novo Fernando Martínez, cun disparo que o gardamallas Sergio non logrou chapar, e que caiu aos pés dun dianteiro local, compricaron aínda máis a situación aos de A Armenteira. E para pechar a vitoria do Atlético Cuntis, Fernando Martínez volveu a colar o balón dentro da portería neste caso defendida por Anabel, mediante outro lanzamento de falta. O centrocampista do Atlético Cuntis, un xogador zurdo cun gran golpeo de balón, máximo goleador do grupo con corenta e un goles, volveu a marcar as diferenzas sobre o terreo de xogo, e a súa aportación está resultando clave para que o seu equipo estea cada vez máis preto de acadar o ascenso de categoría. O tres a cero final deixa ao Armenteira C.F. na sétima posición con trinta e oito puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un equipo que se sitúa na duodécima praza con dez puntos, pero que nas últimas xornadas se está a mostrar como un conxunto competitivo capaz de poñer en dificultades a calquera rival.

Finalmente, o equipo infantil recibía na mañá do domingo á S.D. Amanecer. A formación dirixida por Martín Casais está elevando está mostrando importantes melloras a nivel táctico, e foi quen de chegar ao descanso co resultado empatado a cero goles, o que fixo que a sufrida afección local albergase esperanzas de conseguir o primeiro triunfo da temporada. Pero, na segunda metade, un rexeitamento a un lanzamento dende fóra da área foi aproveitado polo dianteiro visitante Ángel Fernández para adiantar no marcador ao cadro meco. Os rapaces do equipo infantil seguiron loitando por achegarse á área rival, impulsados pola forza e o pundonor de Piñeiro, un rapaz que está tendo unha enorme progresión nos últimos partidos, ata que, un balón colgado á area pola S.D. Amanecer, volveu a caír nos pés de Ángel Fernández, que o introduciu de novo no fondo da rede defendida por un Santi ao que a sensación de mareo que o afectou durante o partido o obrigou a retirarse do partido. O seu posto na portería foi ocupado nos minutos restantes por Tomás, que tivo así a oportunidade de debutar en liga como gardamallas do Armenteira C.F. O equipo infantil, que co cero a dous co que rematou o encontro continúa na parte baixa da táboa, enfrontarase a vindeira fin de semana no campo de A Lanzada á S.D. Noalla, un conxunto que ocupa a décima posición con vintecinco puntos e, case sen tempo a repoñerse, o luns, no campo de A Ran, deberá medirse ao Atlético Cuntis, nun encontro da xornada 21 que foi aprazado a petición do cadro da vila termal.





























sábado, 12 de marzo de 2016

Empate sen goles do Armenteira Veteranos ante o Santomé

O Armenteira Veteranos non puido traerse os tres puntos da súa visita ao campo de Chan de Piñeiro, na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro. Nunha tarde plácida e soleada o equipo verdinegro, que para esta cita tivo que vestir de celeste,  realizou un partido gris e entrou frío no xogo, mentres o rival, o Santomé, se facía co dominio do balón e chegaba con perigo en máis dunha ocasión á meta defendida por Joserra. Nun deses achegamentos un balón perdido fixo cundir o pánico entre os xogadores visitantes, pero un severo manotazo do gardamallas de Couso desviou a súa traxectoria sobre a liña de gol, mentres os rivais reclamaban infructuosamente un gol pantasma que o colexiado, situado ao pé da xogada, decidiu non conceder. Co paso dos minutos o Armenteira Veteranos foi facéndose co control do xogo e as visitas á área rival eran cada vez máis frecuentes. Joseíño, Galiñanes, Manueliño, Víctor, Marcial, Javi e, por suposto, Jorge Castro, dispuxeron de ocasións para desnivelar o encontro, pero a falla de puntería e a boa actuación do meta local impediron que se movese o resultado co que se iniciou o partido. Con este empate o conxunto de O Leixo suma corenta e sete puntos e mantense na zona media-alta da táboa. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos recibirá a visita do equipo vilagarciano do A Diario Multitienda, un dos cadros máis potentes do grupo, que se atopa no segundo posto da clasificación.


venres, 11 de marzo de 2016

Xornada decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo segunda no que levamos de liga, preséntase como decisiva para os equipos de fútbol base de cara ás súas aspiración no que resta dunha temporada que está xa próxima a finalizar.

O equipo benxamín visita o campo de O Revel para medirse o sábado a partires das 11 horas ao clube local, o Vilalonga F.C. O cadro adestrado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta agarda seguir dando mostras do seu leve progreso no proceso de formación futbolística que se está desenvolvendo con estes rapaces e rapazas na presente temporada, pero son conscientes da superioridade do conxunto celeste, dirixido polo cambadés Johan González, que ocupa a undécima posición con vintesete puntos. A baixa de última hora de Ramón supón unha dificultade máis para unha escadra verdinegra xa de por si moi debilitada.

Pola súa parte, o equipo cadete afronta a partires das 11:30 horas, no campo de O Leixo, un novo encontro de liga no que agarda poder manter a traxectoria ascendente das últimas xornadas. A sétima posición con vintesete puntos e a bos resultados dos últimos partidos parecen outogar o papel de favoritos aos rapaces que adestra Marcial Prado fronte a un rival, o Unión Dena C.F., situado décimo terceira praza, unicamente con catro puntos. A solidez que está mostrando o conxunto, unida á perigorisade do tridente ofensivo formado por Villa, Mathias e Alberto fan que a afección verdinegra se mostra esperanzada en conseguir un novo triunfo e así seguir escalando postos na táboa. O técnico de San Salvador contará coa totalidade do plantel, no que incluirá aos xogadores do equipo infantil Jose Otero, Álex Ruel e Piñeiro, que están dando moi boas sensacións cando participan no conxunto de categoría cadete.

O equipo alevín ten esta fin de semana, o sábado a partires das 12 horas no campo de A Ran, unha das probas máis esixentes no que resta de temporada. A falta de cinco xornadas para que finalice a liga a formación dirixida por Jonathan Crespo mantense na sexta posición da táboa coa nada desdeñable cifra de trinta e oito puntos, e conserva intactas as súas aspiracións de loitar polos postos que dan opción ao ascenso de categoría. Pero o rival desta fin de semana é un dos colosos do grupo, o Atlético Cuntis, segundo clasificado con cincuenta e dous puntos, e que conta nas súas filas co máximo artilleiro do grupo, Fernando Martínez, trinta e nove goles. No encontro da primeira volta, o conxunto da vila termal derrotou aos de A Armenteira por un gol a dous, demostrando un poderío físico e unha contundencia que o fai destacar fronte aos demais equipos da categoría. O técnico valgués, que poderá contar con todos os seus efectivos, incidiu esta semana no traballo físico, para evitar o declive que se produce no rendimento do conxunto nas segundas metades dos últimos partidos.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo, no campo de O Pombal, en Cambados, a partires das 11;30 horas, á S.D. Amanecer, nun encontro que será arbitrado polo colexiado Pereira Vieites, que tamén se encargará de pitar o partido do conxunto cadete da entidade verdinegra a disputar o sábado. O colectivo adestrado por Martín Casais e Jonathan Crespo, que na última xornada de liga deu unha imaxe de ser un conxunto máis sólido e competitivo, o que case lle permitiu sumar un novo punto, agarda manter esa lenta progresión ante un rival que se sitúa na décimo quinta posición con dez puntos. No encontro da primeira volta o equipo meco derrotou aos verdinegros por cinco a un, pero a mellora que dende entón parece que están a mostrar os de A Armenteira permite que os seus sufridos afeccionados poidan soñar con acadar un novo punto para un casilleiro tan escaso de resultados positivos esta temporada.
















San Tomé de Piñeiro acolle unha nova xornada de liga para o Armenteira Veteranos

A parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro será o escenario dunha nova xornada de liga para o Armenteira Veteranos, a vixésimo sétima da presente temporada. O rival será o conxunto local do Santomé, que se atopa na décimo quinta posición con vintetrés puntos, a metade dos que suma o equipo verdinegro. Pero a formación que capitanea José Luis Galiñanes quere fuxir de favoritismos e afronta este partido con seriedade e coa esperanza de manter a racha positiva da segunda volta da liga. O bo momento de xogo no que está instalado o equipo, así como o acerto goleador que está mostrando Jorge Castro, o seu xogador máis determinante no que levamos de temporada, fan que os de A Armenteira confíen en acadar unha nova vitoria para manterse na loita por acceder aos postos privilexiados do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra.


xoves, 10 de marzo de 2016

O misterio do sinal

Que se prohiba xogar co balón nun campo de fútbol resulta igual de chamativo que se se prohibise orar nunha igrexa ou beber nun bar. Pois isto foi o que ocurriu no campo de O Leixo, en A Armenteira, onde o pasado martes, os usuarios que acuden aos adestramentos dos equipos de fútbol base do clube local se atoparon cun misterioso sinal no que se dicía: PROHIBIDO JUGAR CON BALÓN. Alarmados ante este curioso achádego, comezaron a facer conxeturas sobren quen podería estar detrás da colocación daquel cartel. Que si puidera ter sido a Xunta Directiva, que se o Concello, que se a Comunidade de Montes, que se a Deputación... ou se quizais foi obra dalgún bromista que quería chamar a atención cunha mensaxe tan contradictoria para o lugar no que foi colocada. Pero a solución a este misterio atopárona o martes ao mediodía, cando un programa informativo da Televisión de Galicia se facía eco da desaparición dun cartel en Bordóns no que se prohibía xogar con balón nunha plaza desta parroquia do concello de Sanxenxo. Ao parecer, as autoridades do municipio veciño decidiron desterrar a práctica de calquera deporte con balón na praza Manuel Cortés, algo que que non gustou a todos os veciños da localidade, acostumados a ver como as pelotas botaban neste entorno dende moitos anos atrás, e alguén, atendendo estas queixas, pensou que habería que buscar un novo fogar para este xa famoso cartel, e que o mellor lugar para a súa estancia, non sabemos se temporal ou definitiva, sería o campo de O Leixo, onde, a día de hoxe, segundo as nosas informacións, o xogo con balón segue estando permitido.


domingo, 6 de marzo de 2016

Importantes vitorias dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta xornada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, a vixésimo primeira no que vai de temporada, lograron uns importantes triunfos ante rivais directos na loita polos postos altos da táboa nas seus respectivos grupos.

O equipo alevín recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo a un esixente rival, o Arousa S.C. O cadro vilagarciano, que vencera ao conxunto que dirixe Jonathan Crespo no encontro da primeira volta por catro goles a dous, destaca polo gusto polo toque e o dominio do balón. Pero, o Armenteira C.F. fixo valer unha vez máis o factor campo e volveu a mostrar o carácter competitivo que o distingue esta temporada, e xa dende o inicio quixo levar a iniciativa. O gol de Hugo despois dun forte disparo dende fóra da área abriu o camiño para a formación verdinegra, que dispuxo dalgunha ocasión máis durante a primeira metade ata que, Zubo, ao fío do descanso, conseguiu resolver unha xogada na área rival e colocar o balón no fondo da portería rival. O dianteiro chinés, cunha punta de velocidade e unha capacidade de desborde á altura de poucos xogadores da categoría, foi unha vez máis a principal arma ofensiva do equipo alevín e, nunha das súas incursións en ataque puxo o tres a un no marcador. Con todo, o Arousa S.C. non se rendiu e fíxose co dominio do esférico, e anotou un novo tanto, provocando que o nerviosismo se extendese polas bancadas de O Leixo. O tres a dous co que rematou o partido mantén ao Armenteira C.F. na sexta posición con trinta e oito puntos, unha cifra verdadeiramente notable, á espera de visitar na próxima xornada o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, segundo clasificado con cincuenta e dous puntos, no que será outro difícil obstáculo na excelente campaña que está realizando a formación que adestra Jonathan Crespo.

O conxunto benxamín recibía a continuación, tamén no campo de O Leixo, á S.D. Noalla. Os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez seguen con gañas e ilusión o seu proceso formativo no mundo do fútbol, aínda que as dificultades que impón a súa inexperiencia neste mundo fan que os resultados non acaben de estar da súa parte. O paciencia e o traballo que durante esta temporada están desenvolvendo con este grupo Valentín Estévez, José Ramón Dacosta e Víctor Saborido está dando lentamente os seus froitos. O cero a once co que concluiu o encontro ven a ser unha anécdota máis no rumbo deste proxecto deportivo de futuro iniciado esta temporada con esta xeración de xóvenes futbolistas. A firmeza coa que se mantén Sara Otero na portería ante os continuos achegamentos ao seu marco dos equipos rivais e a fe coa que saltan ao terreo de xogo os seus compañeiros e compañeiras son dignos de eloxiar. Na próxima xornada o equipo benxamín visitará o campo de O Revel para enfrontarse ao Vilalonga F.C., que ocupa a undécima posición con vintesete puntos.

Finalmente, o equipo cadete recibía tamén nun campo de O Leixo que viviu este sábado un intenso día de fútbol á S.D. Chispa, nun encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada de liga, pero que, aproveitando o descanso ao que a retirada de varios clubes da competición obriga aos demais equipos, decidiron disputar o Armenteira C.F. e o conxunto de Corón. O gol dos visitantes aos dous minutos de partido foi rapidamente respostado por Mathias rematando de cabeza un córner lanzado por Villa. A partires de entón, a sociedade Mathias-Villa, unha sociedade forxada nas aulas do I.E.S. Francisco Asorey e que, dende a temporada pasada, se trasladou tamén ao Armenteira C.F. impuxo a súa lei. Mathias, un fino estilista que leva con mestría a batuta do mediocampo verdinegro, e Alberto, un portento físico non exento de calidade técnica que reúne as condicións do que se soe considerar como un dianteiro-tanque, co apoio do resto de compañeiros, co que están a formar un bloque cada vez máis definido e compacto, deron un festival de xogo ofensivo, no que Alberto con catro dianas, Mathias con tres, e Marcos Acha coa restante, se repartiron os tantos dun partido no que o oito a tres final fixo disfrutar ao público que acudiu ao campo de O Leixo. A destacar un dos goles de Alberto, nunha bonita vaselina, executada cunha frialdade propia dun atacante do fútbol profesional. Con este triunfo o equipo cadete mantense na séptima posición con vintesete puntos, á espera de recibir a visita na próxima xornada do Unión Dena C.F., un conxunto que se atopa na décimo terceira posición con catro puntos.




















sábado, 5 de marzo de 2016

Vitoria clara e contundente do Armenteira Veteranos ante o Cobres-Carpintería Boubeta

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, unha clara e contundente vitoria por catro goles a un ante un dos rivais máis potentes da categoría, o Cobres-Carpintería Boubeta, terceiro clasificado do grupo e que no partido da primeira volta vencera ao cadro verdinegro por un gol a cero cun tanto nos últimos minutos do encontro. Pero, dende entón a cara do Armenteira Veteranos mudou e, partido a partido, o equipo de O Leixo vaise mostrando como un conxunto sólido e cada vez confiado nas súas posibilidades. O encontro desta xornada tivo pouca historia. Tres goles de Jorge Castro na primeira metade, algún deles de moi bela factura, encarrilaron o duelo a favor do conxunto verde e negro. O gol dos de Vilaboa ao inicio do segundo período parecía dar algo de emoción ao duelo, pero a rápida réplica por parte de Galiñanes que, nunha xogada individual, adornada cun electrizante recorte, conseguiu aloxar o balón no fondo das mallas do equipo amarelo, decantou finalmente o encontro para os de A Armenteira e permitiulles vivir con relativa tranquilidade os minutos que restaban ata o pitido final.

O hat trick de Jorge Castro, o segundo que logra esta temporada o Armenteira Veteranos despois do que acadou Víctor no partido ante o Centro Cultural Villalonga, da mostras do potencial ofensivo que está a exhibir o equipo verdinegro, personificado na figura do dianteiro de Vilar, un xogador criado futbolísticamente entre as areas de O Leixo e que, tras pasar por todas as categorías base do Armenteira C.F. e tras un periplo por algún dos clubes con máis solera da contorna, recalou a finais da temporada pasada no equipo de veteranos da súa terra para dar o salto de calidade que precisaba o conxunto a nivel ofensivo. Coa súa incorporación e as de Carlos para a zona defensiva e Víctor na liña medular o Armenteira Veteranos configurou unha escadra compensada e capaz de plantar cara a calquera dos rivais da categoría, como se está a demostrar na excelente campaña que están a realizar.

Para celebrar este novo triunfo os xogadores do cadro verdinegro trasladáronse á casa do seu compañeiro Manueliño, escenario habitual das súas xuntanzas, onde deron boa conta do artigos da cesta coa que foron recentemente agraciados, que serviron de aperitivo e postre dunha cea na que non faltaron os churrasco e os criollos que prepararon eles mesmos, dando a ver que cando se trata de estar entre fogóns a súa maña non ten nada que envexar á que teñen dentro do terreo de xogo.

A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá visitar o campo de Chan de Piñeiro, en San Tomé de Piñeiro (Marín) para enfrontarse ao Santomé, décimo quinto clasificado, con vintetrés puntos, a metade dos que leva sumados o equipo de O Leixo, que volverá a disfrutar unha semana máis comodamente situado na séptima plaza.