A intensa xornada de fútbol que tiveron os equipo de fútbol base do Armenteira C.F., que comezou o venres pola tarde e terminou na noite do luns, saldouse cunha única vitoria, a conseguida polo equipo alevín na mañá do sábado ante o A.D. Arousa F.7.
O equipo infantil foi o que deu inicio a esta intensa xornada, e o venres pola tarde, visitou o campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla. O conxunto que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo presentouse moi mermado polas baixas de última hora, e a isto uniuse a falta de intensidade coa que saiu ao encontro, o que fixo que o cadro local xa se adiantase no marcador no primeiro minuto. A partires de aquí o equipoo verdinegro intentou capear o temporal, pero pouco a pouco foi derrubándose ante un rival desexoso de meter goles e de gañar con claridade. O once a cero co que rematou o encontrou evidenciou a debilidade que este equipo do Armenteira C.F. exhibiu no campo de A Lanzada. Unha das notas máis positivas deste partido foi o debut coa camisola verdinegra de Juan Ávila e do xogador de categoría alevín Pablo Casal.
O equipo benxamín recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. O que se podía prever como un partido con certa igualdade entre ambos conxuntos, xa que se medían as dúas escadras que ocupaban os dous últimos postos na clasificación, acabou sendo un encontro no que os visitantes se levaron o triunfo con solvencia. Os rapaces e rapazas dirixidas por Valentín Estévez volveron a poñer vontade e gañas por disputar o balón, pero a súa inexperiencia e a debilidade dun conxunto que ademais non puido contar con Ramón nin con Brais Charlín, fixeron que os meañeses acabasen vencendo por cero goles a catorce.
O equipo alevín enfrontábase a continuación, tamén no campo de O Leixo, ao Arousa F-7. O técnico local, Jonathan Crespo, plantexou con cautela este partido, xa que o cadro vilagarciano, antepenúltimo clasificado, estábase a mostrar como un conxunto máis competitivo nas últimas xornadas. Os minutos iniciais foron de tanteo e neles o A.D. Arousa F-7 ofreceu certa resistencia aos ataques dos rapaces do equipo verdinegro, Pero un gol de Zubo culminando unha xogada individual e outro de Hugo cun disparo dende fóra da área, abriron a lata e permitiron que Zubo de novo, Mosteiro, Migui, Íñigo e Jeffrey lograran tamén introducir o balón no interior das mallas visitantes, mentres que os vilagarcianos aproveitaron a relaxación dos minutos finais para anotar o gol da honra. Con esta vitoria por sete goles a un o equipo alevín mantense na loita por ocupar os postos altos da táboa, sumando xa corenta e un puntos, aínda que a sorprendente vitoria do C. Xuventude Sanxenxo no feudo do C. Xuventude Cambados fai que teñan que permanecer de novo esta semana na sétima posición.
As modernas instalacións do campo de A Senra 2, que tanto contrastan coas que se ven obrigados a usar semana tras semana os xogadores do Armenteira C.F. foron o escenario do partido que disputou na mañá do domingo o equipo cadete. O conxunto dirixido por Marcial Prado acudía moi motivado a este encontro, posto que á rivalidade sempre inherente a un duelo entre dous equipos de localidades veciñas se engadía que no enfrontamento da primeira volta a vitoria caiu do lado dos de A Armenteira cun gol nos últimos minutos de Marcos Acha. O centrocampista cambadés partiu nun once inicial dun equipo verdinegro que saiu a contemporizar, agardando con orde e rigor defensivo as acometidas dun C.D. Ribadumia que decidiu asumir o dominio do esférico dende os primeiros minutos, pero que non foi quen de xerar excesivo perigo ante a meta defendida por Yago. Na segunda metade o encontro comezou a abrirse e as ocasións chegaron para ámbolos dous conxuntos, e calquera deles se puido levar a vitoria. Pero a fortuna decidiu sorrir ao cadro de Ribadumia que, nunha combinación en ataque polo flanco esquerdo, sen dúbida a zona pola que máis perigo creou a formación de A Senra, conseguiu transformar o que sería o único tanto do partido e levarse os tres puntos. Os afeccionados que acompañaron ao Armenteira C.F. volveron para a casa lamentando a clara ocasión errada por Villa cando se atopou só diante do porteiro local ou o disparo de Mathias que, aproveitando que o porteiro abandonou a súa porta para saír a despexar un balón, case introduce o balón no fondo das mallas cun disparo de longa distancia. Outra nota negativa deste partido para o Armenteira C.F. foi a retirada do central Sergio cunha forte dor na man dereita, despois de precipitarse ao chan nunha pugna cun rival. A pesares da derrota o equipo cadete mantense na loita por acceder a parte alta, no sétimo posto, a só tres puntos do Moraña C.F., que o precede na clasificación.
Para finalizar esta longa xornada, o equipo infantil, desprazábase na tarde do luns ata o campo de A Ran, onde debía enfrontarse ao Atlético Cuntis. O cadro que de novo dirixiu Jonathan Crespo volveu a saltar ao terreo de xogo falto de intensidade, o que provocou que nada máis comezar o encontro o cadro local se adiantase no marcador. Con todo, os rapaces do clube verdinegro conseguiron repoñerse e conseguiron manter relativamente o tipo, tendo en conta ademais as numerosas adversidades que foron xurdindo co paso dos minutos. Primeiro foi o xogador de categoría alevín Íñigo o que tivo que retirarse cando apenas se levaban disputados quince minutos, ao notarse mareado con dores no pescozo tras despexar un balón coa cabeza. Xa no descanso, ao que chegaron cunha vantaxe de tres goles a cero para os locais, o defensa Juan, tivo que ser cambiado a causa dunhas molestias estomacais, e durante a segunda parte sucedéronse as retiradas de Diego Núñez, que substituira a Íñigo no primeiro período, neste caso debido a unha posible contractura no abductor, e do sempre bregador futbolista de categoría alevín Migui. Nestas circunstancias tan desfavorables a derrota final por seis goles a cero parece un mal menor, sobre todo se se compara coa sufrida tres días antes en Noalla.
A próxima fin de semana non haberá partidos de liga para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., ao tratarse dunhas datas festivas, nas que ademais a parroquia de A Armenteira é un dos principais focos de recepción de visitantes coa celebración da tradicional e multitudinaria romaría de As Cabezas. Pero non serán datas de descanso total no que á práctica do fútbol se refire, xa que o xoves e o venres, o Armenteira C.F. volverá a participar no torneo internacional de categoría alevín Arousa F-7, unha cita á que leva asistindo nos últimos anos, e na que se vai medir a rivais de tanto potencial como a E.D. Xuventude Oroso, o San Tirso S.D. "A", o conxunto portugués da E.F. Hernani Gonçalves e a E.D. Ourense "B".
Ningún comentario:
Publicar un comentario