Buscar neste blog

domingo, 6 de marzo de 2016

Importantes vitorias dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta xornada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, a vixésimo primeira no que vai de temporada, lograron uns importantes triunfos ante rivais directos na loita polos postos altos da táboa nas seus respectivos grupos.

O equipo alevín recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo a un esixente rival, o Arousa S.C. O cadro vilagarciano, que vencera ao conxunto que dirixe Jonathan Crespo no encontro da primeira volta por catro goles a dous, destaca polo gusto polo toque e o dominio do balón. Pero, o Armenteira C.F. fixo valer unha vez máis o factor campo e volveu a mostrar o carácter competitivo que o distingue esta temporada, e xa dende o inicio quixo levar a iniciativa. O gol de Hugo despois dun forte disparo dende fóra da área abriu o camiño para a formación verdinegra, que dispuxo dalgunha ocasión máis durante a primeira metade ata que, Zubo, ao fío do descanso, conseguiu resolver unha xogada na área rival e colocar o balón no fondo da portería rival. O dianteiro chinés, cunha punta de velocidade e unha capacidade de desborde á altura de poucos xogadores da categoría, foi unha vez máis a principal arma ofensiva do equipo alevín e, nunha das súas incursións en ataque puxo o tres a un no marcador. Con todo, o Arousa S.C. non se rendiu e fíxose co dominio do esférico, e anotou un novo tanto, provocando que o nerviosismo se extendese polas bancadas de O Leixo. O tres a dous co que rematou o partido mantén ao Armenteira C.F. na sexta posición con trinta e oito puntos, unha cifra verdadeiramente notable, á espera de visitar na próxima xornada o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, segundo clasificado con cincuenta e dous puntos, no que será outro difícil obstáculo na excelente campaña que está realizando a formación que adestra Jonathan Crespo.

O conxunto benxamín recibía a continuación, tamén no campo de O Leixo, á S.D. Noalla. Os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez seguen con gañas e ilusión o seu proceso formativo no mundo do fútbol, aínda que as dificultades que impón a súa inexperiencia neste mundo fan que os resultados non acaben de estar da súa parte. O paciencia e o traballo que durante esta temporada están desenvolvendo con este grupo Valentín Estévez, José Ramón Dacosta e Víctor Saborido está dando lentamente os seus froitos. O cero a once co que concluiu o encontro ven a ser unha anécdota máis no rumbo deste proxecto deportivo de futuro iniciado esta temporada con esta xeración de xóvenes futbolistas. A firmeza coa que se mantén Sara Otero na portería ante os continuos achegamentos ao seu marco dos equipos rivais e a fe coa que saltan ao terreo de xogo os seus compañeiros e compañeiras son dignos de eloxiar. Na próxima xornada o equipo benxamín visitará o campo de O Revel para enfrontarse ao Vilalonga F.C., que ocupa a undécima posición con vintesete puntos.

Finalmente, o equipo cadete recibía tamén nun campo de O Leixo que viviu este sábado un intenso día de fútbol á S.D. Chispa, nun encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada de liga, pero que, aproveitando o descanso ao que a retirada de varios clubes da competición obriga aos demais equipos, decidiron disputar o Armenteira C.F. e o conxunto de Corón. O gol dos visitantes aos dous minutos de partido foi rapidamente respostado por Mathias rematando de cabeza un córner lanzado por Villa. A partires de entón, a sociedade Mathias-Villa, unha sociedade forxada nas aulas do I.E.S. Francisco Asorey e que, dende a temporada pasada, se trasladou tamén ao Armenteira C.F. impuxo a súa lei. Mathias, un fino estilista que leva con mestría a batuta do mediocampo verdinegro, e Alberto, un portento físico non exento de calidade técnica que reúne as condicións do que se soe considerar como un dianteiro-tanque, co apoio do resto de compañeiros, co que están a formar un bloque cada vez máis definido e compacto, deron un festival de xogo ofensivo, no que Alberto con catro dianas, Mathias con tres, e Marcos Acha coa restante, se repartiron os tantos dun partido no que o oito a tres final fixo disfrutar ao público que acudiu ao campo de O Leixo. A destacar un dos goles de Alberto, nunha bonita vaselina, executada cunha frialdade propia dun atacante do fútbol profesional. Con este triunfo o equipo cadete mantense na séptima posición con vintesete puntos, á espera de recibir a visita na próxima xornada do Unión Dena C.F., un conxunto que se atopa na décimo terceira posición con catro puntos.




















Ningún comentario:

Publicar un comentario