O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou vencer na tarde deste xoves ao Barro C.F. por dous goles a seis no campo de Outeiro-Perdecanai no partido corresponde á vixésimo cuarta xornada que tivo que ser adiantado a causa das celebracións festivos que teñen lugar estes días na parroquia de A Armenteira. Con esta vitoria o conxunto verdinegro colócase provisionalmente no quinto posto da táboa clasificatoria con corenta e catro puntos. Foi nun encontro no que os rapaces e rapazas que dirixe Jonathan Crespo entraron fríos, a tono coa temperatura exterior, con moitas imprecisións sobre un céspede que fora regado con intensidade, e no que a duras penas conseguían facer circular o balón con relativa fluidez. As chegadas producíanse de forma esporádica coas entradas polos costados de Manu Meixús e Adri e cos balón en profundidade que trataban de aproveitar a velocidade en ataque de Zubo. Foi nun rexeitamento a un lanzamento de falta de Hugo, no que Adri recolleu o balón e o introduciu dentro das mallas visitantes como se adiantou o Armenteira C.F. Parecía que este tanto encarrilaba o encontro para o cadro verdinegro, pero nunha xogada embarullada na que nin o porteiro nin os defensas conseguiron despexar a pelota, o Barro C.F. lograba a igualada coa que se chegou ao descanso. Na segunda metade, as intruccións que o técnico visitante deu no vestiario pareceron ser efectivas e o conxunto de O Leixo foi pouco a pouco despexándose no marcador. Un gol de Zubo culminando un contragolpe, outro do central Xoán cun disparo de longa distancia, un de Mosteiro cun disparo cruzado dende o borde da área, outro do defensa local Diego Búa en propia porta e, finalmente, un gol de Adri dende o borde da área, ao que os locais deron resposta cun saque directo dende o centro do campo que a gardameta Anabel non deu alcanzado, conformaron o dous a seis co que finalizou o encontro. Con estes tres puntos o Armenteira C.F. mantense nos postos privilexiados da clasificación e, no caso de finalizar a liga nesa posición, a formación que adestra Jonathan Crespo tería dereito a participar nunha hipotética fase de ascenso á Primeira Autonómica Alevín da modalidade de fútbol-8. Pero para elo deberá superar con éxito as dúas esixentes probas que lle quedan antes de que a temporada chegue á súa fin, que serán o partido que o medirá a próxima fin de semana no campo de O Leixo á S.D. Noalla e o que o medirá na seguinte xornada ao Portonovo S.D. no campo de Baltar-Fútbol-7. Entre medias destas citas disputará o encontro da primeira eliminatoria da Copa Deputación, no que debe visitar o feudo do A.D. Arousa F-7, con data e hora aínda por confirmar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario