A xornada desta fin de semana, a vixésimo segunda no que vai de liga, trouxo unha única vitoria para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Foi a que acadou o equipo cadete ante o Unión Dena C.F., mentres que o resto dos equipos non correron tanta fortuna.
O equipo benxamín visitaba na mañá do sábado o campo de O Revel, onde era recibido polo Vilalonga F.C. O cadro dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta partía como vítima ante un conxunto local claramente superior. O técnico celeste, Johan González, decidiu primar o toque de balón e o xogo combinativo fronte á finalización, pero a diferenza de nivel entre ambas escadras quedou reflectida no resultado de oito goles a cero co que rematou o encontro. A boa actuación da meta Sara Otero volveu a ser unha das notas máis positivas dun equipo alevín que segue paso a paso a súa lenta progresión na formación destes xóvenes futbolistas. A próxima fin de semana o equipo verdinegro recibe no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F., un conxunto que se atopa xusto un posto por enriba, na décimo sétima posición, con seis puntos.
O equipo cadete enfrontábase o sábado pola mañá no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. Era un compromiso a priori non demasiado esixente dada a clasificación de ámbolos dous conxuntos. O cadro dirixido por Marcial Prado non tardou en deixar clara a súa superioridade sobre a terra de O Leixo, e dous goles de Alberto, que segue coa súa estupenda racha goleadora, outros dous do zagueiro Carlos, que como en cada unha das súas esporádicas participacións co equipo eleva o nivel do conxunto, outro tanto de Roberto, moi motivado xa que no cadro rival estaban algúns dos seus compañeiros de pupitre, e outro do xogador de categoría infantil Jose Otero, que adoita dar un gran rendemento cada vez que forma parte do equipo cadete, deron unha clara vitoria por seis goles a cero para o Armenteira C.F. Con todo, o adestrador local queixouse da falta de intensidade dos seus xogadores en moitos momentos do encontro, e agarda que a capacidade competitiva do súa formación sexa aínda maior de cara ao partido que a próxima fin de semana disputará no campo de A Senra 2 ante o C.D. Ribadumia, segundo clasificado con trinta e oito puntos, once máis có cadro verdinegro, pero que no duelo que os mediu na primeira volta saiu derrotado de O Leixo por un gol a cero.
Pola súa contra, o equipo alevín viaxaba ao campo de A Ran, onde era recibido polo Atlético Cuntis, segundo clasificado e un dos máis claros favoritos ao ascenso de categoría. O conxunto adestrado por Jonathan Crespo saltou ao campo dando unha imaxe de solidez e seriedade, plantando cara ao seu rival, pero un gol nun lanzamento de falta sacado con picardía por Fernando Martínez, sen dar tempo a que a barreira e o porteiro do Armenteira C.F. se colocasen, adiantou ao cadro aurinegro no marcador. A partires de entón o equipo alevín seguiu tratando de combinar e crear peligro na área rival, pero non foi quen de materializar as ocasións das que dispuxo. Xa na segunda parte, de novo un golpe franco, e de novo Fernando Martínez, cun disparo que o gardamallas Sergio non logrou chapar, e que caiu aos pés dun dianteiro local, compricaron aínda máis a situación aos de A Armenteira. E para pechar a vitoria do Atlético Cuntis, Fernando Martínez volveu a colar o balón dentro da portería neste caso defendida por Anabel, mediante outro lanzamento de falta. O centrocampista do Atlético Cuntis, un xogador zurdo cun gran golpeo de balón, máximo goleador do grupo con corenta e un goles, volveu a marcar as diferenzas sobre o terreo de xogo, e a súa aportación está resultando clave para que o seu equipo estea cada vez máis preto de acadar o ascenso de categoría. O tres a cero final deixa ao Armenteira C.F. na sétima posición con trinta e oito puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un equipo que se sitúa na duodécima praza con dez puntos, pero que nas últimas xornadas se está a mostrar como un conxunto competitivo capaz de poñer en dificultades a calquera rival.
Finalmente, o equipo infantil recibía na mañá do domingo á S.D. Amanecer. A formación dirixida por Martín Casais está elevando está mostrando importantes melloras a nivel táctico, e foi quen de chegar ao descanso co resultado empatado a cero goles, o que fixo que a sufrida afección local albergase esperanzas de conseguir o primeiro triunfo da temporada. Pero, na segunda metade, un rexeitamento a un lanzamento dende fóra da área foi aproveitado polo dianteiro visitante Ángel Fernández para adiantar no marcador ao cadro meco. Os rapaces do equipo infantil seguiron loitando por achegarse á área rival, impulsados pola forza e o pundonor de Piñeiro, un rapaz que está tendo unha enorme progresión nos últimos partidos, ata que, un balón colgado á area pola S.D. Amanecer, volveu a caír nos pés de Ángel Fernández, que o introduciu de novo no fondo da rede defendida por un Santi ao que a sensación de mareo que o afectou durante o partido o obrigou a retirarse do partido. O seu posto na portería foi ocupado nos minutos restantes por Tomás, que tivo así a oportunidade de debutar en liga como gardamallas do Armenteira C.F. O equipo infantil, que co cero a dous co que rematou o encontro continúa na parte baixa da táboa, enfrontarase a vindeira fin de semana no campo de A Lanzada á S.D. Noalla, un conxunto que ocupa a décima posición con vintecinco puntos e, case sen tempo a repoñerse, o luns, no campo de A Ran, deberá medirse ao Atlético Cuntis, nun encontro da xornada 21 que foi aprazado a petición do cadro da vila termal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario