Buscar neste blog

martes, 22 de marzo de 2016

O Armenteira C.F. participa de novo a partires deste xoves no torneo Arousa Fútbol-7

O Armenteira C.F. vai participar a partires deste xoves á fase previa do torneo internacional de categoría alevín Arousa Fútbol-7 que se disputará unha vez máis no campo Manuel Jiménez de Vilagarcía de Arousa. A presenza do clube verdinegro nesta cita, considerada como o torneo desta categoría máis importante de España, vense repetindo dende fai seis anos, polo que os xogadores e xogadoras do cadro que dirixe Jonathan Crespo volverán a ter a oportunidade de disfrutar dun espectáculo deportivo de gran nivel, no que participan algúns dos clubes con maior potencial no referente ao fútbol formativo de Galicia, doutras Comunidades Autónomas e incluso de Portugal. A fase previa deste torneo divídese en dúas partes, a primeira é a que terá lugar o xoves e o venres, na que competirá o Armenteira C.F., e a segunda terá lugar o sábado e o domingo. Cada unha destas fases terá dous campións, que conseguirán o pase para a fase final, a celebrar en xuño, á que acoden como invitados os clubes con mellores canteiras de España e do mundo. Celta, Deportivo, Real Madrid, Barcelona, París Saint-Germain, Inter de Milán, ou incluso Boca Juniors ou River Plate son algúns dos clubes que se soen dar cita nesta fase final, pola que pasaron algúns xogadores que hoxe en día forman parte do estrelato futbolístico como Jordi Alba, Thiago Alcántara, Dani Carvajal, Marc Bartra, Denis Suárez ou Kingsley Coman, recentemente ascendido por Pep Guardiola ao primeiro plantel do Bayern Munich, e que logrou proclamarse campión en Vilagarcía militando no París Saint-Germain en 2007.

A participación do Armenteira C.F. iniciarase o xoves 24 de marzo, cando a partires das 10:30 horas se enfrontará no campo 1 ao E.D. Xuventude Oroso. O equipo da comarca de Compostela está realizando unha gran labor de fútbol base nos últimos anos, e este conxunto en concreto ocupa o primeiro posto para Primeira Alevín da modalidade de fútbol-8, grupo 3º da zona de Santiago, polo que se presume como un rival máis que compricado para os rapaces e rapazas do clube verdinegro. Na pasada edición o clube de O Leixo xa comprobou o excelente nivel do clube celeste, posto que tamén se tivo que medir neste torneo a un conxunto do E.D. Xuventude Oroso. Xa pola tarde, a partires das 16 horas o equipo alevín do Armenteira C.F. disputará o seu segundo encontro deste campionato, e será ante o San Tirso S.D. "A", un conxunto de Abegondo, un concello a escasos kilómetros da cidade de A Coruña, que tamén ten unha potente canteira. De feito este equipo sitúase na segunda praza da Primeira Alevín da modalidade de fútbol-8, da zona de As Mariñas, na cal a primeira posición está ocupada polo R.C. Deportivo de A Coruña. Para finalizar a xornada do xoves, a partires das 20 horas, neste caso no campo 2, o plantel do cadro verdinegro medirase á E.F. Hernani Gonçalves, unha escadra dunha importante escola de fútbol base da cidade de Porto, en Portugal. O último partido do Armenteira C.F. da liguiña da fase de grupos será o venres 25 a partires das 9:30 horas, e será ante a E.D. Ourense "B". O cadro da cidade das Burgas parece presentarse como o rival cun nivel a priori máis alcanzable para a formación verdinegra, xa que ocupa o segundo posto da clasificación na Segunda Alevín da modalidade de fútbol-8 da zona de Ourense, unha categoría similar á que acolle ao grupo que dirixe Jonathan Crespo.

A organización do torneo decidiu manter a política de prezos dos últimos anos, e así a entrada para un único día de competición  para o público adulto terá un prezo de 6 euros, e de 10 euros para a que da  posibilidade de asistir aos dous días de competición. No caso dos nenos e nenas que teñan ata 14 anos a entrará será gratuita. Dende a entidade verdinegra agardan que sexan moitos os familiares, afeccionados e demais simpatizantes do clube os que acudan ata Vilagarcía para animar aos seus xogadores e xogadoras nun torneo no que o nome do Armenteira C.F. se paseará xunto ao dalgunhas das entidades deportivas máis importantes do Estado.


















Ningún comentario:

Publicar un comentario