Buscar neste blog

xoves, 17 de marzo de 2016

Cinco partidos agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta xornada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán a partires deste venres unha intensa xornada de fútbol, con cinco partidos, e que non finalizará ata a tarde do luns, cando o equipo infantil dispute en Cuntis o segundo dos dous partidos que vai a disputar nos próximos catro días.

A xornada comezará na tarde do venres, cando, a partires das 19 horas, o equipo infantil dispute no campo de A Lanzada o seu encontro ante a S.D. Noalla. O equipo que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo está experimentando unha progresión importante nos últimos encontros, nos cales estivo próximo a puntuar, pero a falta de mordente en ataque e os desaxustes defensivos acabaron coas esperanzas dos xogadores e da súa sufrida afección. Para este partido o conxunto verdinegro contará con dúas caras novas, Juan e o xogador de categoría alevín Pablo, que con toda probabilidade farán o seu debut coa elástica do Armenteira C.F. A diferenza de nivel que parece indicar a clasificación entre unha S.D. Noalla que ocupa a décima posición con vintecinco puntos e un Armenteira C.F. décimo sétimo clasificado con só un punto non fai perder a moral a un conxunto que vai progresando lentamente e que comeza a mostrarse como un bloque algo máis sólido e compensado.

O sábado pola mañá será de novo a oportunidade do equipo benxamín, que nesta ocasión recibirá no campo de O Leixo a partires das 10:30 horas a visita do Unión Dena C.F., unha escadra que se atopa na décimo sétima posición,  xusto un posto por enriba do conxunto dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta. Por elo o corpo técnico do cadro verdinegro amósase ilusionado en lograr un resultado favorable, tendo en conta ademais que poderá dispoñer de cada todo o seu plantel en plenitude de condicións, a excepción da Ramón, que segue coa recuperación da fractura de cúbito que sufriu a pasada semana.

A continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, o equipo alevín enfrontarase á A.D. Arousa F-7. O cadro vilagarciano está situado na duodécima praza con dez puntos, pero é un bloque en franca progresión nos últimos partidos, e ao cal os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo venceron con dificultade no encontro da primeira volta, cun único tanto logrado por Manu Meixús. O técnico local agarda que a derrota sufrida a pasada xornada ante o Atlético Cuntis, con tres goles a balón parado, non faga mella no seu plantel, e confía en obter un novo triunfo que os afiance entre os seis primeiros da táboa.

Na xornada do domingo, o campo de A Senra 2, vivirá un partido de rivalidade entre dous equipos de localidades próximas e que están entre os de maior potencial dentro do grupo 8 de categoría cadete. Será o encontro que enfronte ao C.D. Ribadumia, segundo clasificado con trinta e oito puntos, e ao Armenteira C.F., sétimo clasificado con trinta puntos. No duelo que mantiveron na primeira volta os xogadores que adestra Marcial Prado venceron aos aurinegros por un gol a cero, cun tanto de Marcos Acha nos minutos finais. Por elo, o técnico verdinegro non quere que haxa ningún tipo de relaxación nos seus xogadores, xa que o C.D. Ribadumia sairá con ánimo de revancha, coa intención ademais de manterse nos postos de ascenso.

E para finalizar, na xornada do luns, no campo de A Ran, a partires das 19:30, o equipo infantil volverá a ter unha nova cita. Neste caso será ante o Atlético Cuntis, unha potente escadra que ocupa a quinta posición con trinta e nove puntos. Trátase dun encontro pertencente á xornada 21, pero que foi aprazada a petición do clube local. A clara vitoria conseguida polo cadro da vila termal no partido da primeira volta fai que o papel de favorito o teña o Atlético Cuntis, pero a mellora que está comezando a mostrar o conxunto verde e negro fai pensar que a diferenza entre ambos bloques non vai ser tan alta e que o duelo previsiblemente sexa algo máis igualado que o disputado fai uns meses.













Ningún comentario:

Publicar un comentario