Buscar neste blog

sábado, 19 de marzo de 2016

O Armenteira Veteranos logra unha importante vitoria nun gran partido ante o A Diario Multitienda

O campo de O Leixo volveu a ser testemuña na tarde deste sábado dunha vitoria do Armenteira Veteranos. Nesta ocasión a vítima foi o A Diario Multitienda, segundo clasificado do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, que caiu derrotado ante o cadro verdinegro por tres goles a un. O conxunto vilagarciano saltou ao campo coa intención de levar o control do esférico e imprirlle ritmo ao encontro. pero de novo a eficacia en ataque de Jorge Castro foi letal para o rival do Armenteira Veteranos. O dianteiro de Vilar volveu a mostrar o olfato goleador que o caracteriza e resolveu con acerto dúas xogadas nas que o balón chegou aos seus pés nas inmediacións da área visitante, permitindo que o seu equipo se fose ao descanso cunha vantaxe de dous goles. Nos primeiros minutos da segunda metade o A Diario Multitienda acurtou distancias nunha bonita acción individual dun dos seus dianteiros, pero o equipo de O Leixo soubo dar unha rápida resposta, e nun saque de banda colgado á area visitante Marcos cabeceou o balón ao fondo das mallas. O de Castrelo deu sobriedade ao equipo dende a posición de mediocentro defensivo e fixo esquecer as importantes baixas de Javi e Martín na zona medular, e a súa gran actuación viuse premiada con este gol, grazas ao cal o Armenteira Veteranos viviu con relativa tranquilidade o resto do partido. A nota negativa foi o golpe que se levou o centrocampista Cacabelos que, nun encontronazo cun xogador rival sufriu un aparatoso corte nunha cella, polo que tivo que abandonar o partido e trasladarse a un centro médico, onde recibiu catro puntos de sutura. Con este triunfo o conxunto verde e negro segue conformando unha impecable segunda volta, na que conta cunha única derrota, a producida a mans do Monteporreiro- Muebles El Almacén, e suma xa cincuenta puntos, que o manteñen na zona media-alta da táboa, situación que agarda mellorar na próxima xornada de liga, a disputar o sábado 2 de abril, na que se vai medir ao Dorrón C.F. Veteranos, nun novo duelo de rivalidade entre dous equipos próximos e que ademais son rivais directos na loita por acceder aos postos privilexiados da clasificación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario