Buscar neste blog

sábado, 12 de marzo de 2016

Empate sen goles do Armenteira Veteranos ante o Santomé

O Armenteira Veteranos non puido traerse os tres puntos da súa visita ao campo de Chan de Piñeiro, na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro. Nunha tarde plácida e soleada o equipo verdinegro, que para esta cita tivo que vestir de celeste,  realizou un partido gris e entrou frío no xogo, mentres o rival, o Santomé, se facía co dominio do balón e chegaba con perigo en máis dunha ocasión á meta defendida por Joserra. Nun deses achegamentos un balón perdido fixo cundir o pánico entre os xogadores visitantes, pero un severo manotazo do gardamallas de Couso desviou a súa traxectoria sobre a liña de gol, mentres os rivais reclamaban infructuosamente un gol pantasma que o colexiado, situado ao pé da xogada, decidiu non conceder. Co paso dos minutos o Armenteira Veteranos foi facéndose co control do xogo e as visitas á área rival eran cada vez máis frecuentes. Joseíño, Galiñanes, Manueliño, Víctor, Marcial, Javi e, por suposto, Jorge Castro, dispuxeron de ocasións para desnivelar o encontro, pero a falla de puntería e a boa actuación do meta local impediron que se movese o resultado co que se iniciou o partido. Con este empate o conxunto de O Leixo suma corenta e sete puntos e mantense na zona media-alta da táboa. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos recibirá a visita do equipo vilagarciano do A Diario Multitienda, un dos cadros máis potentes do grupo, que se atopa no segundo posto da clasificación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario