Buscar neste blog

domingo, 27 de marzo de 2016

As malas previsións meteorolóxicas ameazan a celebración da romaría das Cabezas

O mal tempo que azotou a comarca de O Salnés durante esta fin de semana ameaza a celebración dos distintos eventos que tiñan previsto celebrarse na parroquia de A Armenteira co motivo da romaría da Virxe das Cabezas. De feito, a comisión de festas O Noso ven de anunciar a suspensión do primeiro destes eventos, a XIV Festa da Xuventude. O forte vento e a chuvia, que facían temer pola seguridade dos asistentes, obrigaron a suspender as actuacións que esta noite ían protagonizar os grupos Eondry e Outro Carallo, ademais do Show Eme Music, encabezado pola actriz e cantante Eva Iglesias, participante habitual no programa da Televisión de Galicia Land Rober Tunai Show e que tanta expectación espertara. Para a xornada do luns as previsións meteorólicas non son tan desfavorables, polo que dende a comisión organizadora agardan que non impidan a afluencia de romeiros ás inmediacións do mosteiro. Os máis devotos terán a oportunidade de disfrutar dun extenso programa de oficios relixiosos, con misas en horario de mañá ás 9, 10, 11, 12 e 13 horas, esta última cantada por un coro local, e en horario de tarde ás 17, 18, 19 e 20 horas. A romaría das Cabezas soe reunir a milleiros de persoas dos distintos lugares da contorna que teñen por tradición subir andando polas múltiples rutas que conducen a A Armenteira. Tamén é notable a asistencia de romeiros en coches particulares, en autobús ou incluso en bicicleta ou a cabalo que converten a A Armenteira no principal centro de atracción da comarca cada luns de Pascua. Esta celebración supón ademais unha importante fonte de ingresos para a economía local, en especial para os locales de hostalería que se sitúan no entorno do mosteiro, que obteñen nestes días boa parte da recadación do ano.



Ningún comentario:

Publicar un comentario