Buscar neste blog

venres, 11 de marzo de 2016

Xornada decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo segunda no que levamos de liga, preséntase como decisiva para os equipos de fútbol base de cara ás súas aspiración no que resta dunha temporada que está xa próxima a finalizar.

O equipo benxamín visita o campo de O Revel para medirse o sábado a partires das 11 horas ao clube local, o Vilalonga F.C. O cadro adestrado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta agarda seguir dando mostras do seu leve progreso no proceso de formación futbolística que se está desenvolvendo con estes rapaces e rapazas na presente temporada, pero son conscientes da superioridade do conxunto celeste, dirixido polo cambadés Johan González, que ocupa a undécima posición con vintesete puntos. A baixa de última hora de Ramón supón unha dificultade máis para unha escadra verdinegra xa de por si moi debilitada.

Pola súa parte, o equipo cadete afronta a partires das 11:30 horas, no campo de O Leixo, un novo encontro de liga no que agarda poder manter a traxectoria ascendente das últimas xornadas. A sétima posición con vintesete puntos e a bos resultados dos últimos partidos parecen outogar o papel de favoritos aos rapaces que adestra Marcial Prado fronte a un rival, o Unión Dena C.F., situado décimo terceira praza, unicamente con catro puntos. A solidez que está mostrando o conxunto, unida á perigorisade do tridente ofensivo formado por Villa, Mathias e Alberto fan que a afección verdinegra se mostra esperanzada en conseguir un novo triunfo e así seguir escalando postos na táboa. O técnico de San Salvador contará coa totalidade do plantel, no que incluirá aos xogadores do equipo infantil Jose Otero, Álex Ruel e Piñeiro, que están dando moi boas sensacións cando participan no conxunto de categoría cadete.

O equipo alevín ten esta fin de semana, o sábado a partires das 12 horas no campo de A Ran, unha das probas máis esixentes no que resta de temporada. A falta de cinco xornadas para que finalice a liga a formación dirixida por Jonathan Crespo mantense na sexta posición da táboa coa nada desdeñable cifra de trinta e oito puntos, e conserva intactas as súas aspiracións de loitar polos postos que dan opción ao ascenso de categoría. Pero o rival desta fin de semana é un dos colosos do grupo, o Atlético Cuntis, segundo clasificado con cincuenta e dous puntos, e que conta nas súas filas co máximo artilleiro do grupo, Fernando Martínez, trinta e nove goles. No encontro da primeira volta, o conxunto da vila termal derrotou aos de A Armenteira por un gol a dous, demostrando un poderío físico e unha contundencia que o fai destacar fronte aos demais equipos da categoría. O técnico valgués, que poderá contar con todos os seus efectivos, incidiu esta semana no traballo físico, para evitar o declive que se produce no rendimento do conxunto nas segundas metades dos últimos partidos.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo, no campo de O Pombal, en Cambados, a partires das 11;30 horas, á S.D. Amanecer, nun encontro que será arbitrado polo colexiado Pereira Vieites, que tamén se encargará de pitar o partido do conxunto cadete da entidade verdinegra a disputar o sábado. O colectivo adestrado por Martín Casais e Jonathan Crespo, que na última xornada de liga deu unha imaxe de ser un conxunto máis sólido e competitivo, o que case lle permitiu sumar un novo punto, agarda manter esa lenta progresión ante un rival que se sitúa na décimo quinta posición con dez puntos. No encontro da primeira volta o equipo meco derrotou aos verdinegros por cinco a un, pero a mellora que dende entón parece que están a mostrar os de A Armenteira permite que os seus sufridos afeccionados poidan soñar con acadar un novo punto para un casilleiro tan escaso de resultados positivos esta temporada.
















Ningún comentario:

Publicar un comentario