Buscar neste blog

mércores, 30 de novembro de 2016

Armenteira despide de forma multitudinaria a Chicho

A Armenteira viviu este mércores un dos enterros máis multitudinarios que se recordan. O falecemento na madrugada do pasado luns de Javier Martínez Ucha "Chicho" nun tráxico accidente de tráfico causou unha profunda conmoción na parroquia e foron moitas as persoas que se desprazaron ata o seu domicilio nas horas posteriores ao suceso, ao tanatorio de Ribadumia, onde se velou o seu cadáver, e ata a igrexa do mosteiro de Armenteira, onde tiveron lugar as exequias fúnebres e o enterro. "Chicho" era unha persoa moi querida e aprezada polos veciños, á que todos recordan pola seu carácter aberto e a súa cercanía, e que sempre estivo moi implicado nas actividades sociais e culturais e nas entidades representativas da parroquia. Aos seus 36 anos contaba xa cun amplo currículum de colaboracións. Formou parte do Armenteira C.F., primeiro como xogador dos equipos da base e logo como membro da Xunta Directiva, na que durante uns anos ocupou o posto de vicepresidente. Nas últimas temporadas continuou ligado ao deporte militando no Armenteira Veteranos e participando activamente nos eventos ciclistas. Tamén foi durante varios anos un dos integrantes máis recoñecidos  da Comisión de Festas O´Noso e actualmente era un dos representantes da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte. Por todo elo estes días vivíronse con extrema tristura nunha parroquia que quixo expresar o tremendo cariño que sentía por el acudindo en masa á súa despedida e gardando un respectuoso silenzo durante a misa de funeral e o traslado do seu corpo ao cemiterio. Algunha das entidades das que formou parte xa anunciou que nos próximos días levará a cabo algún acto para recordar e homenaxear a súa figura.


domingo, 27 de novembro de 2016

O Atlético Arousana "B" non da opción ao equipo feminino do Armenteira C.F.

O equipo feminino do Armenteira non puido repetir triunfo esta semana. Se a pasada fin de semana lograba unha histórica vitoria na súa visita á localidade de A Estrada este domingo o resultado foi ben distinto. Gran culpa diso tívoa o Atlético Arousana "B", unha formación que pertence a un clube pioneiro no fútbol feminino e que dende fai uns anos se convertiu na referencia neste deporte para o cada vez maior número de nenas que se animan a calzar as botas para defender as cores dalgúns dos moitos equipos que existen na contorna. O cadro técnico local, formado por Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou unha alineación con Karla na portería, que suplía á lesionada Uxía, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Ana Lorenzo, Naomi, Nerea Baños e Raquel no mediocampo, Ana Martínez na mediapunta e Ángeles como xogadora máis adiantada. Dende os primeiros minutos o cadro vilagarciano apropiouse da posesión do balón e o Armenteira C.F. apenas conseguía saír do seu campo. Un lanzamento que superaba en altura a Karla servía para inaugurar o marcador a prol do Atlético Arousana "B" e a partires de entón comezou a sucesión de goles na meta verdinegra. A polémica chegou cando o colexiado Sartages Bermúdez sancionou cun penalti un forcexeo de Laura cunha atacante do cadro amarelo. As protestas de Marcial Prado acabaron co adestrador de San Salvador expulsado. Nada puido facer Karla ante o lanzamento dende os once metros de Cristina Bemposta. O equipo visitante, liderado na zona de creación por Ana González, administrou con comodidade a vantaxe ante unhas xogadoras verdinegras que se resignaban e que trataban de buscar o gol da honra con balón en profundidade a Mar, pero a dianteira vilagarciana, mermada polos problemas de saúde que sufriu esta semana, víase impotente na batalla contra as defensas adversarias. O marcador final acabaría reflectindo un cero a  nove, que reflicte ben ás claras a diferenza que hoxe en día existe entre ámbalas dúas escadras. Con todo, as xogadoras do Armenteira C.F. non perderon a oportunidade de rendirse unha pequena homenaxe de despedida a Nerea Baños, a súa compañeira que, por motivos profesionais, vese obrigada a trasladarse temporalmente a Madrid.  O próximo domingo as rapazas que adestra Marcial Prado recibirán de novo en O Leixo ao C.F. Rúa-Valdeorras. O conxunto ourensano ocupa a quinta praza con vinte puntos, polo que vai supoñer outro reto compricado para as de A Armenteira.


Novo triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou un novo e importante triunfo no encontro que o mediu na mañá deste domingo á S.D. Chispa. Esta vitoria por dous goles a cero serve para que o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" poida proseguir coa súa escalada na clasificación. O técnico cambadés presentou un once inicial con Sergio na portería, Migui, Xoán, Sebas e Andrei na defensa, Mosteiro, Carlos Pérez, Álex Ruel e Jose Otero na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como referencia en ataque. Non foi un partido fácil para a escadra verdinegra. O rival é un equipo formado maioritariamente por rapazas e que destaca por un excelente dominio dos fundamentos tácticos e ´técnicos. Quizas no apartado físico estea a súa desvantaxe fronte a conxuntos nos que predominan os futbolistas de xénero masculino, pero a coraxe e as gañas de superación fainas ser competitivas fronte a calquera rival do grupo. O Armenteira C.F. baseou de novo o seu xogo no envío de balóns a un Piñeiro que tivo que lidiar coa central Nerea Prego, unha das defensoras máis férreas das que se vai atopar durante a temporada. Despois de desperdiciar algunha ocasión o dianteiro de Vilariño conseguiría por fin atopar as redes do cadro vilagarciano. Co resultado a favor parecía que o resto dos minutos ían resultar plácidos para os rapaces e rapazas que adestra "Tilín", pero na segunda metade a escadra visitante foi pouco a pouco comendo terreo e facéndose co control do mediocampo. A calidade de Carla Piñeiro na zona central do campo e da cambadesa Vera na punta de ataque, unidos ao pundonor e o temperamento que mostrou Manuel Fernández pola banda esquerda eran contrarrestados polos locais co poderío físico de Álex Ruel e polas internadas por banda de Mosteiro e Jose Otero. Non sería ata o minuto 77 cando a tranquilidade chegaría ás bancadas de O Leixo. A fortuna fixo que lanzamento de falta de Álex Ruel se colase entre as pernas da meta do conxunto de Corón. A próxima xornada a formación verde e negra deberá desprazarse ata o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, décimo clasificado a catro puntos dos dezaséis que suma o Armenteira C.F.


sábado, 26 de novembro de 2016

Polémica derrota do Armenteira Veteranos en Berdón

O campo de Berdón volveu ser escenario de polémica como cada vez que o Armenteira Veteranos visita este campo no que, ano tras ano, o triunfo se lle segue resistindo. O conxunto verdinegro presentouse nas instalacións deportivas de Trabanca Badiña con Joserra baixo paus, Óscar Portas, Marcos, Carlos e Jorge Dávila en defensa, Pellejo, Martín, Cacabelos e Richi no mediocampo, e Jorge Castro e Manueliño en ataque. A escasa fortuna que soe acompañar ao Armenteira Veteranos cando se despraza ata Berdón xa se puxo de manifesto no minuto dous cando o conxunto rival, o Multitiendas S.D., transformaba un penalti que Carballal Pérez non dubidou en sinalizar. Con todo, o Armenteira Veteranos conseguiu resacirse e de novo apareceu a efectividade de Jorge Castro nos metros finais para igualar o marcador. Antes de chegar ao tempo de lecer Rafa colaba pola escadra vilagarciana un potente chut dende ángulo esquerdo da área. O partido poñíaselle de cara aos de O Leixo pero a tensión que sempre envolve as súas visitas a Berdón foi en aumento. As provocacións rivais unidas ao desacerto dun colexiado que pouco a pouco ía perdendo o control da situación meteron un partido nunha dinámica que en nada beneficiaba aos visitantes. Un derrubamento a Jorge Castro cando se presentaba en clara vantaxe ante a meta vilagarciana, que unicamente mereceu un cartón amarelo como sanción, alterou aínda máis os ánimos dos futbolistas que capitanea José Luis Galiñanes. A expulsión de Manueliño cando se dispoñía a incorporarse ao terreo de xogo dende o banquillo deixou ao Armenteira Veteranos sen un dos seus principais argumentos ofensivos. A partires de entón a tensión seguiu aumentando. Unha tangana e unha invasión de campo protagonizada por boa parte dos compoñentes do banquillo local descentraron aínda máis aos verdinegros, que viron como un centro caía na área pequena nos pés do talentoso Novais para igualar o encontro. E a falta de dous minutos para o final Antonio Collazo un preciso lanzamento de Antonio Collazo colábase pola escadra esquerda dun desesperado Joserra. A pesares desta derrota por tres goles a dous o Armenteira Veteranos mantense na décima posición. A próxima fin de semana os verdinegros buscarán reencontrarse coa vitoria no partido que os medirá no campo de O Leixo ao San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba, undécimo clasificado con catorce puntos.


A efectividade do Unión Dena condena a un mermado equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. sufriu unha contundente derrota na visita que realizou na mañá deste sábado ao campo de As Cachizas. Coas importantes ausencias de xogadores habituais nas convocatorias de Luis e Alba Barral como Fran e Jose Domínguez, afectados por sendos procesos víricos, e de Íñigo, que non acaba de superar os seus problemas musculares, o cadro verdinegro presentábase en clara inferioridade ante un Unión Dena C.F., que a tenor da situación na clasificación, parecía un rival directo. Nada máis iniciarse o encontro unha cabezada á saída un córner adiantaba aos branquiazuis. O Armenteira C.F. tratou de resacirse, pero nin Manu Meixús, moi vixiado polos defensores rivais, nin Junior, que ocupou a posición de dianteiro centro, conseguiron convertir en gol as aproximacións á área do Unión Dena C.F. das que foron protagonistas. Co paso dos minutos os locais foron impoñendo a súa maior contundencia. Desbordaban por banda e e chegaban en vantaxe ao remate fronte a uns defensores visitantes e a un meta Sergio Matilde que loitaban con impotencia fronte á superioridade nos metros finais do adversario. A maior efectividade dos de As Cachizas acabou plasmándose no resultado de cinco a cero co que rematarían os cincuenta minutos, un resultado quizais demasiado abultado para o que se puido observar sobre a herba artificial de Coirón. A próxima semana os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral disputarán a última xornada desta primeira fase de liga, e será no campo de O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, outro rival directo que ocupa a sétima posición, con sete puntos, un máis cá formación verdinegra.




venres, 25 de novembro de 2016

Un fogar para Doraemon

Dende fai uns meses os arredores do C.E.I.P. de Armenteira contan cun novo inquilino. Alguén podería pensar que se trata dun dos moitos peregrinos que, en pleno percorrido da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, deciden hospedarse no albergue instalado no local que tamén acolle a Casa de Cultura da parroquia. Pois non. Tratáse dun dócil e agarimoso gato que axiña se gañou o cariño dos nenos e nenas, do profesorado e do resto dos membros desta comunidade educativa. Non só lle deron un nome, tomado dunha famosa serie xaponesa de debuxos animados, senón que o levaron ao veterinario para que lle revisaran o estado da súa saúde e para desparasitalo. Doraemon atópase en perfecto estado, vese san e limpo e nótase agradecido polo cariño e a atención que lle prestan, pero dende a dirección do C.E.I.P. de Armenteira cren que o mellor para el sería atopar unha familia que o acolla. Por elo, puxéronse en contacto coas familias do alumnado do centro para buscar un fogar máis confortable para Doraemon. Ao parecer son xa varias as familias interesadas, polo que haberá que facer un sorteo entre as distintas solicitudes de adopción. En poucas semanas poderemos ver como un dos habitantes máis famosos de A Armenteira cambiará de residencia, pero de seguro que non deixará de habitar nos corazóns dos nenos e nenas que diariamente se lle achegaban para tratar de collelo no regazo, darlle un pedazo da merenda ou simplemente para amansalo.


domingo, 20 de novembro de 2016

Primeira e histórica vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. en A Estrada

O día 20 de novembro pasará a ser tamén un día para a historia do Armenteira C.F. No campo Manuel Regueiro o equipo feminino da entidade verdinegra logrou a que é a súa primeira vitoria en liga e, por conseguinte, os primeiros puntos da súa curta pero intensa existencia. Era un duelo trascendental para as rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros, posto que o rival, o Atlético Estrada E.D. tampouco conseguira puntuar e parecía, a priori, unha excelente oportunidade para inagurar o casilleiro. O conxunto verdinegro formou con Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Diana e Laura en defensa, Nerea Baños, Naomi e Raquel na liña medular, e Karla, Mar e Ana Martínez en ataque. Dende os intres iniciais a emoción foi a nota dominante. Dende as nutridas bancadas do antiguo campo de Figueroa os ánimos das afeccións ían minuto a minuto en aumento. E foi Ana Martínez, a xogadora máis desequilibrante das que compareceron sobre o terreo de xogo da comarca de Tabeirós, a que culminaría unha xogada persoal para poñer en vantaxe as visitantes. Pouco durou a alegría para a parroquia verdinegra, xa que un minuto despois un disparo raso das estradenses colabáse pegado ao pau esquerdo da portería defendida por Uxía. Pero de novo emerxeu a figura de Ana Martínez. A futbolista de O Freixo volveu prantarse diante da gardamallas local e definiu con mestría. Na segunda metade o partido foi tomando pouco a pouco unha cor máis claramente verdinegra. Ocurriu entón a lesión da meta Uxía, tras unha aparatosa colisión cunha dianteira contraria, que a obrigou a ser retirada do terreo de xogo, e a trasladala en ambulancia cara un centro hospitalario de Santiago de Compostela. Tomou o relevo na portería Alessandra, que tivo xa escasas oportunidades de lucirse, pois as aproximacións do Atlético Estrada E.D. serían cada vez máis esporádicas. O gol de Karla, que acertou coa rede tras varios rexeitamentos da defensa rival, puxo a tranquilidade nun marcador que permanecería inamovible nos minutos restantes. A boa noticia completouse cando se soubo o diagnóstico definitivo da lesión de Uxía, que se quedou nun esguince de xeonllo, aínda que é previsible que Marcial Prado non poida contar coa gardameta de Padrenda o próximo domingo no encontro que medirá ao conxunto verdinegro co Atlético Arousana "B", noveno clasificado con once puntos.


Golpe de autoridade do equipo infantil do Armenteira C.F. en Dena

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F. O aparente favoritismo que indicaba a situación clasificatoria de ámbolos dous conxuntos non foi tal e os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" mostraron dende o inicio maior capacidade de chegada á area rival que os locais. Dous goles de Piñeiro, que de novo volveu ser un quebradeiro de cabeza para a defensa contraria, puxeron en vantaxe ao cadro verdinegro, e aínda puido ser maior esta vantaxe se lograran anotar algunha das claras oportunidades das que dispuxo neste primeiro período, principalmente nas botas dun Jose Otero especialmente activo. Pero os desaxustes defensivos dos de A Armenteira permitiron que o Unión Dena C.F. igualase o marcador. Na segunda metade, a tónica continuou sendo a mesma, e Álex Ruel, aproveitando na área pequena un balón que se lle escapou das mans ao meta local, e Piñeiro, xa no último suspiro do encontro, culminando perfectamente unha asistencia en profundidade, colocaron no electrónico de As Cachizas o dous a catro final. A próxima fin de semana o equipo infantil do Armenteira C.F. recibirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa, un equipo composto case na súa totalidade por rapazas e que se atopa na oitava praza con quince puntos, dous máis que a escadra que adestra "Tilín".


sábado, 19 de novembro de 2016

O Armenteira Veteranos naufraga no medio do temporal

A intensa choiva, o vento, as baixas temperaturas e a superficie embarrada do terreo de xogo de O Leixo condicionaron o partido correspondente á undécima xornada de liga que disputaron este sábado sobre o terreo de xogo do campo de O Leixo o Albariño Cambados e o Armenteira Veteranos. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Joserra en portería, Óscar Portas, Marcos , Carlos e Jorge Dávila en defensa, Martín, Javi, Cacabelos e Marcial no medio campo, e Jorge Castro e Manueliño en posicións avanzadas. Nun escenario que parecía máis propio para a práctica de deportes náuticos o frío e a falta de intensidade foron apoderándose dos futbolistas e, unidos a unha serie erros defensivos, provocaron que o partido se decantase do lado visitante xa ao finalizar os primeiros corenta e cinco minutos o partido. Cun cero a tres de vantaxe ao descanso resultaba pouco probable que a vitoria se lle escapase aos cambadeses. E así foi. A debilidade defensiva do Armenteira Veteranos foi unha contante, axudada en boa medida pola lama que cubría O Leixo, e  foi habilmente aproveitada neste partio polo Albariño Veteranos para deixar practicamente sentenciado o partido na primeira metade. Pese a que os locais gozaron de ocasións suficientes para darlle emoción á cita o marcador permanecería inalterable neste segundo período. Este resultado sitúa ao cadro verde e negro na décima praza con dezasete puntos, á espera de visitar na próxima xornada o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse ao Multitiendas S.D., un equipo que se atopa no noveno posto cos mesmos puntos que os de A Armenteira.


A cordialidade reina no dobre enfrontamento entre o Meaño F.C. e o Armenteira C.F.


O ambiente de cordialidade volveu reinar no dobre enfrontamento que tiveron os equipos do Meaño F.C. e o Armenteira C.F. Por acordo entre as Xuntas Directivas do ámbolos dous clubes decidiuse xogar os partidos na xornada da mañá do sábado, permitindo así unha mellor organización destes eventos por parte dos responsables dos clubes.

Os equipos de categoría benxamín foron os primeiros en verse as caras, e fixéronno sobre a superficie de area do terreo de xogo do campo de O Leixo. A arbitraxe correu a cargo de Fandiño Salgueiro. O cadro técnico local, formado por Luis e Alba Barral, presentou un oito inicial composto por Sara Otero na portería, Lucas Otero, Ramón e Borja na liña defensiva, Uxía, Óscar e Brais Charlín no mediocampo e Ainhoa en ataque. A clara superioridade do Meaño F.C. púxose de manifesto dende o inicio e pouco a pouco os visitantes foron perforando as mallas que defenderon Sara Otero na primeira metade e Uxía na segunda. O resultado final de cero goles a catorce contribúe a darlle aos meañeses de forma máis ca meritoria o primeiro posto da liguiña da primeira fase das que a Federación Galega estableceu para as categorías iniciais do fútbol base para esta temporada. Nas próximas semanas a competición vai continuar, aínda que cada equipo o fará na liguiña na que sexa encadrado en función da praza que ocupou.

A continuación foi a quenda dos equipos de categoría alevín, na modalidade de fútbol-8. O campo da Área Recreativa de A Toxa foi o escenario deste envite. Luis e Alba Barral presentaron un oito inicial formado por Junior baixo paus, Fran. Andrés e Javi en defensa, Manu Meixús, Íñigo e Brais Santamaría na liña medular, e Adri na punta de ataque. Tras uns primeiros minutos de tanteo, con ocasións por ámbolos dous bandos, os erros e a falta de concentración defensiva permitiron que o cadro meañés fose pouco a pouco impoñendo a súa superioridade e achegándose cada vez con máis frecuencia á meta que defenderon Junior no primeiro tempo e Sergio Matilde no segundo. O primeiro gol foi como unha dura lousa para os locais que, a pesares de realizar un aceptable encontro e de mostrar unha seriedade e un espírito competitivo maior ca nos últimos encontros, tiveron que irse ao descanso cun tres a cero en contra. Na segunda metade o precioso de Manu Meixús puxo algo de emoción no marcador aínda que a rápida resposta do Meaño F.C. acabaría fixando no marcador o resultado de catro a un co que remataron os cincuenta minutos. A próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. deberá visitar o campo de As Cachizas para medirse ao Unión Dena C.F., sétimo clasificado con sete puntos.




domingo, 13 de novembro de 2016

O líder non perdoa ante o equipo feminino do Armenteira C.F.

A E.F.M. Boiro líder destacado do grupo 2 da Segunda División Feminino non perdoou na visita que na tarde deste domingo realizou ata o campo de O Leixo, na que acabou levándose unha vitoria por un gol a trece. Nunha tarde soleada pero que axiña se foi enfriando o cadro técnico local, dirixido por Marcial Prado, decidiu deixar de lado o seu habitual sistema de 4-3-3 e apostar por un 4-4-2. Presentou un once inicial composto por Uxía na portería, Laura, Alessandra, Fátima e Séfora en defensa, Ana Lorenzo, Naomi, Nerea Baños e Raquel no mediocampo e con Ana Martínez e Mar na punta de ataque. A intensidade e a boa disposición táctica das locais viuse truncada no minuto un co gol de Andrea Francisco para as de O Barbanza. Con todo a escadra verdinegra mantivo o tipo e resistiu con tesón ante un rival netamente superior e que basea o seu potencial no xogo directo e na calidade individual dalgunha das súas xogadoras. O golpe sufrido por Séfora na primeira metade e a lesión de Nerea Baños na segunda obrigaron a un Armenteira C.F. falto de recambios no banquillo a disputar boa parte do encontro con dez efectivos sobre o terreo de xogo. A pesares de todas estas adversidades Alessandra, resolvendo unha xogada embarullada na área boirense, conseguiría anotar o que é o primeiro tanto das verdinegras no que levamos de liga. A defensa central de Paradela, unha das máis decididas impulsoras deste proxecto deportivo, volveu ser a principal referencia do equipo dende a parcela defensiva, e xunto co traballo e Naomi e Nerea Baños na liña de creación e a calidade e a loita de Ana Martínez e Mar no ataque, contituíron os principais argumentos dun Armenteira C.F. Féminas que camiña a paso lento na súa progresión por esta campaña iniciática no mundo do balompé. A próxima fin de semana o cadro que adestra Marcial Prado deberá desprazarse ata o campo Municipal Manuel Regueiro, en A Estrada, para enfrontarse ao conxunto local do Atlético Estrada E.D., que aínda non conseguiu sumar ningún punto e que se sitúa un posto por debaixo das de A Armenteira.


Emocionante partido en O Leixo con vitoria final para a A.X. Saraiba do Mar

O equipo alevín  A.X. Saraiba do Mar levouse os tres puntos da súa visita ao campo de O Leixo despois dun intenso e emocionante partido contra o Armenteira C.F. Nunha mañá soleada e no medio dun ambiente festivo o conxunto que dirixen Luis e Alba Barral saíron ao campo coa intención de impoñer o ritmo dende o primeiro minuto. As precicipacións, as imprecisións nos pases e o xogo embarullado impediron que os locais convertisen en gol as gañas e a entrega dos primeiros minutos. Sería a A.X. Saraiba do Mar a que se adiantaría no marcador. A reacción do cadro verdinegro non se fixo agardar e Brais Santamaría recollía un balón rexeitado do pau e poñía a igualada. Pero a falta de acerto dos locais e a claridade coa que os de Portonovo montaban os contragolpes deixou cunha vantaxe de un gol a tres ao descanso para os visitantes. Luis Barral tratou de recompoñer o seu conxunto na segunda metade e os tantos de Brais Charlín e Adri en dúas ocasións, unha delas cun lanzamento directo dende o saque de centro, poñían empate a catro goles que parecía que ía a ser definitivo. Non foi así. A falta de colocación e contundencia no corte na zona defensiva provocaron que os dous minutos finais foran crueis para a escadra verdinegra. Dous novos goles da A.X. Saraiba do Mar colocaría o resultado de catro goles a seis co que remataría o encontro. A desilusión e o mal sabor da derrota viuse compensado co churrasco, a torta e os postres que os pais e as nais da rapazada que defende as cores do Armenteira C.F. prepararon para agasallar ao adestrador local, Luis Barral, cunha festa de cumpreanos que se celebrou no mesmo campo ao rematar o partido. A próxima fin de semana o conxunto verdinegra terá unha difícil saída ata o campo da Área Recreativa de A Toxa para medirse ao potente equipo do Meaño F.C., segundo clasificado con dezaséis puntos.


sábado, 12 de novembro de 2016

Xusto reparto de puntos entre Cafetería Vilariño e Armenteira Veteranos

O Cafetería Vilariño-Cambados e o Armenteira Veteranos disputaron un intenso e igualado encontro que rematou cunha igualada a un tanto. A intensa choiva que caiu durante toda a mañá deu unha tregua e, nun terreo de xogo en aceptables condicións, permitiu que os escasos afeccionados que se congregaron no campo de O Leixo puidesen disfrutar dun partido con moitas alternativas entre dous conxuntos situados na zona media-alta da táboa. O inicio do encontro foi de claro dominio local, e froito dese dominio, Jorge Castro, recollendo un balón perdido a uns vinte metros da meta cambadesa, colocou o balón coa precisión exacta para que, nin o porteiro que trataba de retornar á súa posición, nin os defensas, o puidesen neutralizar. Co resultado a favor parecía que o partido ía ter clara cor local e se decantaría por outro triunfo dos verdinegros. Pero non foi así. Co transcurso dos minutos, a medida que a néboa se ía apoderando do ambiente, os visitantes, con maior criterio na distribución do xogo no mediocampo, foron facéndose co control e poñendo cada vez con máis frecuencia en apuros a unha defensa á que os nervios facían perder a seguridade mostrada no primeiro terzo do encontro. Na segunda metade o Cafetería Vilariño-Cambados tivo o xusto premio ao seu traballo, e tras unha xogada que os locais protestaron coma fóra de xogo, que a cabeza de Marcos non conseguiu interceptar, Roberto Mosteiro conseguiu batir a un resignado Joserra. De nada serviron os intentos finais do Armenteira Veteranos por levarse os tres puntos. A solidez defensiva do cadro vermello, cun centro da defensa de gran poderío físico e que apenas amosou fisuras, neutralizou a capacidade ofensiva que normalmente exhiben dianteiros da talla de Jorge Castro e Manueliño. As ocasións das que dispuxeron estes últimos, así como Marcial e Galiñanes, non lograron atopar o espazo entre os tres paus que defendeu un acertado Rafael Camba. Este empate mantén ao conxunto verde e negro na sexta posición, con dezasete puntos, a espera de recibir de novo no campo de O Leixo a próxima fin de semana ao Albariño Veteranos, noveno clasificado con catorce puntos.


Moraña C.F. e Armenteira C.F. loitan contra a intensa choiva en O Buelo

A forte choiva que caiu na mañá deste sábado foi o principal adversario ao que tiveron que facer fronte os xóvenes futbolistas dos equipos de categoría benxamín do Moraña C.F. e do Armenteira C.F. O líquido elemento estivo presente en todo momento nun encontro no o cadro que adestran Luis e Alba Barral compareceron coa importante baixa na zona defensiva de Saray. Sobre o anegado céspede artificial de O Buelo o conxunto local saiu coa intención de ter a iniciativa dende os primeiros intres. O Armenteira C.F. trataba de manterse ordenado no seu campo, apoiándose na seguridade que lle outorga Sara Otero baixo paus e buscando a profundidade de Brais Charlín polo costado esquerdo e o pundonor de Ainhoa na punta de ataque. Pero unha serie de erros defensivos, que deixaron desprotexida a zona central da zaga, permitiron aos locais abrir brecha no marcador. Unha bonita combinación entre Brais Charlín e Ainhoa, foi finalizada cun potente disparo do primeiro, o que mantiña as esperanzas da afección que se desprazou dende A Armenteira. Pero a escadra vermella volveuse a mostrarse implacable nos metros finais e encargouse de acabar con estas esperanzas. Cun resultado de cinco a cero ao descanso o encontro estaba practicamente sentenciado. Na segunda metade o terreo de xogo convertiuse nunha auténtica poza, máis axeitada para a práctica de calquera deporte náutico que para o balompé. Con todo o seu ímpetu e tesón os xogadores e xogadoras de ámbolos dous conxuntos procuraban desprazar a duras penas un balón que a auga se empeñaba en frear. Nas poucas ocasións nas que os de Moraña se achegaron á meta que na segunda metade defendeu Borja conseguiron dous novos tantos que fixaron o sete a un co que remataron os cincuenta minutos, un resultado excesivamente abultado tendo en conta o visto sobre as modernas instalacións deportivas de O Buelo. A próxima fin de semana a formación verdinegra recibirá a visita do líder da categoría, o Meaño F.C., no que será un duelo de rivalidade dada a proximidade entre ámbalas dúas localidades, pero con claro favoritismo para o conxunto visitante.


Triunfo sen paliativos do equipo infantil do C.D. Ribadumia en O Leixo

O C.D. Ribadumia impúxose por un gol a seis no partido que disputou ante o equipo infantil do Armenteira C.F. na mañá deste sábado no campo de O Leixo. O cadro que adestran Pablo Torres e Roberto Pérez, líder destacado do grupo 9, quixo deixar clara dende o inicio o seu maior potencial. Sobre unha superficie do terreo de xogo embarrada, baixo unha intensa chuvia e no medio dunha espesa néboa, feitos que condicionaron e desluciron o espectáculo, a escadra aurinegra logrou ir cunha vantaxe de cero goles a catro ao descanso ante un Armenteira C.F. que non conseguiu entrar no encontro en ningún momento. Nin sequera o gol de Mosteiro avanzada a segunda metade conseguiu sacar da indolencia aos rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez "Tilín", que tiveron que ademais das numerosas adversidades tiveron que facer fronte ás sensibles baixas de Xoán e Migui, que debilitaron aínda máis a zona defensiva. A próxima fin de semana o equipo verdinegro terá outra difícil cita. Será no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F., outro dos conxuntos chamados a loitas polos postos de privilexio e ante o que buscará aumentar a cifra de dez puntos cos que conta na actualidade.


domingo, 6 de novembro de 2016

Primeira vitoria da temporada do C.D. Unión ante un desafortunado equipo feminino do Armenteira C.F.

O C.D. Unión estreou o seu casilleiro de vitorias no que levamos de temporada ante o Armenteira C.F. Ámbalas dúas escadras saltaban ao terreo de xogo do campo de As Vilas coa intención de acadar os seus primeiros puntos. Pero axiña a inexperiencia, a falta de contundencia defensiva e os erros nos despexes decantaron o partido para as rianxeiras. Cando se levaban apenas vinte minutos de xogo o cadro local xa levaba unha vantaxe de dous goles a cero. A remontada parecía imposible para un conxunto verdinegro que apenas era capaz de aproximarse á meta defendida por Laura Gómez. No segundo período o once de Rianxo lograría tres tantos máis ata conformar o resultado de cinco goles a cero co que rematarían os noventa minutos. Como nota chamativa para o Armenteira C.F. está o debut na competición ligueira de Séfora, que non acaba de superar os problemas físicos que arrastra dende a pretemporada. A próxima fin de semana as rapazas que adestra Marcial Prado recibirán a visita doutra escadra da comarca da Barbanza, a E.F.M. Concello de Boiro, líder destacada do grupo e que conta todos os seus partidos por vitorias.


Arrolladora vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. en Berdón

O campo de Berdón foi o escenario da segunda vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. na presente temporada. O cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" impúxose na mañá deste domingo de forma clara á A.D. Arousa F-7. O encontro, que se convertiu nun clásico das categorías de fútbol base comarcal, viña aderezado pola boa relación que tradicionalmente manteñen as dúas entidades e pola presenza nas filas da escadra amarela de Rubén García, xogador durante as tres últimas temporadas do Armenteira C.F. A superioridade que facía agardar a diferenza na clasificación entre ámbolos dous conxuntos comezouse a mostrar xa dende a primeira metade. Piñeiro e Jose Otero poñían en vantaxe aos verdinegros antes de chegarse ao descanso. No segundo período a formación de O Leixo seguiu ampliando o marcador. Santi cun disparo dende fóra da área, Álex Ruel resolvendo na área unha xogada iniciada por el mesmo, Hugo recollendo un rexeitamento do longueiro, Sebas cunha volea dende a frontal da área e Kevin en dúas ocasións, a última delas cun lanzamento dende a zona do córner, puxeron o resultado final de cero goles a oito. Esta vitoria coloca aos de Tilín no oitavo posto con dez puntos. A visita do líder, o C.D. Ribadumia na próxima xornada porá a proba aos rapaces e rapazas da entidade verdinegra, que este ano parten cunhas expectativas moderadamente elevadas, e que deberán confirmar ante o potente equipo aurinegro.


O vendaval ofensivo do equipo alevín do Armenteira C.F. sentenza na primeira metade en O Pombal

O equipo alevín conseguiu unha abultada vitoria no partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados. Un cero a sete que deixa ben ás claras a superioridade que exhibiron os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. Seis deses goles foron anotados nunha primeira metade na que os de A Armenteira mostraron maior intensidade e maior fortaleza física. Manu Meixús, que volveu ser un auténtico pesadelo para os rivais pola banda dereita, inauguraba o marcador ao culminar unha xogada individual. Logo virían os catro tantos de Adri, que foi letal neste primeiro período ocupando a posición de dianteiro centro, o bonito gol de Javi, colocando un lanzamento con rosca pegado ao pau esquero da meta defendida por Roi Pena. No segundo tempo Luis Barral aproveitou a vantaxe no marcador para facer probas e profundizar no traballo táctico do equipo, e non sería ata os intres finais cando Manu Meixús, de novo tras unha xogada individual, pechaba o marcador. Este triunfo sitúa ao equipo verdinegro na sexta posición con seis puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana, no campo de O Leixo, á Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, unha entidade deportiva que leva traballando dende fai uns anos na localidade de Portonovo, centrada fundamentalmente ata agora no fútbol-sala, e que esta temporada decidiu ampliar o seu proxecto e adentrarse no mundo do fútbol-base.


sábado, 5 de novembro de 2016

Goleada do Armenteira Veteranos en As Lombas

O Armenteira Veteranos logrou unha clara e contundente vitoria no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de As Lombas ante o Fonte da Garza-Catoira Veteranos. Cun plantel case ao completo, coa única baixa do central Óscar, o cadro que capitanea José Luis Galiñanes presentouse en terras viquingas cun once inicial formado por Joserra baixo paus, con Moncho, Marcos, Portas e Jorge Dávila na liña defensiva, con Cacabelos, Martín e Javi na zona central do mediocampo e con Marcial, Pellejo e Manueliño en ataque. Dende os primeiros minutos o encontro tivo clara cor verdinegra. O dominio do balón correspondía ao Armenteira Veteranos e o xogo desenvolvíase no terreo de xogo dos de Catoira. Pero a falta de fluidez na circulación do balón e de acerto nos metros finais comezaban a extender o nerviosismo entre os visitantes, que vían como o seu dominio non era suficiente para tomar vantaxe no marcador. Unha combinación en ataque que saiu das botas de Pellejo e acabou nun centro dende a banda esquerda de Manueliño, era culminada por Javi e poñía por diante ao Armenteira Veteranos. Cacabelos, que segue exhibindo un excelente estado de forma, colaba no fondo da rede un potente disparo dende fóra da área. Parecía que se abría camiño á sentenza do partido, pero nunha aproximación dos locais, un lanzamento dende o costado esquerdo botaba diante das luvas de Joserra e apretaba o marcador. Antes do descanso Jorge Castro encargábase de facer retornar a tranquilidade aos corazóns verdinegros e, xa na segunda metade dous novos goles do dianteiro de Vilar, un de Moncho, nunha espléndida cabezada tras un saque de córner, outros de Manueliño e Galiñanes, sumaban os oito que acabaron figurando no marcador final. Entre medias, o Fonte da Garza- Catoira Veteranos, lograba un segundo tanto da honra ante a relaxación da defensa visitante. Esta vitoria mantén ao Armenteira Veteranos na sexta posición con dezaséis puntos. O próximo sábado a escadra verdinegra deberá recibir a visita do Cafetería Vilariño-Cambados, quinto clasificado con dezasete puntos.


Un triunfo que sabe a gloria para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

A pasada temporada foi unha temporada dura para os rapaces e rapazas que formaron parte do equipo benxamín do Armenteira C.F. A inexperiencia, a xuventude e a crueldade dun campionato de liga no que foron emparellados con conxuntos con máis recursos e potencial, provocaban que partido a partido a derrota fose a tónica habitual daquel grupo que estaba nas mans de Valentín Estévez "Tilín". Había rivais que incluso lles endosaban escandasolas goleadas, dando lugar a resultados humillantes, nunha mostra do pouco respecto que se segue observando en moitos campos e que cada vez máis voces denuncian por ir en contra do carácter formativo que debe primar no fútbol base. Nesta temporada o panorama non parecía moi distinto. Cun plantel no que volvía predominar a inexperiencia, con catro xogadores de categoría prebenxamín e coas dificultades ás que tradicionalmente deben enfrontarse os equipos das categorías iniciais do Armenteira C.F. o feito de conseguir puntuar antollábase un reto máis ca compricado. Pero co paso dos partidos a sufrida afección que o segue cada fin de semana comezaba a observar detalles que parecían abrir a porta á esperanza.

No encontro que este sábado disputaron no campo de O Leixo ante o C.D. Mosteiro os nenos e nenas que nesta campaña dirixen Luis e Alba Barral lograron un gran triunfo, non só por ser o primeiro que logran no presente campionato de liga, senón porque vén a ser o merecido premio a días e días de duro traballo en partidos e adestramentos e de resignación ante as continuas derrotas. Ante o escaso público que acudiu ao campo situado no lugar de O Busto os dous conxuntos ofreceron un intenso e emocionante espectáculo. A primeira metade foi de dominio local. O xogo desenvolveuse durante a maior parte do tempo no terreo do xogo no campo defendido polo cadro da capital municipal. Dous contragolpes que pillaron descolocada á defensa verdinegra daban vantaxe ao C.D. Mosteiro. Pero volveu aparecer Brais Charlín, recibindo un balón en profundidade e definindo coa calidade que acostuma este xoven futbolista. A continuación Ainhoa igualaba o marcador aproveitándose dun despexe do meta visitante, pouco antes de que os de O Mosteiro lograsen un novo tanto que os levaba cun triunfo momentáneo ao descanso. Na segunda metade o dominio foi máis alterno. Unha nova aparición de Brais Charlín, resolvendo unha xogada individual, colocaba o tres a tres no marcador, e, cando todo facía pensar que ía producirse finalmente un reparto de puntos, pero a pelexa de Ainhoa en ataque, fixo que se levase un balón e o acabase introducindo no interior das mallas defendidas por Joel Cousido.

O catro a tres que reflectiu o marcador final é unha mostra da igualdade que se observou sobre a superficie de terra de O Leixo, unha igualdade que se exhibiu no terreo de xogo pero que non existe noutros aspectos. Mentres que os rapaces e rapazas de A Armenteira seguen adestrando e xogando nunhas instalacións propias do século pasado, o fútbol base do C.D. Mosteiro, que xa dispón dun moderno complexo na parroquia, o campo Municipal de Zacande, poderá disfrutar dende finais deste ano dun tapete de céspede artificial no campo Municipal de Meis, a aproximadamente un quilómetro das instalacións que vén utilizando nas últimas décadas. O deporte en A Armenteira segue sendo vítima do esquecemento e da xestión pouco equitativa das distintas administracións públicas, que nin en tempos de bonanza e de suculentos investimentos tiveron en conta as peticións dos numerosos afeccionados á práctica deportiva que hai na parroquia, e que tampouco agora, cando os proxectos teñen que ser obrigatoriamente máis modestos, reciben a atención e o apoio que se merecen. Contra todo isto só queda seguir loitanto, e a elo adicaranse os nenos e nenas do equipo benxamín do Armenteira C.F. que a próxima fin de semana se desprazarán ata o campo de O Buelo para medirse á escadra local do Moraña C.F., que se atopa no sexto posto, un por enriba da formación que comandan Luis e Alba Barral.







mércores, 2 de novembro de 2016

Novo empate do equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu un novo empate no encontro correspondente á quinta xornada e que fora aprazado no seu día, e que foi disputado na tarde deste mércores no campo de As Chans ante a S.D. Pontearnelas. As ausencias de xogadores habituais nas convocatorias como Xoán, Mosteiro e Hugo obrigou ao técnico verdinegro, Valentín Estévez "Tilín" a reclamar a presenza de Adri e Íñigo, pertencentes ao equipo de categoría alevín. O adestrador cambadés presentou un once con Sergio na portería, Migui, Sebas, Santi e Andrei en defensa, Íñigo e Álex Ruel na zona de mediocentros, Andrés Liu e Jose Otero polas bandas, Carlos Pérez na mediapunta e Piñeiro como único atacante. Agardando a súa oportunidade no banquillo, a cal lle chegaría durante a segunda metade atopábanse Adri, Anabel, Jeffrey, Enilson e Perla. Nunha primeira metade de dominio alterno, o Armenteira C.F. trataba de enviar sen éxito balóns a Piñeiro, a súa principal arma ofensiva esta temporada. Foi precisamente o xogador de Vilariño o que adiantou aos visitantes, tras un lanzamento en longo que botou diante do porteiro local e o superou por alto, dando lugar a unha xogada embarullada, que finalmente resolveu Piñeiro. Pouco tardou en reaccionar a S.D. Pontearnelas, e grazas a un penalti transformado por Castelo. E de novo unha pelota colgada, que non deron alcanzado nin os mediocentros nin os centrais do cadro verdinegro, caiu nas botas de Pablo Vázquez, que a introduciu no fondo das mallas defendidas por Sergio. Antes de chegar ao descanso Álex Ruel, mediante un potente disparo de longa distancia, poría o dous a dous. Este resultado non se movería na segunda metade, a pesares de que neste período o Armenteira C.F. se fixo dono do xogo e dispuxo de ocasións máis claras. Os postes e os longueiros convertíronse en aliados do conxunto local. Nin Jose Otero ao rematar de cabeza un saque de curruncho, nin tampouco Álex Ruel nos intres finais, estrelando  no longueiro un forte lanzamento dende a área pequena conseguiron que os tres puntos se fosen para O Leixo. Foi un bo partido dos de "Tilín", especialmente nos segundos corenta e cinco minutos, pero a falta de acerto nos metros finais e o alto prezo pagado polos erros defensivos outorgan ao equipo de A Armenteira o que é o cuarto empate da temporada. A próxima xornada a formación infantil deberá desprazarse ata o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para enfrontarse o domingo a partires das 12 horas á A.D. Arousa F-7, que ocupa a décimo sexta praza e que aínda non logrou sumar ningún punto no seu casilleiro.