O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F. O aparente favoritismo que indicaba a situación clasificatoria de ámbolos dous conxuntos non foi tal e os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" mostraron dende o inicio maior capacidade de chegada á area rival que os locais. Dous goles de Piñeiro, que de novo volveu ser un quebradeiro de cabeza para a defensa contraria, puxeron en vantaxe ao cadro verdinegro, e aínda puido ser maior esta vantaxe se lograran anotar algunha das claras oportunidades das que dispuxo neste primeiro período, principalmente nas botas dun Jose Otero especialmente activo. Pero os desaxustes defensivos dos de A Armenteira permitiron que o Unión Dena C.F. igualase o marcador. Na segunda metade, a tónica continuou sendo a mesma, e Álex Ruel, aproveitando na área pequena un balón que se lle escapou das mans ao meta local, e Piñeiro, xa no último suspiro do encontro, culminando perfectamente unha asistencia en profundidade, colocaron no electrónico de As Cachizas o dous a catro final. A próxima fin de semana o equipo infantil do Armenteira C.F. recibirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa, un equipo composto case na súa totalidade por rapazas e que se atopa na oitava praza con quince puntos, dous máis que a escadra que adestra "Tilín".
Ningún comentario:
Publicar un comentario