O Cafetería Vilariño-Cambados e o Armenteira Veteranos disputaron un intenso e igualado encontro que rematou cunha igualada a un tanto. A intensa choiva que caiu durante toda a mañá deu unha tregua e, nun terreo de xogo en aceptables condicións, permitiu que os escasos afeccionados que se congregaron no campo de O Leixo puidesen disfrutar dun partido con moitas alternativas entre dous conxuntos situados na zona media-alta da táboa. O inicio do encontro foi de claro dominio local, e froito dese dominio, Jorge Castro, recollendo un balón perdido a uns vinte metros da meta cambadesa, colocou o balón coa precisión exacta para que, nin o porteiro que trataba de retornar á súa posición, nin os defensas, o puidesen neutralizar. Co resultado a favor parecía que o partido ía ter clara cor local e se decantaría por outro triunfo dos verdinegros. Pero non foi así. Co transcurso dos minutos, a medida que a néboa se ía apoderando do ambiente, os visitantes, con maior criterio na distribución do xogo no mediocampo, foron facéndose co control e poñendo cada vez con máis frecuencia en apuros a unha defensa á que os nervios facían perder a seguridade mostrada no primeiro terzo do encontro. Na segunda metade o Cafetería Vilariño-Cambados tivo o xusto premio ao seu traballo, e tras unha xogada que os locais protestaron coma fóra de xogo, que a cabeza de Marcos non conseguiu interceptar, Roberto Mosteiro conseguiu batir a un resignado Joserra. De nada serviron os intentos finais do Armenteira Veteranos por levarse os tres puntos. A solidez defensiva do cadro vermello, cun centro da defensa de gran poderío físico e que apenas amosou fisuras, neutralizou a capacidade ofensiva que normalmente exhiben dianteiros da talla de Jorge Castro e Manueliño. As ocasións das que dispuxeron estes últimos, así como Marcial e Galiñanes, non lograron atopar o espazo entre os tres paus que defendeu un acertado Rafael Camba. Este empate mantén ao conxunto verde e negro na sexta posición, con dezasete puntos, a espera de recibir de novo no campo de O Leixo a próxima fin de semana ao Albariño Veteranos, noveno clasificado con catorce puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario