Os equipos de categoría benxamín foron os primeiros en verse as caras, e fixéronno sobre a superficie de area do terreo de xogo do campo de O Leixo. A arbitraxe correu a cargo de Fandiño Salgueiro. O cadro técnico local, formado por Luis e Alba Barral, presentou un oito inicial composto por Sara Otero na portería, Lucas Otero, Ramón e Borja na liña defensiva, Uxía, Óscar e Brais Charlín no mediocampo e Ainhoa en ataque. A clara superioridade do Meaño F.C. púxose de manifesto dende o inicio e pouco a pouco os visitantes foron perforando as mallas que defenderon Sara Otero na primeira metade e Uxía na segunda. O resultado final de cero goles a catorce contribúe a darlle aos meañeses de forma máis ca meritoria o primeiro posto da liguiña da primeira fase das que a Federación Galega estableceu para as categorías iniciais do fútbol base para esta temporada. Nas próximas semanas a competición vai continuar, aínda que cada equipo o fará na liguiña na que sexa encadrado en función da praza que ocupou.
A continuación foi a quenda dos equipos de categoría alevín, na modalidade de fútbol-8. O campo da Área Recreativa de A Toxa foi o escenario deste envite. Luis e Alba Barral presentaron un oito inicial formado por Junior baixo paus, Fran. Andrés e Javi en defensa, Manu Meixús, Íñigo e Brais Santamaría na liña medular, e Adri na punta de ataque. Tras uns primeiros minutos de tanteo, con ocasións por ámbolos dous bandos, os erros e a falta de concentración defensiva permitiron que o cadro meañés fose pouco a pouco impoñendo a súa superioridade e achegándose cada vez con máis frecuencia á meta que defenderon Junior no primeiro tempo e Sergio Matilde no segundo. O primeiro gol foi como unha dura lousa para os locais que, a pesares de realizar un aceptable encontro e de mostrar unha seriedade e un espírito competitivo maior ca nos últimos encontros, tiveron que irse ao descanso cun tres a cero en contra. Na segunda metade o precioso de Manu Meixús puxo algo de emoción no marcador aínda que a rápida resposta do Meaño F.C. acabaría fixando no marcador o resultado de catro a un co que remataron os cincuenta minutos. A próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. deberá visitar o campo de As Cachizas para medirse ao Unión Dena C.F., sétimo clasificado con sete puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario