O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou un novo e importante triunfo no encontro que o mediu na mañá deste domingo á S.D. Chispa. Esta vitoria por dous goles a cero serve para que o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" poida proseguir coa súa escalada na clasificación. O técnico cambadés presentou un once inicial con Sergio na portería, Migui, Xoán, Sebas e Andrei na defensa, Mosteiro, Carlos Pérez, Álex Ruel e Jose Otero na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como referencia en ataque. Non foi un partido fácil para a escadra verdinegra. O rival é un equipo formado maioritariamente por rapazas e que destaca por un excelente dominio dos fundamentos tácticos e ´técnicos. Quizas no apartado físico estea a súa desvantaxe fronte a conxuntos nos que predominan os futbolistas de xénero masculino, pero a coraxe e as gañas de superación fainas ser competitivas fronte a calquera rival do grupo. O Armenteira C.F. baseou de novo o seu xogo no envío de balóns a un Piñeiro que tivo que lidiar coa central Nerea Prego, unha das defensoras máis férreas das que se vai atopar durante a temporada. Despois de desperdiciar algunha ocasión o dianteiro de Vilariño conseguiría por fin atopar as redes do cadro vilagarciano. Co resultado a favor parecía que o resto dos minutos ían resultar plácidos para os rapaces e rapazas que adestra "Tilín", pero na segunda metade a escadra visitante foi pouco a pouco comendo terreo e facéndose co control do mediocampo. A calidade de Carla Piñeiro na zona central do campo e da cambadesa Vera na punta de ataque, unidos ao pundonor e o temperamento que mostrou Manuel Fernández pola banda esquerda eran contrarrestados polos locais co poderío físico de Álex Ruel e polas internadas por banda de Mosteiro e Jose Otero. Non sería ata o minuto 77 cando a tranquilidade chegaría ás bancadas de O Leixo. A fortuna fixo que lanzamento de falta de Álex Ruel se colase entre as pernas da meta do conxunto de Corón. A próxima xornada a formación verde e negra deberá desprazarse ata o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, décimo clasificado a catro puntos dos dezaséis que suma o Armenteira C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario