Buscar neste blog
domingo, 20 de novembro de 2016
Primeira e histórica vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. en A Estrada
O día 20 de novembro pasará a ser tamén un día para a historia do Armenteira C.F. No campo Manuel Regueiro o equipo feminino da entidade verdinegra logrou a que é a súa primeira vitoria en liga e, por conseguinte, os primeiros puntos da súa curta pero intensa existencia. Era un duelo trascendental para as rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros, posto que o rival, o Atlético Estrada E.D. tampouco conseguira puntuar e parecía, a priori, unha excelente oportunidade para inagurar o casilleiro. O conxunto verdinegro formou con Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Diana e Laura en defensa, Nerea Baños, Naomi e Raquel na liña medular, e Karla, Mar e Ana Martínez en ataque. Dende os intres iniciais a emoción foi a nota dominante. Dende as nutridas bancadas do antiguo campo de Figueroa os ánimos das afeccións ían minuto a minuto en aumento. E foi Ana Martínez, a xogadora máis desequilibrante das que compareceron sobre o terreo de xogo da comarca de Tabeirós, a que culminaría unha xogada persoal para poñer en vantaxe as visitantes. Pouco durou a alegría para a parroquia verdinegra, xa que un minuto despois un disparo raso das estradenses colabáse pegado ao pau esquerdo da portería defendida por Uxía. Pero de novo emerxeu a figura de Ana Martínez. A futbolista de O Freixo volveu prantarse diante da gardamallas local e definiu con mestría. Na segunda metade o partido foi tomando pouco a pouco unha cor máis claramente verdinegra. Ocurriu entón a lesión da meta Uxía, tras unha aparatosa colisión cunha dianteira contraria, que a obrigou a ser retirada do terreo de xogo, e a trasladala en ambulancia cara un centro hospitalario de Santiago de Compostela. Tomou o relevo na portería Alessandra, que tivo xa escasas oportunidades de lucirse, pois as aproximacións do Atlético Estrada E.D. serían cada vez máis esporádicas. O gol de Karla, que acertou coa rede tras varios rexeitamentos da defensa rival, puxo a tranquilidade nun marcador que permanecería inamovible nos minutos restantes. A boa noticia completouse cando se soubo o diagnóstico definitivo da lesión de Uxía, que se quedou nun esguince de xeonllo, aínda que é previsible que Marcial Prado non poida contar coa gardameta de Padrenda o próximo domingo no encontro que medirá ao conxunto verdinegro co Atlético Arousana "B", noveno clasificado con once puntos.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario