A E.F.M. Boiro líder destacado do grupo 2 da Segunda División Feminino non perdoou na visita que na tarde deste domingo realizou ata o campo de O Leixo, na que acabou levándose unha vitoria por un gol a trece. Nunha tarde soleada pero que axiña se foi enfriando o cadro técnico local, dirixido por Marcial Prado, decidiu deixar de lado o seu habitual sistema de 4-3-3 e apostar por un 4-4-2. Presentou un once inicial composto por Uxía na portería, Laura, Alessandra, Fátima e Séfora en defensa, Ana Lorenzo, Naomi, Nerea Baños e Raquel no mediocampo e con Ana Martínez e Mar na punta de ataque. A intensidade e a boa disposición táctica das locais viuse truncada no minuto un co gol de Andrea Francisco para as de O Barbanza. Con todo a escadra verdinegra mantivo o tipo e resistiu con tesón ante un rival netamente superior e que basea o seu potencial no xogo directo e na calidade individual dalgunha das súas xogadoras. O golpe sufrido por Séfora na primeira metade e a lesión de Nerea Baños na segunda obrigaron a un Armenteira C.F. falto de recambios no banquillo a disputar boa parte do encontro con dez efectivos sobre o terreo de xogo. A pesares de todas estas adversidades Alessandra, resolvendo unha xogada embarullada na área boirense, conseguiría anotar o que é o primeiro tanto das verdinegras no que levamos de liga. A defensa central de Paradela, unha das máis decididas impulsoras deste proxecto deportivo, volveu ser a principal referencia do equipo dende a parcela defensiva, e xunto co traballo e Naomi e Nerea Baños na liña de creación e a calidade e a loita de Ana Martínez e Mar no ataque, contituíron os principais argumentos dun Armenteira C.F. Féminas que camiña a paso lento na súa progresión por esta campaña iniciática no mundo do balompé. A próxima fin de semana o cadro que adestra Marcial Prado deberá desprazarse ata o campo Municipal Manuel Regueiro, en A Estrada, para enfrontarse ao conxunto local do Atlético Estrada E.D., que aínda non conseguiu sumar ningún punto e que se sitúa un posto por debaixo das de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario