Buscar neste blog

mércores, 2 de novembro de 2016

Novo empate do equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu un novo empate no encontro correspondente á quinta xornada e que fora aprazado no seu día, e que foi disputado na tarde deste mércores no campo de As Chans ante a S.D. Pontearnelas. As ausencias de xogadores habituais nas convocatorias como Xoán, Mosteiro e Hugo obrigou ao técnico verdinegro, Valentín Estévez "Tilín" a reclamar a presenza de Adri e Íñigo, pertencentes ao equipo de categoría alevín. O adestrador cambadés presentou un once con Sergio na portería, Migui, Sebas, Santi e Andrei en defensa, Íñigo e Álex Ruel na zona de mediocentros, Andrés Liu e Jose Otero polas bandas, Carlos Pérez na mediapunta e Piñeiro como único atacante. Agardando a súa oportunidade no banquillo, a cal lle chegaría durante a segunda metade atopábanse Adri, Anabel, Jeffrey, Enilson e Perla. Nunha primeira metade de dominio alterno, o Armenteira C.F. trataba de enviar sen éxito balóns a Piñeiro, a súa principal arma ofensiva esta temporada. Foi precisamente o xogador de Vilariño o que adiantou aos visitantes, tras un lanzamento en longo que botou diante do porteiro local e o superou por alto, dando lugar a unha xogada embarullada, que finalmente resolveu Piñeiro. Pouco tardou en reaccionar a S.D. Pontearnelas, e grazas a un penalti transformado por Castelo. E de novo unha pelota colgada, que non deron alcanzado nin os mediocentros nin os centrais do cadro verdinegro, caiu nas botas de Pablo Vázquez, que a introduciu no fondo das mallas defendidas por Sergio. Antes de chegar ao descanso Álex Ruel, mediante un potente disparo de longa distancia, poría o dous a dous. Este resultado non se movería na segunda metade, a pesares de que neste período o Armenteira C.F. se fixo dono do xogo e dispuxo de ocasións máis claras. Os postes e os longueiros convertíronse en aliados do conxunto local. Nin Jose Otero ao rematar de cabeza un saque de curruncho, nin tampouco Álex Ruel nos intres finais, estrelando  no longueiro un forte lanzamento dende a área pequena conseguiron que os tres puntos se fosen para O Leixo. Foi un bo partido dos de "Tilín", especialmente nos segundos corenta e cinco minutos, pero a falta de acerto nos metros finais e o alto prezo pagado polos erros defensivos outorgan ao equipo de A Armenteira o que é o cuarto empate da temporada. A próxima xornada a formación infantil deberá desprazarse ata o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para enfrontarse o domingo a partires das 12 horas á A.D. Arousa F-7, que ocupa a décimo sexta praza e que aínda non logrou sumar ningún punto no seu casilleiro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario