Fai días que o espíritu do Nadal fixo a súa chegada un ano máis en A Armenteira. Como sempre é o colexio o lugar que concentra boa parte dos adornos, pero outros locais de uso público ou moitos domicilios particulares parecen querer mostrarnos que estas datas tan sinaladas están xa connosco. O que quizais máis se bota en falta é o alumeado que durante os últimos anos viñan colocando os operarios do Concello de Meis nalgúns dos lugares emblemáticos da parroquia, como é o caso do entorno do mosteiro cisterciense, e que nesta ocasión semella que se esqueceu de poñer o goberno da institución municipal. De todos estes días hai un que se vive con especial ilusión nestes lares e, en xeral en todos os currunchos de España, e ese é o 22 de decembro. O Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal desata unha gran paixón tamén entre a veciñanza dunha parroquia que soña cun agasallo en forma de millóns de euros que axuden a superar as penalidades dunha vida que a maioría das familias adica fundamentalmente ao traballo para saír adiante e facer fronte á diversidade de gastos que se presentan a diario. Comida, vivenda, vestido, transporte, combustible, electricidade, gas, teléfono, internet, impostos... e un variado número de cargas constitúen as principais preocupacións nos fogares da parroquia. E nestes casos un golpe de sorte sería sen dúbida un verdadeiro alivio. Os locais de hostelería, as comisións de festas, os clubes deportivos e outras entidades representativas abónanse cada ano a un número coa esperanza de que a fortuna acabe chamando ás súas portas. Entre estas entidades están a Comisión de Festas O´Noso e o Armenteira C.F., que tanto a través dos seus representantes como no Café Bar O Comercio levan meses cos boletos á venda. O 07.583 e o 94.482 son desta volta as cifras elixidas. Coas administracións de loterías requeríndolles a entrega dos décimos non vendidos, estas asociacións fan un chamamento aos veciños e veciñas teñan interese en compartir con elas esta ilusión para que se dean présa e non perdan a oportunidade de como mínimo soñar cunha vida máis desacougada a partires deste sábado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario