Buscar neste blog

luns, 31 de decembro de 2018

Un ano de relativa estabilidade

O ano 2018 foi para A Armenteira un ano de relativa estabilidade a nivel político. Ben é certo que os cambios e as convulsións que se produciron a nivel de Estado tiveron as súas repercusións na parroquia, principalmente na presenza de Mariano Rajoy camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga e almorzando nos establecementos de hostalaría do entorno do mosteiro cisterciense. O político pontevedrés comezaba o ano deixándose ver pola súa rúa favorita, aínda que esta presenza viuse condicionada polo triunfo da moción de censura que provocou un cambio de goberno a inicios do mes de xullo. Dende entón, as novas ocupacións laborais de Mariano Rajoy mantivérono máis alonxado de A Armenteira e as súas aparicións tiveron un carácter esporádico. Outro dos temas que ocuparon a actualidade política na parroquia durante o 2018 foi todo o relacionado coa polémica concesión da licenza do bar situado nas proximidades da Aldea Labrega, no primeiro treito da Ruta da Pedra e da Auga. Co asunto en mans da xustiza e coa ameaza de derrubamento, o local permaneceu pechado ao tempo que as autoridades políticas municipais anunciaban a procura dunha solución conciliadora que permitise manter aberto o establecemento. Neste ámbito tamén tiveron cabida as reivindicacións veciñais, que en xeral non conseguiron ser atendidas na súa totalidade ao longo destes doce meses. Cuestións como a ampliación do cemiterio ou a reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense, coa construción dunha zona de aparcamento, apenas sufriron avances e continuarán no caixón das institucións públicas correspondes á espera de que se promovan as medidas necesarias e que tanto demanda a poboación. Tampouco houbo progresos en temas como a dotación dunha rede wifi na Casa de Cultura e no entorno do adro do mosteiro. Si foi reparado o cruceiro situado á entrada do lugar de Castiñeira, cuxa imaxe torcida xa se convertera en icónica. No mes de xullo foi colocado de novo, desta volta limpado e enderezado. A polémica tamén a celebración da festa dos maiores, un acto que o grupo de grupo que dirixe José Luis Pérez Estévez decidiu retomar tras anos de suspensión a causas das dificultades económicas polas que pasaba o Concello, e que volveu ter a A Armenteira como escenario. O carácter improvisado do evento, celebrado no mes de outubro, e as denuncias por parte dos grupos da oposición respecto do uso electoralista do mesmo marcaron un acto que reuniu a máis de duascentas persoas no campo da festa. A recta final do ano, ao igual que ocorrerá con boa parte do 2019, estivo marcado polo comezo dos movementos das distintas agrupacións políticas de cara ás eleccións municipais que terán lugar o próximo mes de maio. A redución do número de actas de concelleiro a elixir, que pasarán de 13 a 11, provocada polo descenso demográfico do municipio, condicionarán un proceso no que parece que A Armenteira vai ter un especial protagonismo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario