Buscar neste blog

venres, 28 de decembro de 2018

O novo partido independente de A Armenteira prepara a súa presentación de cara ás eleccións municipais

Son tempos de gran furor político en A Armenteira. Dende fai uns meses vense especulando coa formación dunha candidatura independente na que terían un papel importante xentes da parroquia. Pero o certo é que nada está confirmado e isto deu marxe de maniobra a outros movementos políticos que teñen a vista posta nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio. Entre elas está unha plataforma que se vai constituír en partido político e que ten como principal novidade que estará integrada exclusivamente por persoas naturais ou residentes en A Armenteira. Arriba Armenteira é o nome da formación que contará nas súas filas con destacadas personalidades do mundo social, cultural e deportivo da parroquia. Incluso non descartan que personaxes que se vencellaban a outras candidaturas, unha vez coñecido o atractivo do proxecto, se acaben sumando ao partido. De feito, parece que algún deles xa se puxo en contacto con Arriba Armenteira para ofrecer os seus servizos e o dun amplo grupo de colaboradores. Segundo indica un dos dirixentes, que non quixo desvelar a súa identidade, aínda que segundo nos informou, se dará a coñecer proximamente nun acto público no que non faltarán todo tipo de detalles para os asistentes, esta formación política nace coa intención de "situar a A Armenteira o máis arriba posible". En canto aos motivos que levaron á posta en marcha deste proxecto afirma que "non podemos permitir que nos sigan ninguneando. Somos unha parroquia que foi decisiva nos últimos resultados electorais, pero, en cambio, non nos tiveron en conta á hora de gobernar nin de realizar investimentos". Sobre a liña ideolóxica do partido indica que "non temos unha ideoloxía definida, o único interese que nos move é a defensa dos intereses da veciñanza". Entre as principais propostas que recollerá o seu programa electoral indica que estará a creación dunha subsede do Concello en A Armenteira. "Temos locais que reúnen as condicións idóneas para albergar este espazo. No interior do mosteiro cisterciense hai un local que por lei nos corresponde aos veciños e veciñas. Sería un lugar ideal para estes fins". Outra das ideas que propoñen é a reconcialiación entre as organizacións que se encargan de celebrar as festas de verán. "Imos conseguir que a misa e a verbena de San Ero e a Pastora teñan lugar no mesmo día. É un paso decisivo para lograr a unidade entre as xentes da parroquia". Unha das principais preocupacións da veciñanza é a situación da concentración parcelaria. Neste aspecto a súa posición é evidente. "Se antes das eleccións non hai ningún avance no tema da parcelaria, nós mesmos nos encargaremos de levar a cabo o proceso. Instalaremos un stand informativo na parroquia e poremos en marcha un servizo de atención telefónica activo durante as 24 horas para resolver as dúbidas que as persoas poidan ter neste sentido". Respecto da ampliación do cemiterio afirma "se existen trabas para amplialo na actual ubicación promoveremos a construción de pequenos camposantos en cada unha das aldeas da parroquia e, desta maneira, as xentes aforrarán custos e tempo de desprazamento para visitar aos seus seres queridos". A falta de saneamento é outra das preocupacións que existen en A Armenteira. "Contrataremos unha multinacional para que coloque televisión por cable e fibra óptica nas canalizacións que utilizará o saneamento. Na cota que pagaremos irá incluída a financiación da rede de sumidoiros". Finalmente, en relación coas infraestruturas deportivas a súa postura é inequívoca. "Haberá un gran complexo deportivo parroquial. Obrigaremos á empresa que constrúe o acuapark de San Vicente a que compense a A Armenteira cunhas instalacións que conteñan un campo de céspede artificial, un circuito BTT, un centro ecuestre, un pavillón e unha clínica de podoloxía para atención de sendeiristas". Preguntado pola polémica que sempre rodea o desenvolvemento das votacións na mesa electoral de A Armenteira foi claro. "Non temos especial simpatía polo voto condicionado nin polo carrexo de votantes, aínda que se outras formacións recurren a elo dispoñemos dunhas papeletas decoradas para que resulten inconfundibles para os electores e dunha flota de vehículos lista para a ocasión". Para rematar non se esqueceu de convidar a todos os veciños e veciñas ao acto de presentación da candidatura que terá lugar esta fin de semana nas inmediacións do adro do mosteiro cisterciense. "Agardamos que nos acompañe unha boa parte da parroquia. Ofreceremos unha gran variedade de pinchos en abundancia e tampouco faltará un bo viño do país. Hai xente coa que sabemos que non imos contar, tampouco nos importa, podemos prescindir da súa aportación, pero queremos xuntar un grupo numeroso de persoas. Unha fotografía con multitudes, aparte de ser esteticamente máis agradable, é a mellor demostración de forza que podemos dar ao mundo para constatar que A Armenteira existe", sentenciou para finalizar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario