FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - TOMIÑO F.C. FEMININO. - 3 -0
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Fátima, Lara; Sara Rey, Sara Torres, Banesa; e Paula. Tamén xogaron Bea, Patricia, Nerea e Vanessa.
GOLES: 1-0. Minuto 17. Anabel. 2-0. Minuto 57. Paula. 3-0. Minuto 59. Paula.
ÁRBITRO: Iñarrea García. Mostrou cartón amarelo a Nerea Pérez por parte do Tomiño F.C. Feminino.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha mañá fresca, ventosa e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou por fin a primeira vitoria no que vai da temporada 2018/2019. Tras un inicio titubeante, con moitas dúbidas, as rapazas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado acadaron os seus primeiros tres puntos, facéndoo ademais dunha maneira contundente, nada menos que vencendo por tres goles a cero ao Tomiño F.C. Feminino, un conxunto asentado zona media da táboa. Foi nun encontro equilibrado durante boa parte dos minutos, no que as mozas do cadro verdinegro souberon marcar diferenzas nos momentos decisivos. Dende os minutos iniciais o equipo visitante tratou de converterse en dono de xogo. En base a un fútbol combinativo ás do Baixo Miño mantiñan a posesión, aínda que non eran quen de chegar con excesivo perigo ás inmediacións da meta defendida por Anabel. E sería a gardamallas de Cambados a encargada de abrir o marcador. Un lanzamento de portería da pequena pero valerosa porteira sorprendía a Verónica Silva, que se vía superada tras botarlle o balón uns centímetros diante e, a pesares de estirar os brazos e tocar o coiro intentando desviar a súa traxectoria, vía como de forma irremediable ía cara o fondo da rede. Véndose por primeira vez no presente campionato con vantaxe, o Armenteira C.F. ía sentíndose minuto a minuto máis cómodo sobre a area de O Leixo. A seguridade de Anabel, que volveu deixar na retina dos espectadores e espectadoras algunha parada de enorme mérito, a dirección de Sara Torres na liña medular ou a velocidade e o desborde dunha Paula especialmente activa eran algunhas das notas máis sobresaíntes dun equipo que destacou polo magnífico esforzo colectivo. Cando o partido se achegaba a recta final as rapazas verdinegras foron confirmando definitivamente a vitoria. Despois dunha xogada na que as visitantes a piques estiveron de empatar e na que as defensoras, con gran empeño, conseguiron desbaratar, Paula poñia terra de por medio. A atacante pontevedra era agarrada na área por unha zagueira rival, impedíndolle finalizar con acerto unha acción individual, e Iñarrea García sinalaba penalti. Ante o clamor do público sería a propia Paula a encargada da execución da pena máxima. Lograba anotar, pero o colexiado, observando que o coiro non fora colocado no lugar correspondente, é dicir sobre a liña da área grande, mandaba repetir. Na segunda ocasión, o balón era detido pola meta visitante, aínda que Paula, con gran dilixencia, recollía rapidamente o rexeitamento para situar o dous a cero no casilleiro. Un erro da meta Verónica Silva ao tratar de xogar o balón co pé coas súas defensoras era aproveitado de novo por Paula para driblar á porteira sentenciar o partido. Non houbo tempo para moito máis. Resignadas, as visitantes apenas crearon perigo nos intres finais. Con este triunfo o Armenteira C.F. Feminino sitúase na décimo sexta posición á espera de visitar na próxima xornada, a disputar na fin de semana do 15 e 16 de decembro, á E.D.M. Salceda F.F., un equipo que ocupa a décimo cuarta praza, con oito puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario