Buscar neste blog

xoves, 27 de decembro de 2018

Rafa Louzán, unha fichaxe de luxo para o Armenteira Veteranos

Fai tempo que se leva falando da noticia, pero ata agora só era un rumor. Despois duns meses de negociación o Armenteira Veteranos pode confirmar xa a incorporación ao seu plantel de xogadores de Rafael Louzán. O ex-presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e o actual presidente da Real Federación Galega de Fútbol decidiu dar o paso e ingresar definitivamente nun clube co que iniciara conversacións no pasado verán. A estreita amizade con algún dos compoñentes do equipo verdinegro e a escaseza de efectivos que o clube vén sufrindo ao longo desta temporada, agravada coa baixa de longa duración de Óscar Portas, fixo que o mandatario ribadumiense decidise facer oficial a súa fichaxe. Sempre vencellado ao deporte, Rafael Louzán militou nos seus anos mozos no C.D. Ribadumia. Xa na categoría de veteranos, e compatibilizando esta actividade coas labores políticas, non deixou de practicar un deporte que vive con especial devoción. Os compromisos asociados aos seus cargos obrigárono a manterse alonxado durante os últimos anos, pero finalmente non puido resistir a tentación. As xestións da entidade que comanda José Luis Galiñanes conseguiron  que o presidente da Federación acabase por aceptar as condicións que lle ofrecía o Armenteira Veteranos. A causa dos problemas de axenda non poderá estar presente en todos os partidos, aínda que a súa fichaxe significará un gran avance en moitos aspectos para o fútbol en A Armenteira. En primeiro lugar porá fin á vaga de arbitraxes desfavorables que veñen afectando ao Armenteira Veteranos e ao Armenteira C.F. Tamén permitirá que estas entidades poidan adoptar as técnicas de captación de futbolistas que con tanto éxito están aplicando outros clubes da contorna, co que o crecemento en todos os sentidos está asegurado, e asimesmo axudará a dar unha proxección internacional á Copa Armenteira, o torneo de fútbol feminino que celebrará a terceira edición a inicios do próximo verán, e fará realidade o gran soño de boa parte dos practicantes deste deporte nesta parroquia: a mellora das instalacións deportivas e a construción dun campo dotado de céspede artificial. O debut de Rafa Louzán no campo de O Leixo producirase sobre unha superficie de terra, pero, segundo figura nun dos primeiros puntos do acordo de incorporación, en breve iniciaranse os trámites para que o máximo dirixente do fútbol galego e A Armenteira poidan gozar deste deporte nunhas condicións dignas e acorde cos tempos que corren.





Ningún comentario:

Publicar un comentario