Buscar neste blog

mércores, 5 de decembro de 2018

Silván volve honrar a San Nicolao un ano máis

Pouco se sabe da vida de San Nicolao. Nado no século IV despois de Cristo no territorio da actual Turquía, onde chegou a exercer o cargo de bispo na cidade de Mira, as súas reliquias venéranse en Bari, en Italia. Os escasos datos que se coñecen da súa vida contrastan coa enorme fama e popularidade que posúe, coa multitude de lendas que se contan en torno á súa figura e coa gran cantidade de templos que se lle teñen consagrado, máis de dous mil en todo o mundo. Era e segue sendo invocado cando existían perigos, nos naufraxios, nos incendios ou cando a situación económica se poñía compricada. Segundo se relata nalgunha desas lendas, San Nicolao, xa dende pequeno se adicaba a repartir todos os bens que conseguía entre os pobres e á morte dos seus pais herdou unha inmensa fortuna, que non dubidaría en entregar á xente máis desfavorecida, antes de refuxiarse nun mosteiro e posteriormente ser nomeado bispo. Por ter axudado tanto aos nenos e nenas, e como en alemán é denominado San Nikolaus, acabou dando orixe ao personaxe de Santa Claus, ao que dende fai décadas unha campaña de publicidade da multinacional Coca-Cola lle deu a apariciencia coa que é universalmente coñecido: con traxe vermello, barba branca e bandullo pronunciado. Pois xusto antes das datas de Nadal, nas que ano tras ano Santa Claus se pasa por case todos os domicilios de Occidente deixando caramelos e agasallos, A Armenteira, e en concreto o lugar de Silván, celebra as súas tradicionais festas na honra deste santo. Nesta aldea que se divide a partes iguais entre as parroquias de San Salvador de Meis e A Armenteira cada 6 de decembro é un día especial, o máis grande do ano. Nesta ocasión o programa de festexos resulta tremendamente atractivo. Os actos darán comezo o xoves, día 6, cun pasarrúas con dianas e alborada a cargo da Banda Escola Municipal de Meis, e continuará con diversos oficios relixiosos ao longo da mañá, con horarios que irán dende as 10:00 ata as 13:00 horas. Despois da última misa haberá unha procesión e unha gran tirada de fogos. Xa á noite chegará o turno da verbena, coas orquestras La Noche e Azar como protagonistas. Na xornada seguinte, o venres, 7 de decembro, as actividades inícianse ás 12:30 horas cun oficio relixioso que se verá continuado coas agardadas poxas de produtos agrarios e gandeiros que, sempre en número considerable, os fregreses donan ao santo. O remate virá a partires das 21:30 horas cunha verbena amenizada por dúas das orquestras máis renomeadas e con máis seguidores dentro do panorama musical galego: Marbella e América. Co Nadal ás portas, mentres as vilas e cidades se enchen de luces que decoran os seus espazos máis emblemáticos e as tendas e áreas comerciais deseñan estratéxicamente os escaparates para que non nos esquezamos de realizar as compras típicas desta época, Silván e A Armenteira cumpren coa tradición honrando a unha figura que, independentemente do carácter mercantilista que lle outorgou a economía capitalista na que habitamos,  representa a caridade e a xenerosidade no seu grao máximo.









Ningún comentario:

Publicar un comentario