Buscar neste blog

luns, 31 de decembro de 2018

Un ano con protagonismo nos medios de comunicación

No ano 2018 as cámaras fotográficas ou de televisión dos distintos medios de comunicación deron un especial protagonismo a A Armenteira. Os acontecementos que tiveron lugar na parroquia foron obxecto de seguimento por parte de xornais, canles de televisión, emisoras de radio ou internet, o que provocou que o nome de A Armenteira se pasease con relativa frecuencia polos titulares informativos. Foi o que ocorreu coa asemblea que a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira realizou no mes de marzo, na que conmemoraba un ano de existencia e na que aproveitou para dar conta das súas actividades e expoñer os seus proxectos á veciñanza e para atender as demandas que plantexaron as persoas que asistiron. No mes de abril unha expedición organizada polo Armenteira C.F., coa colaboración da asociación veciñal, desprazouse ata o Plató 1.000, en Montouto, no concello de Teo, para participar no exitoso programa da CRTVG Land Rober Tunai Show. Dous anos levaban agardando por esta oportunidade, que permitiu que os asistentes, xentes da parroquia e dos arredores, puideran vivir unha experiencia inesquecible. A participación en programas televisivos continou coa expedición, novamente organizada polo Armenteira C.F. e a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, ao programa Bamboleo da CRTVG, no mes de xullo, curiosamente o último que ata o momento tivo á fronte ao mítico presentador Xosé Manuel Piñeiro. Neste campo tamén tiveron unha repercusión importante iniciativa como a que levou a cabo a comunidade de monxas cistercienses, que permitiu que algunhas persoas puidesen experimentar unha estancia no medio da rigorosa e pouco coñecida vida mocanal. Particular atención recibiron os sucesos. As intensas choivas, contabilizadas pola estación meteorolóxica situada no entorno do campo da festa, estiveron presentes en varias noticias. Tamén o estiveron os sucesos de carácter desgraciado, como os ocorridos no traxecto da Ruta da Pedra e da Auga. Accidentes de sendeiristas e ciclistas precisaron a intervención dos equipos de emerxencias, que levaron a cabo rescates que a a díficil orografía do territorio fixeron especialmente compricados nalgún dos casos. As alertas tamén se activaron coa desaparición de mascotas, cans sobre todo, que mobilizaron á poboación na súa busca e que afortunadamente case todas contaron cun final feliz. O constante aumento do número de visitantes, moitos deles de nacionalidade estranxeira, que fan parada en A Armenteira no seu percorrido pola Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiado de Compostela, contribuiu a darlle á parroquia, especialmente ao entorno do mosteiro cisterciense, un aire cosmopolita que vai mudando pouco a pouco a imaxe tradicional que se tiña de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario