Buscar neste blog

luns, 24 de decembro de 2018

Un partido cargado de sensacións

O pincho de Nadal do Armenteira C.F. que se celebrou este domingo, 23 de decembro, no campo de O Leixo, deixou unha chea de lembranzas. Sensacións, emoción, resentimento, polémica, gañas de vinganza... quedaron tras un partido que acabou resultando tremendamente axustado. Na planificación das actividades figuraba un acordo verbal para a disputa dun partido de fútbol ao rematar a celebración. Coa xente xa dispersa tras o banquete, a charla, as anécdotas e os xogos e actividades que animaban aínda máis o ambiente, a organización tivo que reunir á xente que se congregaba en O Leixo para configurar os equipos que se ían enfrontar. Por un lado estaban os xogadores e xogadoras, reforzados con mozos e mozas vencellados dalgunha maneira ao Armenteira C.F., e polo outro un conxunto formado por pais, nais, adestradores, directivos e outras persoas. Íñigo Piñeiro, capitan do equipo infantil foi un dos participantes. "Sabíamos que ía ser unha cita difícil. Hai que ter en conta que os do noso equipo viñamos de xogar un partido de liga á mañá e notabamos as pernas cansas. Pero o que máis desexabamos era repetir vitoria para ter o día completo. En relación coa actuación do árbitro prefiro non opinar, non teño por costume cuestionar as decisións arbitrais", indicou o futbolista de Couso. Roberto Vázquez "Yumas" foi outro dos participantes. "Nin sequera sabía que se celebraba o pincho. En canto me enterei dirixinme a O Busto para sumarme á festa. Cando cheguei o banquete estaba rematando, pero afortunadamente aínda houbo un partidillo. Eu uninme ao equipo dos rapaces. Sinceramente creo que sen a miña axuda teríano moito máis compricado", afirmou Roberto. No equipo contrario formaba a súa irmá, Mila Vázquez, que tamén quixo mostrar as súas impresións. "Fai tempo que non participaba nun partido. As sensacións foron boas. A portería é o sitio no que me sinto máis cómoda. E quero dicir que fixen algunha parada de mérito. Ao meu fillo, que é un dos máximos goleadores do grupo na Segunda infantil, custoulle moito meterme un gol". Suso Rodríguez foi outro dos integrantes do equipo con pais, nais , adestradores e directivos. "Sentinme ben sobre o campo. Algunha das xogadas de maior do meu equipo fíxenas eu. Ata parece que a afección me ovacionou cando marquei un dos goles. De seguro que se algún equipo me vira xogando este domingo non dubidaría en facerme ficha", indicou o encargado do material do equipo feminino. Pola súa parte, Fran Filgueira "Pacheco", adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F., e que desta volta exerceu de árbitro non deixou pasar a oportunidade de expresar a súa opinión. "Agora entendo a dificultade de arbitrar. Non facían máis ca protestar as miñas decisións. Ben é certo que tampouco seguía de preto as xogadas e puiden equivocarme nalgunha ocasión. Pero coa calor que sentía, e creo que facía, impropia do inverno, ademais do pito, tiña que ir suxeitando unha copa na man". O encontro tivo de resolverse dende o punto de penalti. Destacou a boa actuación dos respectivos gardamallas, Isidoro Pesqueira e Roberto Vázquez "Yumas", aínda que este último non puido impedir que o trofeo fose a parar ás mans do equipo de pais, nais e directivos. Suso Rodríguez foi o encargado de recoller o trofeo, que lle foi entregado por Iván Borrageiros, curiosamente compañeiro de equipo na tarde deste domingo.








Ningún comentario:

Publicar un comentario