Buscar neste blog

luns, 31 de decembro de 2018

Un ano cunha axenda completa en canto a eventos

O ano 2018 foi especialmente completo en canto a eventos se refire. Actos festivos, culturais ou educativos desenvolvéronse ao longo dos doce meses. O ano abríase coa celebración das festividades na honra de San Antonio Abad, o 17 e 18 de xaneiro. A misa, a procesión, a música, as poxas e os foguetes tomaron os arredores da pequena capela situada no lugar de San Amedio. As festas máis concorridas foron de novo as festas de Semana Santa. Condicionadas polas adversidades meteorolóxicas a festa da xuventude, a romaría das Cabezas ou a festa na honra da Virxe dos Dolores conseguiron congregar, a pesares de todo, a un importante número de persoas que plantou cara ao frío e á choiva para cumprir coa tradición e visitar A Armenteira nos seus días máis grandes. Xa a finais de abril e principios de maio volveu a celebrarse nos lugares de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi a festa na hora de San Xosé Obreiro. Coma sempre foron uns días sinalados para as xentes desta parte da parroquia, que este ano optaron por celebralo conxuntamente cun gran banquete no campo da festa de Cabeza de Boi, co porquiño á grella como prato estrela. En agosto e setembro tiveron lugar as festas de verán, na honra de San Ero e a Divina Pastora, marcadas nesta ocasión por un feito lutuoso, o falecemento de Manuel Torres, propietario do Bar Restaurante A´Fonte, unha das persoas máis coñecidas e recoñecidas da parroquia. Con todo, a Comisión de Festas O´Noso preocupouse un ano máis porque os veciños e veciñas da parroquia puidesen despedir o verán de maneira festiva. A festa de San Nicolau, en Silván, pechou o panorama de festas en A Armenteira. As poxas e unha espectacular tirada de foguetes marcaron unha celebración que tivo nas misas e nas verbenas con algunhas das orquestras de máis renome de Galicia as súas citas principais. Neste ámbito sobresaíron tamén a organizaciñon de xantares de confrateridade, en especial nas datas de Nadal, como foi o caso do pincho navideño do Armenteira C.F., que este ano tivo lugar no campo de O Leixo, ou da cea que se celebrou no interior do Café Bar O´Comercio, promovida por segundo ano consecutivo polo seu xerente Javier Gil. No aspecto estrictamente cultural, a igrexa do mosteiro cisterciense convertiuse en escenario dalgúns concertos. A beleza arquitectónica e as cualidades acústicas desta edificación serviron de atractivo para que asociacións culturais e a Concellería de Cultura do Concello de Meis participasen na organización dun tipo de eventos que de seguro veremos como se repiten ao longo do 2019. No ámbito educativo o C.E.I.P. de Armenteira continou coa súa eloxiosa labor. A escaseza de rapaces na parroquia ou a decisión dalgúns pais e nais de matricular os seus nenos e nenas en colexios doutras localidades mantén nunha loita titánica á dirección do centro. Actividades de todo tipo, repartidas ao longo do ano, que mesturan os aspectos formativo e educativo con outros máis lúdicos, e que tratan de achegar esta institución ás xentes e ás tradicións de A Armenteira, fan máis digno e meritorio o traballo deste grupo de docentes. O Entroido, a recolleita de cultivos, as saídas fóra do centro, o magosto, os cantares de Reis e os diversos festivais e actos que organizan axudan a manter vivo un referente no que está depositado ademais o futuro da parroquia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario