A lesión que o futbolista do Armenteira Veteranos Óscar Portas sufriu no partido de liga do pasado sábado ante o Unión Dena C.F. Veteranos finalmente reviste maior gravidade do que parecían indicar as primeiras probas médicas. O departamento de traumatoloxía do Hospital Quirón Salud-Miguel Domínguez de Pontevedra ven de confirmar, despois das últimas exploracións, que o defensor de Paradela sofre unha rotura do ligamento cruzado e do ligamento lateral do xeonllo da perna dereita. Portas sufriu un aparatoso golpe no partido que o seu equipo disputou o sábado, 22 de decembro, ao colisionar cun adversario na disputa dun balón. O forte impacto, os berros e os lamentos do xogador do Armenteira Veteranos fixeron que se alertase rapidamente aos servizos de emerxencia, presentándose unha ambulancia do 061 minutos máis tarde. Tras ser atendido o sábado no Hospital Quirón Salud-Miguel Domínguez, foi citado este xoves para continuar coas análises médicas. A confirmación do alcance da lesión, que o obrigará a pasar por quirófano e a estar varios meses de baixa, axiña alentou o envío de mensaxes de ánimo por parte dos seus compañeiros de equipo que, persoalmente ou a través das aplicacións de mensaxería, quixeron mostrar o seu apoio ao futbolista. Óscar Portas incorporouse ao Armenteira Veteranos na temporada 2013/2014, tras pertencer anteriorme ao equipo sénior masculino do Armenteira C.F., converténdose dende entón nun dos xogadores máis aprezados e valorados do clube. Habitual nas convocatorias e nos partidos, aos que poucas veces soe fallar, e tamén cunha participación moi activa na organización das comidas e ceas do equipo, Portas é un dos membros máis visibles do seu conxunto. A súa ausencia únese á de Rubén Serén, operado fai dúas semanas dunha lesión similar, co que se incrementan os problemas para unha escadra xa de por si moi minguada en canto efectivos nesta temporada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario