Buscar neste blog

xoves, 14 de xullo de 2016

A Labradiña, alí onde comezou todo

Para moitos nenos e nenas que viviron en A Armenteira dende mediados ata as últimas décadas do século XX falar de fútbol era falar de partidos nas estradas, nas leiras ou no adro do mosteiro. Pero na memoria de moitos figuran unha serie de campos, que non eran senón lugares que durante unhas horas se convertían en escenarios improvisados onde a rapazada se reunía para darlle patadas a un balón dun plástico tan duro que só algúns ousados se atrevían a meterlle a cabeza. Se para os rapaces e rapazas de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi a Corveira era o lugar daqueles encontros futbolísticos, ou en Couso o era a campina de Angelita, outros lugares da parroquia tiñan tamén o seu particular santuario das ilusións dunha infancia que soñaba con ser futbolista nun tempo no que a posibilidade de selo non era tan fácil coma hoxe en día. Entre todos eses escenarios destaca sen dúbida A Labradiña, o estadio que reunía mellores condicións de todos os que había na parroquia. Unha pradeira natural delimitada por un regato e toxeiras, cunha lixeira pendente, pero cun céspede natural que podería asimilarse ao dos terreos de xogo que por entón unicamente se podían ver nas retransmisións televisivas. Iso era A Labradiña, e alí congregábanse decenas de rapaces e rapazas dos lugares de Vilar e Caroi en moitas ocasións combinando o xogo co coidado das vacas, e ás veces eran os doutros lugares da parroquia, ou os parentes que residían noutras localidades que visitaban A Armenteira os que aproveitaban para xuntarse cos nativos do lugar e disfrutar xuntos correndo detrás dunha pelota. Quizais moitos dos nenos e nenas actuais da parroquia non teñan oído falar nunca de A Labradiña, e quizais moita xente non tiña nin a máis mínima idea de onde se localiza, e nin sequera o paso polas súas proximidades da Variante Espiritual do Camiño Portugués que vén de Combarro fai que deixe de permanecer inadvertido, pero se existe un antecedente, un lugar no que fixar as orixes do fútbol e da paixón por este deporte en A Armenteira, ese é A Labradiña. Alí naceron para moitos as ilusións e o soño de ser futbolistas e alí sentáronse as bases do que é hoxe en día o Armenteira Club de Fútbol.


Ningún comentario:

Publicar un comentario