Unhas agradables melodías, un extraordinario ambiente e un entorno priveliaxiado serán os ingredientes que farán de A Armenteira a capital musical de O Salnés durante esta fin de semana. O jazz será o protagonista e ao seu arredor xirará unha novidosa e interesante iniciativa que decidiu levar a cabo a asociación Terras Altas do Salnés, que ten entre os seus membros ao prestioxo jazzista vilanovés, pero residente na parroquia, Paco Charlín. Este xénero musical, xurdido a finais do século XIX nos Estados Unidos, concretamente na área de influencia da cidade de Nova Orleans, no estado de Luisiana, naceu da man dos escravos negros que chegaban en grandes cantidades, procedentes sobre todo da zona occidental de África, a traballar nas enormes plantacións do sur de Norteamérica. Estes fusionaron a tradición cultural africana co cristianismo protestante que lles impuxeron os seus amos, e da mestura destes ritmos africanos co sustrato musical de orixe europea e co propio dos Estados Unidos orixinouse unha nova forma de entender e interpretar a música. A corneta, o trombón, o saxo, o claninete ou batería convertíronse dende os seus inicios nos instrumentos básicos do jazz. A difusión e a evolución deste estilo musical fixo que se extendese a longo dos Estados Unidos e aí a outras partes do planeta, e permitiron que pasase de ser unha simple música de baile popular a unha forma de arte recoñecida en todo o mundo, que na actualidade conta entre os máximos expoñentes coa cantante e pianista Diana Krall.
O I Festival Internacional Armenteira Jazz arrincará o sábado 23 de xullo ás 22 horas coa actuación de Rosolino Marinello Quartet, que animarán cos seus ritmos aos asistentes, e que ao finalizar o concerto poderán disfrutar dun divertido photocall. No domingo chegará o turno de Chivinjazz Street Band, que nos deleitarán coa súa música a partires das 12:30 horas. Pola noite, e para finalizar o programa festivo, sairán ao escenario SPJ Workshop, unha formación que agromou das aulas do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. A pesares de que non figura na programación, non se descarta que Paco Charlín brinde aos seus veciños e veciñas e aos numerosos visitantes que se prevé que se congreguen no adro do mosteiro a oportunidade de disfrutar dunha das súas actuacións. A música, a festa, a arte e a cultura apoderaranse dun entorno que reúne coma ningún outro as condicións idóneas para este tipo de espectáculos. Esta excelente idea, que nace con vocación de permanencia, debería perdurar e convertir este magnífico escenario nunha fonte de actividades que lle outorguen a A Armenteira o papel de referente a nivel cultural e lúdico que se merece ocupar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario