Buscar neste blog

sábado, 30 de xullo de 2016

Na senda de Armentariam

Quizais hoxe en día se poidan contar cos dedos dunha man o número de cabezas de gando vacún que hai en A Armenteira. Coa excepción dalgunha iniciativa dalgún empresario da gandería que na actualidade pretende apostar pola cría de vacas en estado semisalvaxe, a presenza deste tipo de gando, que ata non fai moitos anos era a pedra angular da economía das familias da parroquia, foise reducindo a un ritmo acelerado. Algo parecido ocorrera coa gandaría cabalar, pero o incremento da afección polas actividades ecuestres fixo que o número de cabalos experimentase un leve aumento, aínda que agora xa non sexan utilizados como animal de tiro ou para tarefas agrícolas, senón que se converteu nun animal de compaña máis ao que se dispensan os máximos coidados. Armentum, o vocablo latino do que deriva Armentariam, que acabaría converténdose en Armenteira, significa iso, lugar no que abundan rabaños de gando maior, é dicir, de vacas e cabalos, que serían os animais máis habituais naquelas épocas. Orixe similar terían Armentières, unha localidade de máis de 25.000 habitantes situada no norte de Francia, e coñecida como a “cidade do lenzo”; L´Armenteira, un municipio da provincia de Xirona que conta cuns 900 habitantes, unha cifra lixeiramente superior á da nosa parroquia; Armenteros, un municipio da provincia de Salamanca, no que residen pouco máis de 300 persoas; ou San Martiño de Armental, unha parroquia do concello coruñés de Vilasantar, preto de Betanzos, poboada por uns cen habitantes; localidades todas estas coas que sería interesante establecer algún tipo de irmanamento.

Non coñecemos con exactitude a relación que tiñan os seres humanos que habitaron a parroquia na época prehistórica con este tipo de gando, pero supoñemos que aquelas xentes que nos deixaron testemuños como as mámoas de Chan de Colcova ou da Fonte do Lagarto ou os petroglifos do Outeiro do Cribo, nos que aparecen representados cervos e homes a cabalo, baseaban a súa supervivencia na caza e na domesticación destes animais. Para quen sí debeu ter unha enorme importancia este gando maior foi para os monxes que na época medieval viviron detrás dos muros do mosteiro que se fundou nesa época, e que con Don Ero como abade, se incorporou á orde do Císter a mediados do século XII. A economía das familias campesiñas esparcidas en pequenos núcleos de poboación polo territorio da parroquia e a da comunidade relixiosa, á debían pagar rendas a cambio do seu control e protección, organizábase e tiña a este gando como principal referencia. A marcha dos monxes no século XIX tras a Desamortización de Mendizábal pareceu non mudar de forma substancial as bases económicas destas xentes. As actividades agrarias e as remesas que enviaban os numerosas persoas que se viron obrigadas a emigrar foron o substrato económico dunha poboación que, ata a época do desarrollismo, nos últimos anos do franquismo, non comezou a variar a orixe da súa principal e case única fonte de recursos. A modernización da economía nas últimas décadas, cun maior peso do sector servizos e de actividades como a industria e a construción, que acolleron nas zonas máis urbanas da contorna a un número importante de man de obra da parroquia, unidas á cada vez menos rendibilidade dun sector primario atrasado e pouco tecnificado, fixeron que o gando e as leiras foran caendo pouco a pouco nun estado de abandono, ao que contribuiu tamén o progresivo avellentamento da poboación. A maleza que cobre moitas destes terreos, que en moitas ocasións chega a adentranse nas vías de circulación, e que últimamente se converteron nun motivo de polémica, deixan ás claras que a senda a seguir debe guiarse por unha urxente necesidade de reformas que leven a que estes bens sexan a fonte de riqueza que deberían ser e que eviten que estas xentes que naceron do campo acaben ignorándoo e vivindo de costas a el.


Ningún comentario:

Publicar un comentario