Buscar neste blog

mércores, 20 de xullo de 2016

En lembranza de Amigos de Armenteira

Algunhas persoas aínda recordarán o estado no que se atopaba o mosteiro de A Armenteira fai uns cincuenta anos. A desamortización impulsada en 1837 por Juan Álvarez Mendizábal, ministro liberal durante a rexencia de María Cristina, expropiou e puxo á venda boa parte dos bens eclesiásticos que existían en España. Entre eles estaban os pertencentes á Comunidade Cirterciense, de xénero masculino naquel entón, que habitaba no mosteiro de A Armenteira. Esta medida obrigou aos monxes a abandonar as dependencias monásticas, as cales comezaron a partires de entón un proceso de deterioro que duraría máis dun século. Só a igrexa, construída en estilo románico tardío a finais do século XII, mantivo un aceptable estado de conservación, aínda que tampoco se salvou do expolio ao que foi sometido todo o conxunto. O resto das dependencias, levantadas en estilo renacentista e barroco durante os séculos XVI e XVII foron pouco a pouco caíndo nunha situación ruinosa. Non foi ata 1961, cando o mosteiro comezou a ser rescatado do esquecemento. Por iniciativa de Don Carlos Del Valle-Inclán, fillo do famoso escritor nado en Vilanova de Arousa e que buscaba recuperar un lugar que fora fonte de inspiración para algunha das obras do seu pai, fundouse nese ano a asociación "Amigos de Armenteira", co obxectivo de impulsar a reconstrución do edificio. O éxito deste proxecto permitiu o asentamento en 1989 dun grupo de monxas procedentes do mosteiro de Alloz, en Navarra, e a continuación das actividades de restauración a cargo da Xunta de Galicia a partires do ano seguinte. A importantísima labor desta asociación volveu poñer en valor esta xoia arquitéctónica, emblema da nosa parroquia e do noso Concello, e que nos da fama máis aló das nosas fronteiras. Os tempos mudaron moito dende a época na que Don Carlos Del Valle-Inclán fixou a súa mirada en A Armenteira, e na actualidade o espíritu asociativo e a vontade de traballo en común están máis vivos ca nunca na parroquia, pero neste caso son as xentes do lugar as que lideran e propoñen iniciativas para preservar e relanzar o valioso patrimonio que agocha este marabilloso entorno. Pero non por elo deberíamos nin moito menos esquecer o traballo impagable que no seu día levou a cabo "Amigos de Armenteira", polo que sería preciso que tivese lugar algún tipo de recoñecemento. A colocación dunha placa e un monolito no entorno do mosteiro podería ser unha forma de agradecer e rendirlle esa merecida homenaxe.



Ningún comentario:

Publicar un comentario