Buscar neste blog

luns, 25 de xullo de 2016

O repouso de Don Álvaro

Quizais non haxa lugar  máis agradable nin entorno tan privilexiado para o descanso eterno que o pode ser A Armenteira. Iso mismo debeu pensar Don Álvaro de Mendoza y Sotomayor. Nado en Vilagarcía de Arousa en 1577, este nobre da casa dos Caamaño, fundadores da cidade arousá, desenvolveu unha longa e exitosa carreira militar. Xentilhome nomeado polo rei Felipe III, cabaleiro de Alcántara, Gran Prior de San Xoán, Príncipe da Mar, Capitán de Garda do Príncipe Don Filiberto, señor da vila de Vilagarcía e das Casas de Barrantes e Vista Alegre, todas estas honras acumulábanse na persoa de Don Álvaro. Con vinte anos trasladouse ao reino de Nápoles, que por aquel entón figuraba tamén entre as posesións do Reino de España, para colocarse ao fronte das súas tropas nas campañas que o reino peninsular levaba ao longo do Mediterráneo. Estando en Palermo, na illa de Sicilia, trasladouse a terras galegas para casar con Dona de Zamudio.Tras a súa morte, que tivo lugar en Zaragoza en 1621, decidiuse trasladar o seu corpo ao mosteiro de Armenteira, onde lle fora reservado un sitio no lado esquerdo do altar maior, a carón do evanxelio.

Esta historia, aparentemente plácida e lexendaria, non estivo exenta de polémica, pois  en vida de Don Álvaro, alegando que por motivos de herdanza lle correspondía, iniciara xa un pleito co abade do mosteiro co motivo da reserva do lugar no que acabou situando o seu sepulcro. De feito, cando se produce o falecemento  do nobre vilagarciano, os monxes opuxéronse a que se enterrase alí, pero as súas protestas non tiveron efecto debido á influencia de Don Fernando de Andrade, arzobispo de Burgos, e irmán do falecido.O afán de Don Álvaro por finalizar os seus días no cenobio de A Armenteira, igual que o viñan facendo moitos outros nobres da súa familia, reflicte o privilexio que supoñía situar o lugar para o descanso eterno neste mosteiro. O sepulcro no que repousan os restos no Señor de Vilagarcía, está enmarcado por un arcosolio, baixo o que se coloca unha escultura coa figura do xacente, e destaca pola súa sobriedade e a súa austeridade, chamando a atención que apareza sen armadura, e que o único elemento que faga referencia á súa condición social sexa a espada que sostén entre as súas mans. Representa a un personaxe xoven, vestido cunha longa túnica e cun manto, de rostro imberbe, que parece sorrir e cuns abundantes e ondulados cabelos que caen sobre uns ombreiros que repousan sobre tres almofadas. A obra, de estilo renacentista, realizouse en 1615, e entre as súas columnas albérgase unha cartela, na que aparece o epitafio, picado polos propios monxes, no contén o seguinte texto:
AQUÍ YACE EL CUERPO DEL SR. DON ÁLVARO DE MENDOZA Y SOTOMAYOR, CABALLERO DEL HÁBITO DE ALCÁNTARA QUE SE LO DIO EL REY FELIPE II SIENDO PAGE SUYO, GENTIL HOMBRE DE BOCA DE S.M. DE LA CÁMARA DOS LOS PRÍNCIPES DE SABOYA Y CAPITÁN DE LA GUARDIA DEL SERENÍSIMO PRÍNCIPE, FILIBERTO, GRAN PRIOR DE SAN JUAN Y PRÍNCIPE DE LA MAR, SEÑOR DE VILLAGARCÍA Y DE LAS CASAS DE BARRANTES Y VISTA ALEGRE. – MURÍO EN ZARAGOZA DE ARAGÓN AÑO DE 1621, TENIENDO LA EDAD DE 44 Y EN 30 DE MARZO DE 1640 HIZO COLOCARLO EN ESTE ANTIGUO ENTIERRO DE SUS ANTEPASADOS Y SUYO, POR SER SEÑOR DE DICHAS CASAS EL ILUSTRÍSIMO Y REVERENDÍSIMO SR. DON FERNANDO DE ANDRADE Y SOTOMAYOR, SU HERMANO, ARZOBISPO DE BURGOS, ELECTO DE SANTIAGO, VIRREY Y CAPITÁN GENERAL DEL REYNO DE NAVARRA Y SUS COMARCAS, PRESIDENTE DEL CONSEJO DE CANTABRIA QUE FORMÓ S.M. EN LA CIUDAD DE VITORIA PARA ACUDIR A LAS OCURRENCIAS PRESENTES.
REQUIESCAT IN PACE. AMÉN.”

Este feito ven a ser unha clara mostra da importancia e do poder de atracción que tiña xa naquela época a nosa parroquia, hoxe en día convertida en lugar de visita habitual de presidentes do Goberno e multitude de xentes de todo tipo e condición. Non hai máis que citar a predilección de moitas parellas por celebrar o seu casamento na igrexa do mosteiro, que fin de semana tras fin de semana loce a súa espléndida pose de escenario nupcial, así como as numerosas visitas que recibe, reflectidas con gran extremo rigor polo contador da caseta de información turística establecida á entrada dos claustros. Oito séculos e medio despois dende que outro cabaleiro, Don Ero, elixira como lugar de descanso e oración este apacible entorno na ladeira do Castrove A Armenteira e o seu impresionante conxunto monacal móstranse máis exultantes ca nunca, e son a máis clara explicación do afán e a a loita que levou a cabo Don Álvaro de Mendoza y Sotomayor para fixar a súa residencia eterna neste idílico lugar.




Ningún comentario:

Publicar un comentario