Buscar neste blog

xoves, 31 de decembro de 2015

O equipo cadete do Armenteira C.F. inicia o ano cun partido ante o A.D. Arousa F-7

O equipo cadete do Armenteira C.F. ten este sábado día 2 de xaneiro o seu primeiro partido de liga do ano 2016. Será ante o equipo vilagarciano do A.D. Arousa F-7, clube organizador do famoso torneo internacional de categoría alevín que se disputa na cidade arousana. O conxunto que dirixe Marcial Prado ocupa a oitava posición na táboa, con dez puntos, fronte á séptima que ocupa o seu rival desta fin de semana, con catorce puntos, polo que se presume un encontro igualado entre dous equipos que se enfrontaron recentemente nun partido amigable que finalizou con vitoria do cadro verdinegro por dous goles a un. O adestrador local non poderá contar con todos os seus xogadores, polo que se verá obrigado a convocar a algúns compoñentes do equipo infantil que veñen participando habitualmente co conxunto cadete.


martes, 22 de decembro de 2015

Resultados pouco afortunados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na última xornada do ano

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. tiveron unha xornada de liga, a última do ano 2016, pouco afortunada en canto a resultados. Os tres equipos que disputaron partidos, o benxamín, o infantil e o benxamín, xa que o cadete viuse obrigado a descansar, finalizaron con derrota os seus encontros.

O equipo benxamín desprazábase o sábado pola mañá ao campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, onde tiña de novo unha dura proba. O conxunto que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta intentaron plantar cara a un rival moi superior, e volveron a mostrar algunhas notas positivas, aínda que finalmente o cadro meco acabou impoñéndose por trece goles a cero.

O equipo infantil recibía na mañá do domingo no seu feudo de O Pombal, en Cambados, a un duro contricante, o C.D. Ribadumia. O conxunto aurinegro ocupaba a terceira plaza na clasificación, polo que puxo a proba aos rapaces que dirixe Martín Casais. Nun partido aceptable por parte dos locais o C.D. Ribadumia acabou vencendo un gol a nove, con gol do dianteiro chinés de categoría alevín Zubo.

Finalmente, o equipo alevín visitaba na tarde do martes 22 o campo de A Lanzada, para medirse á S.D. Noalla. A formación dirixida por Jonathan Crespo está pasando por un bache de xogo, ao que se suma a imposibilidade de contar con algún xogadores que estaban resultando determinantes no que levamos de temporada. O cadro verdinegro non conseguiu dominar o xogo ofensivo nun partido con moitas alternativas, e pagou caros os seus erros nas tarefas defensivas, e acabou sendo derrotado pola escadra local por catro goles a dous, con goles de Adri e o zagueiro Fran polo Armenteira C.F.

Durante as datas de Nadal os compoñentes dos distintos equipos do Armenteira C.F. poderán disfrutar duns merecidos días de descanso, moi agardados tanto polos xogadores e xogadoras coma polos membros do corpo técnico, que aproveitarán para cargar as pilas e volver con máis gañas no ano que vai a comezar.


luns, 21 de decembro de 2015

Asistencia numerosa ao banquete de Nadal do Armenteira C.F.

O Armenteira C.F. celebrou este domingo no salón do Café Bar O Comercio, de A Armenteira, o seu tradicional banquete de Nadal. Nesta ocasión a asistencia foi máis numerosa ca en anos anteriores, xa que ao aumento do número de equipos, catro nesta temporada, e de xogador@s, 62 na actualidade, hai que sumar o importante número de familiares que decidiron acompañalos nesta cita. Serafín Melón, presidente da entidade, cifrou a cantidade de asistentes en aproximadamente 120 persoas, o que supuxo unha dura xornada de traballo para os membros da Xunta Directiva do clube, organizadora do evento. A colaboración dos compoñentes do plantel dos diferentes equipos na venda de boletos para o sorteo dunha cesta fixo que esta celebración fose posible, polo que os dirixentes do Armenteira C.F. mostran o seu agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron na organización e que se brindaron a participar neste evento.


O PP logra unha ampla maioría de votos na mesa de A Armenteira nunhas eleccións envoltas de novo na polémica

O Partido Popular logrou de novo un respaldo maioritario na mesa electoral de A Armenteira nas eleccións xerais celebradas o pasado domingo. O partido conservador tivo o apoio de aproximadamente do 60% dos electores, superando amplamente ao resto de candidaturas, nuns comicios marcados de novo pola polémica ao denunciar os interventores do PSOE a votación irregular por parte dunha persoa, que introduciu dous sobres na urna. O caso queda en mans da Xunta Electoral, que de estimar a reclamacións  dos socialistas, podería obrigar a repetir as eleccións nesta mesa electoral.

sábado, 19 de decembro de 2015

O Armenteira Veteranos despide o ano cunha vitoria clara e contundente en Moraña

O Armenteira Veteranos conseguiu no partido da xornada deste sábado, a última da competición de liga do ano 2016, unha clara vitoria por un gol a cinco no campo de Mirallos, en Moraña, ante o Cafetería Pasaje. Os goles de Jorge Castro e Manueliño, ambos en dúas ocasións, e de Víctor dende o punto de penalti outorgaron tres novos puntos ao equipo verdinegro ante un rival que se presentou no terreo de xogo moi mermado de efectivos. Con este triunfo o Armenteira Veteranos consolídase na zona media da táboa e vai achegándose ao seu obxectivo de garantir a permanencia do grupo 4A, no que se estreaba nesta temporada.


venres, 18 de decembro de 2015

O Armenteira C.F. celebra este domingo o seu tradicional banquete de Nadal

O Armenteira C.F. celebra este domingo un banquete de Nadal que vai reunir a xogador@s, adestradores, representantes da Xunta Directiva, familiares dos membros do plantel e tod@s aqueles soci@s e simpatizante do clube que se quixeron sumar a este evento. Esta celebración, que xa se convertiu nunha costume nos últimos anos, terá lugar finalmente no salón do Café Bar O Comercio, en A Armenteira, a partires das 14:30. Dende a  Xunta Directiva, organizadora do evento, salientan o elevado número de asistentes ao banquete deste ano, polo que agardan disfrutar dunha agradable xornada de convivencia para os compoñentes da ampla familia do Armenteira C.F.


O Armenteira Veteranos despide o ano en Moraña ante o Cafetería Pasaje

O Armenteira Veteranos disputa este sábado o último encontro de liga do ano do grupo 4A co partido que disputará no campo de Mirallos, en Moraña, a partires das 16 horas ante o Cafetería Pasaje. O equipo que capitanea José Luis Galiñanes, que se atopa na décima posición, con vinteún puntos, agarda conseguir tres novos puntos que axuden a asegurar canto antes a permanencia, o seu principal obxectivo para esta temporada. O equipo rival ocupa o décimoséptimo lugar na táboa, con once puntos, pero non será un rival fácil para o conxunto verdinegro, que conta con algunhas baixas importantes, entre elas a de Cacabelos, expulsado na última xornada no partido ante o Viajes Inter-Rías Villalonga.


Último encontro de liga do ano para os equipos benxamín, infantil e alevín do Armenteira C.F.

Os equipos de categoría benxamín, infantil e alevín teñen esta fin de semana os seus últimos encontros do ano 2016, co que agardan acabar con bo sabor de boca.

O primeiro en disputar o seu partido será o equipo benxamín. O conxunto dirixido por Valentín Casais desprázase ata o campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, para medirse o sábado a partires das 12 horas á S.D. Amanecer. O cadro meco ocupa o décimo posto na clasificación con dezanove puntos, polo que se presume como outro duro rival para os compoñentes da escadra verdinegra.

O equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas, no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, ao C.D. Ribadumia. O conxunto aurinegro atópase na parte alta da táboa, no terceiro lugar con vintecinco puntos, polo que volverá a ser un duro opoñente para os rapaces que adestra Martín Casais.

O equipo alevín xogará o seu encontro o martes 22 a partires das 19 horas, cando se vai enfrontar no campo de A Lanzada á S.D. Noalla, un equipo que se atopa na duodécima posición con catro puntos, pero ante o que a formación dirixida por Jonathan Crespo non debe confiarse, tendo en conta ademais os problemas que lle plantexaron nas últimas xornadas o A.D. Arousa F-7 e o Barro C.F., equipos que se atopan na zona baixa da táboa, pero que lle puxeron en bastantes dificultades.

Estes partidos porán fin a un ano de competición de liga intenso para os distintos equipos do Armenteira C.F., no que os resultaron acompañaron algunhas veces e outras non, pero no que o clube seguiu experimentando un crecemento en número de equipos, de xogador@s, de masa social e de empresas colaboradoras, polo que dende a Xunta Directiva non cabe máis que facer un balance positivo do ocorrido neste ano.


domingo, 13 de decembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. salvan con dignidade unha xornada compricada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontaron os seus encontros desta fin de semana en circunstancias adversas, pero conseguiron saír con dignidade dos seus envites.

O primeiro en competir esta fin de semana foi o equipo benxamín, que recibiu no campo de O Leixo á U.S.D. de O Grove. O cadro meco, que se atopa na parte alta da clasificación, impuxo a súa superioridade e venceu por un gol a dezaséis, con gol de Brais Santamaría para os locais. O próximo rival do conxunto benxamín será outra escadra da península do O Grove, a S.D. Amanecer, que se emplaza na décima posición con dezanove puntos.

O equipo alevín recibía o sábado no campo de O Leixo ao Barro C.F., un rival sempre combativo,  que volveu a poñer en apuros ao cadro que dirixe Jonathan Crespo. O equipo visitante logrou ter unha vantaxe de cero goles a dous, pero dous goles de Adri conseguiron equilibrar o marcador ata o dous a dous final, no medio dunha actuación arbitral moi protestada polos locais. Na próxima xornada o equipo alevín visita o campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla, que ocupa a duodécima plaza con catro puntos.

O equipo infantil acudía esta xornada moi debilitado ao campo de As Cachizas, onde o sábado se enfrontaba ao Unión Dena C.F., un conxunto que non tivo a piedade que se recomenda nestes casos e infrinxiu unha severa derrota aos rapaces do conxunto verdinegro por dezanove goles a cero. Na próxima fin de semana o equipo que dirixe Martín Casais recide no campo de O Pombal ao C.D. Ribadumia. O conxunto aurinegro ocupa a terceira posición con vinte puntos, polo que será outro duro escollo para o Armenteira C.F.

Finalmente, o equipo cadete viaxou ata o Campo Municipal de Vilaxoán, feudo ocasional do seu rival desta fin de semana, o C.D. Bamio. O conxunto que dirixe Marcial Prado logrou impoñerse por un gol a catro, con tantos de Villa en dúas ocasións, Carlos e Marcos Acha. Esta vitoria era moi ansiada despois dos resultados pouco favorables das últimas xornadas e, con ela, os rapaces do equipo verdinegro sitúanse na oitava plaza da clasificación con dez puntos. Na próxima fin de semana o equipo cadete non terá partido de liga ao corresponderlle a xornada de descanso, feito que lle servirá para repoñer forzas e disfrutar con máis tranquilidade das festas de Nadal.


Empate que sabe a pouco do Armenteira Veteranos ante o Viajes Inter-Rías Villalonga

O Armenteira Veteranos logrou un empate a dous goles ante o Viajes Inter-Rías Villalonga, un equipo que antes de disputarse esta xornada ocupaba a terceira posición na clasificación do grupo 4A. O equipo verdinegro foise ao descansando por detrás no marcador, pero conseguiu reaccionar na segunda metade, e os goles de Jorge Castro e do central Carlos puxeron por diante ao conxunto verdinegro. Pero, cando o partido estaba a piques de rematar o cadro rival aproveitou un desaxuste defensivo do Armenteira Veteranos para fixar o dous a dous final. Con este empate o equipo de O Leixo consolídase na zona media da táboa, na décima posición, á espera do partido que a próxima fin de semana o vai a medir ao Cafetería Pasaje, un conxunto que se sitúa no decimoséptimo posto con quince puntos.


venres, 11 de decembro de 2015

O Viajes Inter-Rías Villalonga, terceiro clasificado, visita o Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos recibe este sábado a partires das 16:15 horas ao Viajes Inter-Rías Vilallonga, un rival que está a facer unha excelente campaña e que ocupa o terceiro posto na clasificación. Ambos equipos son dous vellos coñecidos, xa que levan enfrontándose durante as últimas temporadas, aínda que nesta ocasión será nunha categoría superior, o grupo 4A. O conxunto verdinero parte coa esperanza de lograr unha vitoria que lle permita alonxarse dos postos perigosos e seguir consolidándose na zona media da táboa.


Dous partidos como locais e dous como visitantes agardan esta fin de semana aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base afrontan esta fin de semana unha nova xornada de liga, a penúltima no que queda de ano.

O primeiro en porse en marcha será o equipo benxamín, que recibe a partires das 11 horas do sábado, no campo de O Leixo, á U.S.D. de O Grove, un difícil rival que ocupa a quinta praza con 22 puntos. Valentín Estévez, o técnico local, acude a este encontro de novo moi mermado de efectivos, polo que a misión preséntase aínda máis compricada.

A continuación, a partires das 12 horas, e tamén no campo de O Leixo, será o momento do equipo alevín. A formación que comanda Jonathan Crespo recibe ao Barro C.F., un conxunto que ocupa a undécima posición con nove puntos. A pesares das importantes baixas que volverá a ter o equipo verdinero, agardan conseguir un novo triunfo para manterse na loita polos postos de cabeza.

Tamén o sábado ás 12 horas, pero no campo de As Cachizas, o equipo infantil rinde visita ao Unión Dena C.F. O cadro da vila do corazón do O Salnés atópase na quinta plaza, con vinte puntos, polo que as esixencias para os de Martín Casais volven a ser altas, aínda que acudirán co propósito que seguir coa liña de progresión das últimas xornadas.

Finalmente, o equipo cadete desprázase o domingo ata o Campo Municipal de Vilaxoán para medirse a partires das 10 horas ao C.D.Bamio, un cadro que está disputando os seus partidos como local neste escenario mentres non finalizan as obras de reforma e dotación de cèspede sintético do campo de San Xinés. O equipo vilagarciano está situado na última posición, con só un punto, pero o técnico verdinegro, Marcial Prado, non quere confianzas para volver a retomar a senda do triunfo, e poder ascender na táboa ata uns postos máis acordes coa calidade do plantel.


martes, 8 de decembro de 2015

O partido amigable entre o Cordeiro C.F. e o Armenteira C.F. estreita os lazos entre ambos clubes

O partido amigable que disputaron este martes no Campo Municipal de Valga os equipos de categoría alevín do Cordeiro C.F. e do Armenteira C.F., primeiro da historia entre ambos clubes, serviu para estreitar os lazos entre a entidade das terras do Ulla e a de O Salnés. O artífice deste encontro foi Jonathan Crespo, adestrador do equipo alevín do Armenteira C.F., natural do concello de Valga e que compaxina tamén o cargo de adestrador do equipo de categoría biberón do Cordeiro C.F., que foi quen tivo a feliz idea de organizar este encontro. O resultado final, de tres goles a catro a favor do conxunto verdinegro, con goles de Adri, por partida doble, de Zubo e dun xogador do equipo valgués en propia porta, foi unha anécdota maís dunha experiencia que tanto os xogador@s como os afeccionados que os acompañaron consideraron como moi positiva. A apertura esta fin de semana do recoñecido belén artesanal nas inmediacións das instalacións deportivas nas que se disputou o encontro permitiu que os membros da expedición do Armenteira C.F. puidesen contemplar esta singular e extraordinaria obra de arte.


domingo, 6 de decembro de 2015

O Cordeiro C.F e o Armenteira C.F. de categoría alevín mídense nun amigable o próximo martes

O próximo martes día 8 de decembro a partires das 12 horas, no campo Municipal de Valga, os equipos de categoría do Cordeiro C.F. e do Armenteira C.F. disputarán un partido amigable aproveitando o carácter festivo do día. O equipo valgúes, que ao contrario que o conxunto verdinegro non disfrutou de descanso ligueiro nesta fin de semana, compite no Primeira Autonómica Alevín, Grupo 2, da Delegación de Santiago de Compostela, no que ocupa o decimocuarto e último posto da clasificación con un punto, pero dado o nivel competitivo que soe caracterizar a este grupo e o bo traballo formativo que está a facer dende fai anos nesta entidade, preséntase coma un duro opoñente para o equipo do Armenteira C.F. O técnico visitante, para o que será un encontro emotivo, xa que é natural da localidade de Cordeiro e tamén exerce de adestrador do equipo de biberóns da entidade valguesa, ten previsto facer as pertinentes probas tácticas que un partido destas características permite, así como dar minutos a aqueles xogadores e xogadores do plantel que durante o que se leva disputado de liga non dispuxeron das oportunidades que dende o corpo técnico se lles desexaba dar.


O grupo local Los Vázquez retorna aos escenarios

Pasado máis dun ano dende a súa creación o grupo Los Vázquez volve aos escenarios da comarca de O Salnés, para deleite dos seus seguidores. Será o próximo luns día 7 de decembro a partires das 19 horas, en Silván, co motivo das festas que na honra de San Nicolau se celebran neste lugar a cabalo entre as parroquias de San Salvador de Meis e A Armenteira. O líder e vocalista do grupo musical de Couso, Manolo Vázquez, promocionaba estes días a través das redes sociais este retorno, agardando que sirva de empurrón a unha carreira musical comezada con éxito no verán do pasado ano, pero que quedou un tanto paralizada trala reestruturación interna feita nos últimos meses.


O Revel acolle un encontro de confraternidade entre os equipos de categoría benxamín do Vilalonga F.C. e do Armenteira C.F.

O campo de O Revel, en Vilalonga, foi o escenario dun partido amigable que serviu como acto de confraternidade entre os conxuntos de categoría alevín do Vilalonga F.C. e do Armenteira C.F. No encontro, ambos técnicos, os cambadeses Johan González e Valentín Estévez aproveitaron para facer as probas que normalmente os partidos non permiten e deron minutos a aqueles xogadores e xogadoras que menos oportunidades tiveron na competición de liga. No caso dos visitantes, o adestrador verdinegro fixo debutar coa camiseta do Armenteira C.F. a algúns rapaces de categoría biberón e benxamín que non dispoñen de licenza federativa e que tiveron así a súa primeira oportunidade para exercer coma xogadores de fútbol. Como era de agardar os nervos e a ilusión destes xogadores e dos familiares que os acompañaron saltaban á vista nas instalacións deportivas de Vilalonga. O resultado foi anecdótico, unha clara vitoria do conxunto local, pero o importante é que os nenos e nenos de ambas entidades puideron disfrutar dunha xornada de convivencia practicando o seu deporte favorito.


sábado, 5 de decembro de 2015

Meritorio empate do Armenteira Veteranos en Hío

O Armenteira Veteranos acadou na tarde do pasado sábado un meritorio empate a dous goles no encontro que disputou no Campo Javier Guimeráns de Hío, en Cangas do Morrazo, ante o Pumas-Café Latino. Foi un un partido no que o conxunto local tratou de levar o control do partido, amparado pola súa maior capacidade para ter o control do balón. O Pumas conseguiu adiantarse no marcador pero, un penalti provocado e transformado por Jorge Castro deu a igualada momentánea á escadra verdinegra e deixou cun xogador menos aos locais, aínda que, de seguido, o equipo cangués, tamén de penalti, volveu a poñerse por diante. De novo Jorge Castro, en xogada individual, puxo o dous a dous, resultado co que finalizaría a primeira parte e tamén sería o resultado final. Con este empate o Armenteira Veteranos continúa na duodécima plaza da clasificación, posto que agarda manter despois da visita o Viajes Inter-Rías Villalonga, un equipo que ocupa o terceiro lugar no grupo con once puntos máis ca o Armenteira Veteranos.


venres, 4 de decembro de 2015

Vilalonga F.C. e Armenteira C.F. disputan un amigable cos seus equipos de categoría benxamín en O Revel

O campo de O Revel, en Vilalonga, será o escenario no que este sábado, a partires das 11:30 horas se medirán o conxunto local de Vilalonga F.C. e o Armenteira C.F. Será unha oportunidade para que ambos técnicos, os cambadeses Johan González e Valentín Estévez, vaian completando a rodaxe dos seus planteis e fagan as probas que son máis difíciles de levar a cabo nos partidos de liga. No caso do equipo verdinegro, o adestrador aproveitará este evento para dar minutos a algúns xogadores de categoría prebenxamín e biberón que levan dende principio de temporada traballando co grupo e que agardan con ilusión esta cita. As boas relacións que unen a ambos clubes convertirán este encontro nunha xornada de convivencia e de disfrute da práctica deportiva a nivel formativo, que é o principal obxectivo co que parten ambos equipos.




O Armenteira Veteranos desprázase á parroquia canguesa de Hío para enfrontarse ao Pumas-Café Latino

O Armenteira Veteranos disputará este sábado, a partires das 16:15 horas, o partido correspondente á xornada 14 de liga do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra. O rival nesta ocasión será o Pumas-Café Latino, un conxunto no que a maior parte dos xogadores son de orixe latinoamericana, polo que sempre se caracterizou polo bo trato do balón e o seu carácter competitivo. O encontro terá lugar no Campo Javier Guimeráns, na parroquia Hío, en Cangas do Morrazo, onde xoga habitualmente os seus partidos o F.C. Cruceiro. O equipo cangués ocupa a sexta posición na táboa con vinteséis puntos, sete máis ca o Armenteira Veteranos, polo que se prevé que vai ser unha dura proba para os xogadores do equipo verdinegro.


O lugar de Silván celebra a partires deste domingo as festas de San Nicolao

O lugar de Silván celebra o domingo día 6 e o luns día 7 de decembro as súas tradicionais festas na honra de San Nicolao. As festas darán comezo o domingo mañá cunha alborada a cargo dunha banda de música que percorrerá os lugares do entorno. A continuación, ás 12 horas terá lugar a misa solemne na capela adicada ao santo motivo deste festexo, que será seguida dunha sesión vermouth coa actuación da mesma banda. Pola noite, a partires das 21:30 horas iniciarase a verbena a cargo das orquestras Marbella e Xacobeo. Xa no luns, haberá unha misa solemne a partires das 12:30 horas, seguida das poxas das ofrendas que para esta fin se fan ao santo e, pola noite, a partires das 21:30 actuarán a orquestra Jerusalén e o grupo La Noche. Dase a curiosidadade de que este lugar se atopa repartido entre as parroquias de San Salvador de Meis e A Armenteira, e os veciños de ámbalas dúas partes colaboran na Comisión que organiza estas feitas, que xa se converteron nun evento arraigado no panomara festivo do Concello de Meis, que soe congregar a xentes dos distintas zonas da comarca.




domingo, 29 de novembro de 2015

Actuacións aceptables aínda con fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. tiveron unha sorte desigual nos encontros disputados na xornada deste fin de semana, na que finalmente só o equipo alevín conseguiu saír vitorioso. O descanso das respectivas ligas na próxima fin de semana permitirá dar un respiro no intenso traballo que están a levar cada un dos conxuntos da entidade verdinegra.

O equipo benxamín caiu derrotado no encontro que o sábado disputou no campo de O Terrón, ante a E.F.B. Vilanova, que acabou vencendo á escadra que adestra Valentín Estévez por doce goles a cero. O conxunto de O Leixo segue demostrando que ten marxe de mellora e que vai cumprindo pouco a pouco os obxectivos cos que partiron a principio de temporada. Na próxima xornada, dentro de dúas semanas, terán que recbir a visita da U.S.D. de O Grove, un cadro que ocupa a quinta posición con vintedous puntos.

O equipo cadete recibía o sábado á E.D. Arousa S.D. B, un conxunto que deixou claro sobre o terreo de xogo de O Leixo que é hoxe en día unha das mellores escolas de formación en fútbol base da zona, e acabou vencendo por un gol a dous aos rapaces que nesta ocasión foron dirixidos por Víctor Saborido. O gol de Mathias, que adiantaba aos locais no marcador, foi insuficiente ante un rival que demostrou ter máis criterio no manexo do balón e que impuxo a súa calidade nos metros finais. Na vindeira xornada, dentro de dúas semanas, o equipo cadete debe desprazarse a terras vilagarcianas para medirse ao C.D. Bamio, actual colista do grupo.

O cadro alevín tivo un difícil encontro no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, O A.D. Arousa F-7 foi un digno rival para a formación que adestra Jonathan Crespo, mostrándose coma un conxunto serio e ordeado e con boas condicións físicas, a pesares de que ocupa provisionalmente a última praza na táboa. O desacerto no remate e a falta de claridade no toque fixeron que o sufrimento se fose estendendo entre os xogadores visitantes pero, un gol de Manu Meixús a dez minutos do final permitiulles levar os tres puntos e manterse na pugna polos postos altos da clasificación, Na vindeira xornada, o 12 de decembro, o equipo alevín recibe a visita do Barro C.F., que se atopa na undécima posición con nove puntos.

O último encontro da xornada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. disputouno unha vez máis o equipo infantil, que nesta ocasión recibía no campo de O Pombal, en Cambados, ao Portonovo S.D. B.  Os rapaces que dirixe Martín Casais están mostrando notables progresos, e xornada a xornada, vese que o acoplamento e o rigor táctico son cada vez maiores. Con todo, son moitos os aspectos a mellorar, como se volveu a manifestar no encontro deste domingo, no que o rival acabou plasmando a súa superioridade e vencendo aos verdinegros por un gol a seis. Os constantes desacertos do colexiado Gómez Cerqueiro fixeron aflorar as protestas nun encontro no que os locais tiveron ocasións para aumentar o marcador, pero só conseguiron materializar unha por mediación do dianteiro alevín Zubo. Na próxima xornada deberán visitar o campo de As Cachizas para enfrontarse ao Unión Dena C.F., un conxunto que ocupa a quinta plaza con vinte puntos.


sábado, 28 de novembro de 2015

Clara derrota do Armenteira Veteranos ante o Terras do Umia S.D.

O Armenteira Veteranos sufriu na tarde deste sábado unha clara derrota ante o líder do grupo 4A, o conxunto caldense do Terras do Umia S.D. Nun encontro no que os visitantes se puxeron con dous goles da vantaxe nos primeiros minutos do encontro os verdinegros trataron de plantar cara a un rival que demostrou que o posto que ocupa na táboa non é froito da casualidade. Rafa, dende longa distancia, como nos ten acostumados, e Galiñanes, aproveitando o exceso de confianza do porteiro caldense á hora de querer xogar o balón cos pés, anotaron os goles do Armenteira Veteranos, ata conformar o  resultado de dous a cinco co que concluiu o encontro. A liga non se deterá a pesares da ponte da próxima fin de semana, e o conxunto verdinegro deberá visitar a localidade de Cangas do Morrazo para medirse ao Pumas Café Latino, que ocupa o sexto posto na clasificación con sete puntos máis ca eles.

venres, 27 de novembro de 2015

O Armenteira Veteranos recibe a visita do líder do grupo, o Terras do Umia S.D.

O Armenteira Veteranos recibe este sábado, no campo de O Leixo,  a partires das 16:15 horas, ao Terras do Umia S.D. O cadro verdinegro leva dous triunfos consecutivos, que o acomodaron na zona tranquila da táboa, no décimo posto, con dezanove puntos, pero nesta ocasión terá un duro test ante o conxunto caldense, que se atopa no primeiro lugar e que sufriu unha soa derrota no que levamos de temporada. O conxunto local non poderá contar con Portas nin con Moncho, por acumulación de tarxetas, polo que se verá resentido na parcela defensiva.


Dous partidos como locais e dous como visitantes agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan nesta fin de semana partidos nos que xogarán coma locais, caso do equipo cadete e do equipo infantil, ou coma visitantes, coma no caso do equipo benxamín e do equipo alevín.

O equipo benxamín visita o campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse o sábado a partires das 10:30 horas á E.F.B. Vilanova. A formación que dirixe Valentín Estévez acude moi mermada a terras arousanas, aínda que irán coa ilusión de competir ante un rival que ocupa a décimosegunda plaza na clasificación con doce puntos.

O equipo cadete recibe o sábado a partires das 11:30 horas ao E.D. Arousa S.D. B. O cadro vilagarciano ocupa a sexta posición, con doce puntos, cinco máis que os pupilos de Marcial Prado que, nesta ocasión non poderá sentarse no banquillo local por motivos profesionais. Os problemas físicos dalgún dos xogadores verdinegros son a principal preocupación do equipo cadete, que agarda sumar unha nova vitoria despois do triunfo da pasada fin de semana no amigable ante o A.D. Arousa F-7.

O equipo alevín visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde debe enfrontarse o sábado a partires das 12 horas ao A.D. Arousa F-7, un conxunto que se atopa no derradeiro lugar da clasificación,con cero puntos, pero que nas últimas xornadas está dando síntomas de recuperación, polo que seguramente vai plantexar dificultades ao cadro que dirixe Jonathan Crespo, que nesta ocasión tampouco poderá contar con todos os seus efectivos. A derrota do C. Xuventú Sanxenxo ante o C. Xuventude Cambados no partido adiantado á xornada do venres ofrece a posibilidade aos verdinegros de igualar aos de Baltar de Arriba no caso de acadar a vitoria en terras vilagarcianas.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas ao Portonovo S.D. B. Será, como ven sendo habitual esta temporada neste equipo no campo de O Pombal, en Cambados, un escenario que decidiu acoller ao Armenteira C.F. infantil e no que cada vez se está a sentir máis a gusto. A esixencia do rival, que se atopa na novena posición da táboa con doce puntos, non aplaca os ánimos dos rapaces que adestra Martín Casais, que comezan a dar notables mostras de mellora, como se demostrou a semana pasada en A Illa de Arousa ante o Céltiga F.C., ao que chegaron a plantar cara e ante o que conseguiron chegar ao descanso co resultado igualado a cero goles.

domingo, 22 de novembro de 2015

O equipo cadete, único conxunto do fútbol base do Armenteira C.F. que saiu vitorioso nesta fin de semana

O equipo cadete foi o único dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que logrou a vitoria  nos encontros disputados nesta fin de semana, nunha xornada intensa en canto a encontros se refire.

O equipo alevín tiña un duro compromiso ante o Atlético Cuntis, un conxunto que tamén se atopa na parte alta da táboa, ante o que finalmente caiu superado por un gol a dous. Os xogador@s que dirixe Jonathan Crespo volveron a saíron faltos de intensidade, e, aos catro minutos de partido, os visitantes xa se impoñían por cero goles a dous. A superioridade física do rival foi un duro obstáculo que os verdinegros non puideron esquivar, e a reacción que tiveron na segunda metade, na que Manu Meixús conseguiu colocar dentro das mallas un balón que recibiu na área, non foi suficiente para sacar un resultado positivo. Na vindeira xornada o conxunto alevín visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao A.D. Arousa Fútbol-7, último clasificado do grupo con cero puntos.

O equipo benxamín tampouco acadou un resultado positivo nesta ocasión, na que foi derrotado polo C.D. Portas por cero goles a dezaséis. Os rapaces que adestra Valentín Estévez volveron a mostrar o seu carácter batallador, pero as limitacións tácticas e a falta de experiencia do plantel, provocaron unha nova derrota. A próxima xornada deberán desprazarse ao campo de O Terrón para medirse á E,F,B, Vilanova, un equipo que ocupa duodécima posición con doce puntos.

Outro conxunto que tampouco conseguiu puntuar foi o equipo infantil. O cadro que dirixe Martín Casais fixo un encontro aceptable, posiblemente o mellor no que levamos de temporada, no partido que disputo no campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ante o Céltiga F.C. A orde táctica e a seriedade defensiva que amosou o equipo fixeron que chegasen ao descanso co resultado de cero a cero. Pero, na segunda metade, os fallos de concentración, a relaxación da orde táctica e os problemas físicos de varios xogadores provocaron que o rival acabase impoñendo a súa maior pegada. Na próxima xornada o conxunto verdinegro debe recibir no campo de O Pombal ao Portonovo S.D. B, un cadro que se atopa na novena plaza con doce puntos.

Finalmente, o equipo cadete, ao que a retirada da competición do conxunto cadete do C.D. Mosteiro obrigou a descansar nesta fin de semana, aproveitou para disputar un encontro amigable para seguir afinando a forma. Foi ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa Fútbol-7, co cal comparte grupo, e o técnico verdinegro, Marcial Prado, puido facer as probas que un partido destas características permite. O resultado final foi de dous goles a un favor do Armenteira C.F., con tantos de Alberto e Mathias. O próximo fin de semana recibirán no campo de O Leixo ao E.D. Arousa S,D. B, un equipo que se atopa no sexto posto con doce puntos, cinco maís que os xogadores verdinegros.












sábado, 21 de novembro de 2015

Triunfo contundente do Armenteira Veteranos ante o Samieira

O Armenteira Veteranos logrou unha clara vitoria no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. O conxunto verdinegro, que nesta ocasión vestiu de celeste, debido á súa condición de visitante nesta xornada, logrou impoñerse por catro goles a cero ao Samieira C.F. Veteranos. Pero non se tratou dun partido fácil para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, xa que non estiveron atinados no dominio do balón e permitiron que o rival tivese o control do centro do campo durante bastantes fases do primeiro período. O gol de chilena de Manueliño nos últimos intres do primeiro tempo, e os de Rafa, Alfonso e Jorge Castro no segundo período significaron a segunda vitoria consecutiva para o conxunto meisino, que se afianza na zona cómoda da táboa, á espera de recibir na próxima xornada ao ata este momento líder, o Terras do Umia.

venres, 20 de novembro de 2015

Novo partido de rivalidade para o Armenteira Veteranos na xornada desta fin de semana

O Armenteira Veteranos ten na xornada desta fin de semana, a duodécima no que vai de liga, a un novo conxunto veciño, o Samieira C.F. Veteranos. Para evitar a coincidiencia co gran clásico do fútbol español, o Real Madrid - F.C. Barcelona, ambos conxuntos víronse obrigados a trasladar o horario do encontro ata as 16 horas e o escenario, que será no campo de O Leixo, e non en A Reiboa, onde disputa habitualmente os seus partidos o cadro do concello de Poio. Este feito pode supoñer unha vantaxe para o equipo verdinegro, máis adaptado ás irregularidades do terreo de xogo do campo, pero os xogadores que capitanea José Luís Galiñanes queren fuxir de favoritismos ante un rival que ocupa a penúltima plaza na clasificación con dous puntos, pero que non porá as cousas fáciles aos locais.


Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan unha intensa xornada de fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen nesta fin de semana unha xornada intensa, na que os equipos alevín, benxamín e infantil disputarán os seus correspondentes partidos de liga, mentres que o equipo cadete terá un partido amigable para seguir completando a súa rodaxe.

O equipo alevín recibirá a partires das 11 horas do sábado ao Atlético Cuntis no campo de O Leixo. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que contará de novo con baixas significativas, recibe a un rival que se atopa na terceira posición da táboa con só un punto máis ca os verdinegros, polo que, de superalos, aseguraranse finalizar a xornada como mínimo no cuarto posto.

O equipo benxamín recibe a continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 12 horas ao C.D. Portas. O conxunto das terras do Umia ocupa o décimo posto na clasificación, con doce puntos, polo que se supón que será un difícil obstáculo a superar para a escadra dirixida por Valentín Estévez, a cal comeza a dar pequenos pasos no proyecto de formación co que partiu esta temporada.

O equipo infantil visita na mañá do domingo o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, onde a partires das 11 horas debe medirse ao Céltiga F.C. Os rapaces do cadro verdinegro, con Martín Casais á fronte, parten coma vítimas ante un rival que ocupa a décima posición na táboa con nove puntos. pero, os síntomas de mellora que están a mostrar nas últimas xornadas parecen dar esperanzas de deixar unha boa imaxe nas terras da Arousa.

Finalmente, o equipo cadete, que esta fin de semana debe descansar de novo a causa da retirada do rival ao que debía enfrontarse nesta xornada, o C.D. Mosteiro, disputará na mañá do domingo, a partires das 11:30 horas, un partido amigable ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa F-7, un conxunto que forma parte do seu mesmo grupo de liga e que tampouco ten competición nesta fin de semana. Os rapaces que adestra Marcial Prado, queren seguir coa rodaxe que lle impediu levar a cabo a accidentada pretemporada que sufriron e tratarán de sacar un resultado positivo despois da dolorosa derrota sufrida ante a S.D. Chispa na última xornada que disputaron, nun partido no que o técnico local aproveitará para realizar as probas propias dun partido amigable.


domingo, 15 de novembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. conclúen a oitava xornada con tres derrotas

A oitava xornada de liga non deparou uns resultados demasiado afortunados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Infantís, alevíns e benxamín saíron derrotados dos seus respectivos encontros.

O equipo benxamín sufriu unha nova derrota na súa visita ao campo de As Lombas, onde caiu derrotado por oito goles a un polo Catoira S.D. O conxunto que comandan Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue dando pequenos pasos no seu proxecto de formación, que pouco a pouco se van plasmando nos terreos de xogo. Como nota positiva destaca o primeiro gol que anotaron esta temporada, que foi obra de Brais Santamaría. Na vindeira xornada recibirán a visita do C.D, Portas, un rival que se atopa na décima posición da táboa con doce puntos.

O equipo alevín tiña unha dura proba no campo Manuel Jiménez, en Vilagarcía de Arousa, Alí medíase ao Arousa S.C. O cadro que dirixe Jonathan Crespo saiu a competir sen a intensidade suficiente ante un rival que moveu o balón con máis criterio e mostrou maior fluidez no xogo. O gol de Fran nos minutos finais da primeira parte e o de Mosteiro na segunda metade engadiron emoción a un encontro no que, a ocasión desperdiciada por Zubo cando o resultado reflectía un tres a dous para os locais, fixo  que os verdinegros perdesen a oportunidade de sacar un resultado positivo da súa visita a terras vilagarcianas e acabasen sendo vencidos por catro goles a dous. Na próxima xornada reciben ao Atlético Cuntis, un equipo que ocupa o terceiro posto na clasificación con só un punto máis que o Armenteira C.F.

O cadro infantil recibía na mañá do domingo ao C. Xuventú Sanxenxo. Os rapaces que dirixe Martín Casais fixeron un partido aceptable, pero de novo os falta de contundencia en defensa e a relaxación nas marcaxes fixeron que o rival impuxese a súa maior pegada en ataque e acabase derrotando aos locais por cero goles a dez. O debut de Diego Núñez na portería, realizando algunha parada de mérito, supuxo unha das notas significativas do encontro. Para a vindeira fin de semana o conxunto infantil debe desprazarse ata A Illa de Arousa para enfrontarse ao Céltiga F.C., un equipo que ocupa a décima posición con nove puntos.


sábado, 14 de novembro de 2015

Merecida vitoria do Armenteira Veteranos ante o Dorrón C.F.

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado unha vitoria merecida ante o equipo veciño do Dorrón Veteranos. Nun campo de O Leixo cun ambiente favorable para a práctica do fútbol debido á agradable climatoloxía e a boa entrada que presentaba, o conxunto local saiu moi motivado dende o inicio do encontro, mostrando gran intensidade en cada unha das accións e levando as rendas durante a maior parte do tempo. Os goles de Galiñanes na primeira metade e de Alfonso dende unha distancia superior a vinte metros na segunda, supuxeron unha bagaxe suficiente para afrontar con relativa tranquilidade a parte final do partido. A expulsión de Javi por dobre amarela a cinco minutos da finalización non inquietou aos verdinegros que, con este triunfo, se consolidan na zona media da táboa. A vindeira fin de semana visitan o campo de A Reiboa, en Poio, para medirse a outro equipo veciño, o Samieira C.F. Veteranos.


venres, 13 de novembro de 2015

Partido de rivalidade para o Armenteira Veteranos na undécima xornada de liga

O Armenteira Veteranos afronta na xornada desta fin de semana un partido de máxima rivalidade, xa que se mide ao Dorrón C.F. Veteranos. Se ven é certo que a competencia entre estas dúas escadras se reduciu nos últimos tempos, a proximidade entre as dúas localidades, a escasa distancia que separa os campos de fútbol destes equipos e o feito de que varios xogadores se coñezan entre eles, fai deste encontro un novo clásico do fútbol veterano da comarca. O partido comezará o sábado a partires das 16:30 horas, nun campo de O Leixo no que prevé rexistrar una aceptable afluencia de afeccionados. O cadro visitante está realizando un bo inicio de campaña, ocupando o cuarto posto na clasificación, con 22 puntos, fronte ao undécimo, con trece puntos, do conxunto verdinegro, pero, a pesares do previsible favoritismo dos granates, os locais intentarán levarse un novo triunfo que lles permita subir chanzos da táboa.


Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan con ilusión a oitava xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontar a xornada de liga desta fin de semana, a oitava na que vai de liga, con ilusión de acadar uns resultados favorables. Serán tres os equipos que saian a escea, o benxamín, o alevín e o infantil, xa que o equipo cadete verase obrigado a descansar pola retirada do Marín C.F., o rival que lle correspondía nesta xornada.

O equipo benxamín viaxa a terras viquingas para enfrontar no campo de As Lombas, a partires das 10:30 horas do sábado ao Catoira S.D. O cadro que dirixe Valentín Estévez agarda ter maior fortuna nesta ocasión e lograr sumar os primeiros puntos na temporada ante un rival que se atopa na súa mesma situación.

O conxunto alevín desprázase ata Vilagarcía de Arousa, onde, a partires das 11 horas do sábado se vai enfrontar ao Arosa S.C. O equipo arlequinado ocupa a oitava posición, a só tres puntos dos verdineros, polo que a vitoria dos de Jonathan Crespo é vital para que poder seguir nos primeiros postos da táboa. A baixa, unha vez máis, de Migui e os problemas físicos de Xoán son as principais preocupacións do técnico valgués, que volve a atoparse xusto de efectivos na parcela defensiva.

Finalmente, o cadro infantil recibe no seu feudo do O Pombal, en Cambados, ao Club Xuventú Sanxenxo o domingo a partires das 11:30 horas.

O conxunto amarelo ocupa a novena posición, con nove puntos, polo que se presume como un difícil contricante para os rapaces que adestra Martín Casais, que ademais conta para este envite coas baixas do meta Santi e do centrocampista Raúl.



domingo, 8 de novembro de 2015

Nova vitoria do equipo benxamín e derrota dos demais equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A séptima xornada de liga trouxo unha nova vitoria para o equipo alevín, que segue pelexando na parte alta da táboa, e as derrotas dos equipos cadete, benxamín e infantil, aínda que por resultados non demasiado abultados.

O equipo cadete non tivo moita fortuna na súa visita ao campo de Monte Redondo, en Corón, onde o sábado caiu derrotado por dous goles a cero ante á S.D. Chispa. Os xogadores que adestra Marcial Prado, que contaban coa importante baixa de Villa, foron superados por un rival que demostrou ter unha calidade superior á que reflicte a súa situación na táboa. A retirada de varios equipos do grupo da competición fará que o cadro cadete non teña partidos de liga durante as próximas dúas fins de semana.

O equipo benxamín disputaba o sábado o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro. Nun encontro no que os pupilos de Valentín Estévez intentaron poñer a súa máxima intensidade o equipo da capital do concello de Meis acabou impoñendo a súa maior experiencia, cun resultado de cero goles a trece. O conxunto verdinegro vai facendo fronte pouco a pouco ás limitacións coas que partiu a inicios de temporada e comeza a dar mostras de progresión. Para a vindeira fin de semana os rapaces do equipo benxamín desprazaranse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Catoira S.D.

O que si volveu a lograr a vitoria foi o equipo alevín. O cadro dirixido por Jonathan Crespo recibía a un duro rival, o Unión Dena C.F., que tamén se atopa loitando por ocupar os postos altos da clasificación. O equipo verdinegro axiña se puxo con vantaxe no marcador, cos goles de Manu Meixús e Zubo, e con este rédito tivo que facer fronte ás acometidas do conxunto rival, que puxeron a proba en varias ocasións o sistema defensivo e a seguridade do gardamallas Sergio. Xa na segunda metade de novo Zubo, que se está a convertir na principal arma ofensiva do equipo, e Adri, deron unha cómoda vantaxe de catro goles a cero aos locais, que se viu maquillada con dous goles do Unión Dena, un deles de penalti, nos minutos finais. Con este triunfo a formación alevín sitúase no terceiro posto da táboa, empatado a puntos co C. Xuventude Cambados, que ocupa o segundo lugar. Na próxima fin de semana deben rendir visita a outro difícil rival, o Arosa S.C., que se atopa na oitava posición a tres puntos do Armenteira C.F..

O cadro infantil rendía visita na mañá do domingo ao campo de As Lombas en Catoira. Nun encontro no que os de Martín Casais tiveron varias aproximacións á área rival, o Catoira S.D. acabou impoñendo a súa contundencia en ataque e venceu por seis goles a cero aos visitantes, con cinco tantos de Daniel Vidal. As baixas de última hora coas que contou o adestrador verdinegro lastraron aínda máis a un conxunto que mostra serias limitacións dende o inicio de temporada. Na vindeira fin de semana terán que recibir ao Xuventú Sanxenxo, un rival que volverá a ser un duro test para uns xogadores que pouco a pouco queren plasmar sobre o terreo de xogo o bo traballo que se está a facer nos adestramentos.




sábado, 7 de novembro de 2015

O A Diario Multitienda derrota con claridade ao Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos sufriu na tarde do pasado sábado unha clara derrota no encontro que disputou no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o A Diario Multitienda. O conxunto verdinegro viu como o seu rival se adiantaba no marcador, pero, Rafa, cun tiro dende fóra da área que tocou nun rival lograba igualar o encontro. Pero un gol de penalti pouco antes de finalizar a primeira parte e outro nun despiste na marcaxe tras un balón colgado á area decantaron o partido para o conxunto local, que aínda acadaría un tanto máis, ata conformar o catro a un final. O A Diario Multitienda mostrouse superior principalmente no que se refire ao ritmo de xogo e na contundencia en ataque, que o acreditan como un dos favoritos ao ascenso de categoría. A pesares da derrota o Armenteira Veteranos mantense no undécimo posto da clasificación. A vindeira semana recibirá a visita dun conxunto veciño, o Dorrón C.F. Veteranos, nun encontro que se prevé de gran intensidade.

venres, 6 de novembro de 2015

Difícil saída para o Armenteira Veteranos nesta fin de semana

O Armenteira Veteranos viaxa nesta fin de semana ata Vilagarcía de Arousa, onde, o sábado a partires das 16 horas, no campo Manuel Jiménez, se enfronta ao A Diario Multitienda. O cadro vilagarciano ocupa a terceira praza na clasificación, con vinte puntos, sete máis có conxunto verdinegro, e será un rival moi esixente para a formación que capitanea José Luis Galiñanes. Na pasada temporada ambas escadras compartiron categoría no grupo 4B, e o conxunto de O Leixo non conseguiu superar en ningún dos dous encontros aos vilagarcianos, finalizando cun empate o partido disputado en Vilagarcía e con triunfo visitante o disputado en A Armenteira. Nesta ocasión, nunha nova categoría, tras o ascenso acadado por ambos clubes, o Armenteira Veteranos ten esperanzas de vencer por fin a este rival.



Intensa xornada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana será intensa para os equipos do Armenteira C.F. Os catro equipos enfróntanse a rivais con distintas aspiracións segundo os casos.

O primeiro equipo en comezar a xornada será o equipo cadete, que se despraza ata Corón para enfrontarse o sábado a partires das 10.30 horas á S.D. Chispa coa arbitraxe de Agustín Ramos Nogueira. O conxunto vilanovés ocupa o undécimo posto na clasificación con tres puntos, pero non será un contricante fácil para os xogadores que adestra Marcial Prado.

A continuación será a quenda do conxunto benxamín, que recibe no campo de O Leixo ao C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas, no que será un novo derbi municipal entre equipos dos dous clubes con fútbol base no concello de Meis. O bloque que dirixe Valentín Estévez agarda conseguir os primeiros puntos da temporada ante un equipo rival que ocupa o décimoquinto posto na táboa con tres puntos. Para esta ocasión o técnico verdinegro parece que vai poder contar con todos os seus efectivos.

O equipo alevín recibe a partires das 12 horas no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. Os rapaces que comanda Jonathan Crespo están mostrando un bo nivel no que levamos de temporada e agardan poder mantelo ante un rival que ocupa a terceira praza na clasificación cun punto máis có conxunto verdinegro. O triunfo da pasada semana ante o Xuventú Sanxenxo contribuiu a aumentar os ánimos dun equipo que seguirá contando coa importante baixa de Migui en defensa.

Finalmente, o equipo infantil desprázase o domingo ata o campo de As Lombas, onde, a partires das 11 horas, se vai medir á S.D. Catoira. Os rapaces que adestra Martín Casais aínda non lograron puntuar no que levamos de temporada, e teñen a esperanza de poder conseguilo ante un rival que se atopa no décimo quinto posto da clasificación con tres puntos.


domingo, 1 de novembro de 2015

Importantes triunfos dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. obtiveron na xornada de liga desta fin de semana, a sexta no que vai de competición, importantes triunfos ante rivais compricados que se atopaban na zona alta das súas respectivas táboas clasificatorias. Con todo, non todos os equipos puideron puntuar nesta xornada.

O equipo alevín visitaba o campo de Baltar de Arriba, para medirse ao Xuventú Sanxenxo, un cadro que estaba a realizar un gran inicio de campaña e que se atopaba no segundo posto da clasificación. Os discípulos de Jonathan Pérez xogaron un partido serio en defensa e foron resolutivos en ataque, onde, unha vez máis, destacou a figura de Zubo. O dianteiro chinés volveu a dar mostras da súa punta de velocidade e da súa calidade na definición e foi o autor dos tres tantos do conxunto verdinegro, co que segue situándose entre os máximos artilleiros da clasificación. Con este triunfo o conxunto alevín suma xa doce puntos no seu casilleiro e consolídase na parte alta da clasificación. Na próxima fin de semana reciben a visita doutro dífícil rival, o Unión Dena C.F. que tamén se atopa na pugna por ocupar a parte alta da táboa.

Outro equipo do Armenteira C.F. que acadou un importante triunfo foi o equipo cadete, que se impuxo ao C.D. Ribadumia por un gol a cero cun tanto de Marcos Acha nos últimos intres do encontro. A formación que dirixe Marcial Prado realizou un partido completo tanto en defensa como en ataque e dispuxo de ocasións para lograr unha vantaxe aínda maior. O gol do triunfo deixou desconcertado ao equipo rival, que acudía ao campo de O Leixo no terceiro posto da táboa, o que fixo que algúns dos seus xogadores se comportasen de maneira antideportiva, tanto co colexiado como coas instalacións, o que motivou as queixas dos afeccionados e da Xunta Directiva do Armenteira C.F., que viron con asombro como golpeaban as portas do vestiario visitante. Na vindeira xornada o cadro verdinegro acudirá a Corón para enfrontarse no campo de Monte Redondo á S.D. Chispa, agardando manter a racha positiva das últimas semanas.

O que non tivo tanta sorte foi o cadro benxamín. As moitas dificultades ás que se está enfrontando este conxunto volveron a porse en evidencia no campo de As Cachizas, en Dena, onde foron derrotados por vinteún goles a cero polo conxunto local. Dende o corpo técnico son conscientes das limitacións deste grupo de xogadores e xogadoras, pero resaltan que se está a dar unha pequena progresión a nivel de efectivos e a nivel táctico e técnico, nun conxunto no que a inexperiencia dos seus compoñentes é a nota significativa. Na vindeira semana o equipo benxamín recibirá a visita do C.D. Mosteiro, no que será un novo derbi entre os dous clubes con fútbol base do concello de Meis.

O equipo infantil recibía este domingo no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, á S.D. Noalla. Os rapaces que dirixe Martín Casais realizaron unha primeira parte aceptable, dando mostras de seguridade en defensa e con varias aproximacións á área rival. Nunha delas, Mori, tras un barullo, logrou o único tanto local. Pero, un gol da S.D. Noalla ao fío do descanso supuxo un mazazo moral para os compoñentes do cadro verdinegro, do cal xa non se repuxeron, o que fixo que o rival se volcase en ataque e acabase derrotándoos por un gol a dez. Na próxima fin de semana visitarán o campo de as As Lombas para medirse á S.D. Catoira, un equipo que tamén se atopa na parte baixa da clasificación.




sábado, 31 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos consigue a cuarta vitoria da temporada ante o Santomé

O Armenteira Veteranos venceu por dous goles a un ao Santomé na novena xornada de liga da temporada 2015/2016. O cadro verdinegro foi claro dominador do encontro, e os marinenses non inquietaron en demasiadas ocasións a meta defendida, unha vez máis, por Joserra. Os goles de Rafa e Víctor puxeron cunha vantaxe holgada aos locais, pero a expulsión de Manueliño a falta de trinta minutos para o final, e unha pena máxina transformada polo Santomé no minuto noventa fixeron que o nerviosismo cundise entre os xogadores verdinegros na recta final do encontro. Con este triunfo o Armenteira Veteranos consolídase na zona media da táboa, á espera de visitar na próxima xornada ao A Diario Multitienda, o equipo vilagarciano que ocupa a terceira posición.


venres, 30 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos, a retomar a senda do triunfo ante o Santomé

O Armenteira Veteranos agarda reencontrarse coa vitoria no encontro que este sábado, a partires das 17 horas, vai disputar ante o Santomé. O cadro marinense atópase na décimoterceira posición na táboa cun punto menos que o conxunto local, e está demostrando nas últimas xornadas ser un equipo con gran seguridade defensiva, o que, sumado ás dificultades de definición en ataque do grupo que capitanea José Luís Galiñanes, pode dar como resultado un encontro equilibrado e con poucos goles.


Difíciles rivais para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A sexta xornada de liga da temporada 2015/2016 preséntase con rivais compricados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., que agardan poder dar de novo alegrías aos seus afeccionados.

O primeiro en poñerse en marcha será o encontro que o equipo alevín dispute a partires das 10 horas no campo de Baltar de Arriba ante o Xuventú Sanxenxo. O equipo amarelo ocupa a segunda posición na táboa, con doce puntos, fronte á sexta que ocupan a formación que dirixe Jonathan Crespo, con nove puntos no casilleiro, co que, de lograr a vitoria nesta xornada, igualarían a puntuación do seu contricante. Para este partido o conxunto verdinegro conta con baixas sensibles, e algúns dos xogadores normalmente titulares acuden con problemas físicos. Con todo, teñen a esperanza de seguir coa coa marcha que están levando nesta campaña.

O segundo conxunto do Armenteira C.F. en comezar o seu encontro será a formación de categoría cadete. O grupo que adestra Marcial Prado recibe a partires das 11:30 ao C.D. Ribadumia. O cadro aurinegro está a realizar un gran inicio de temporada e ocupa a terceira posición na táboa, polo que será un rival de máxima esixencia para o conxunto local, o cal parece comezar a remontar o seu mal arranque e tratará de responder ás expectativas que o potencial do grupo e calidade de moitos dos seus xogadores fan que se teñan postas neles.

A continuación será o turno do equipo de categoría benxamín. O conxunto que comanda o cambadés Valentín Estévez segue progresando lentamente na súa labor de formación dun grupo de xogadores e xogadoras con escasa experiencia e coas dificultades de acoplamento lóxicas nun conxunto no que practicamente todos os seus efectivos non xogaran nunca xuntos. Nesta ocasión o cadro verdinegro visita o campo de As Cachizas, para enfrontarse a a partires das 12:15 horas ao Unión Dena C.F., un rival que está un posto por enriba deles na clasificación e que tamén conta con cero puntos no seu casilleiro. O técnico verdinegro parece que vai poder contar con todo o seu plantel, incluídas as fichaxes realizadas nas últimas semanas.

O domingo a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, disputará o seu encontro o equipo de categoría infantil. O bloque que dirixe Martín Casais recibe á S.D. Noalla, un equipo que se sitúa na duodécima posición no cadro clasificatorio e que, de seguro, será un rival compricado para os rapaces do clube verdinegro. As boas sensacións que están mostrando nas últimas xornadas agardan ser refrendadas no partido deste domingo, para dar unha satisfacción ao nutrido grupo de afeccionados que normalmente acuden a velos ao campo de O Pombal.

martes, 27 de outubro de 2015

A ANPA do CEIP de Armenteira denuncia o estado de abandono ao que está sometido o colexio

A ANPA do CEIP de Armenteira leva denunciando nas últimas semanas o estado de abandono no que se atopa o colexio desta parroquia. Entre as numerosas deficiencias ás que fan mención están que unha parte do aleiro do tellado está rota e son frecuentes as caídas de pedazos de tellas, o que obriga a ter valada unha zona que percorre a parte posterior do centro e evitar así que os nenos e nenas poidan resultar danados; que o falso teito do interior presunta numerosas roturas; que algúns baños están atascados e non poden ser utilizados; que non dispoñen de gasóleo para calefacción ou que precisan material informático, debido a que o roubo de varios aparatos deixounos con graves carencias deste tipo de medios. Asimesmo, denuncian que non poden utilizar con normalidade a local social de A Armenteira, xa que esta instalación pública está a ser utilizada como albergue de peregrinos, co que se restrinxe o seu uso para as reunións dos veciños da parroquia, feito que consideran de enorme gravidade. Por iso apelan a que as administracións competentes tomen cartas no asunto e se poñan mans á obra para solucionar estes problemas. A reunión que os representantes da ANPA tiveron esta semana co alcalde de Meis pareceu resultar infructuosa, polo que aseguran que seguirán coas medidas de presión, e para elo din contar co apoio dos veciños e doutras organizacións representativas da parroquia, que tamén se sinten agraviadas polo trato que se lles está a dar dende o Concello, como son o caso da Comisión de Festas "O Noso" ou o Armenteira Club de Fútbol, que ameazan con levar a cabo mobilizacións conxuntas se non se atenden as súas demandas.



domingo, 25 de outubro de 2015

Cara e cruz para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na quinta xornada de liga

A quintta xornada de liga da temporada 2015/2016 trouxo unha fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A cara foi para os equipos alevín e cadete, mentres que a cruz foi para os equipos benxamín e infantil.

O equipo alevín disputaba na xornada do sábado o agardado derbi municipal, fronte ao C.D. Mosteiro. Foi un encontro plácido para os discípulos de Jonathan Crespo, que axiña xe puxeron cunha cómoda vantaxe no marcador, feito que foi aproveitado polo técnico valgués para facer probaturas e dar minutos aos xogador@s que menos participaron no que levamos de temporada. O resultado final foi dez goles a cero, con tantos de Manu Meixús e Zubo, ambos por partida triple, e de Xoán, Junior, Íñigo e Hugo. Para Junior e Hugo era un partido especial, xa que nas anteriores temporadas vestiron a elástica do outro conxunto con equipos de categorías base do concello de Meis. Con este triunfo o cadro verdinegro sitúase no sexto posto da clasificación, posto que esperan mellorar na visita que na vindeira fin de semana realizarán ao campo dun duro rival, o Xuventú Sanxenxo, que se atopa tamén na pugna por ocupar os postos altos da táboa.

Pola súa parte, o cadro benxamín recibía ao Vilalonga F.C. Os rapaces e rapazas que comanda Valentín Estévez seguen mostrando unha lixeira progresión en aspectos tácticos e técnicos, que o verdadeiro obxectivo co que partiu este grupo, aínda que a nivel de resultados a fortuna non está a acompañalos e o encontro acabou cunha abultada derrota por cero goles a vinte. Na xornada da próxima fin de semana os nen@s da formación verdinegra visitarán a localidade veciña de Dena para medirse ao Unión Dena.

O conxunto cadete desprazouse nesta xornada ao campo de As Cachizas, onde o recibía o Unión Dena. Os xogadores que dirixe Marcial Prado parece que comezan a cumprir coas expectativas e venceron con comodidade ao seu contricante por un gol a seis. Alberto e Villa, ambos en dúas ocasións, e Mathias e o meañés Roberto foron os autores dos tantos. Na vindeira semana terán unha dura proba, xa que reciben a visita do C.D. Ribadumia, un equipo que ocupa o terceiro posto na táboa e que, a priori, parece ser un dos favoritos a loitar polo ascenso.

Finalmente, o equipo infantil visitaba nesta xornada o campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, para medirse á S.D. Amanecer. O cadro que dirixe Martín Casais segue a dar mostras da súa progresión a progresión táctica. Nesta ocasión caíron derrotados por catro goles a un, nun encontro no que o adestrador visitante volveu a dispoñer unha defensa de cinco xogadores, con Santi baixo os paus, e no que os rapaces do conxunto verdinegro chegaron con perigo á área rival en varias ocasións. O gol foi obra de Diego, despois dunha xogada na que foi obxecto de penalti por parte dun xogador rival. Na xornada da próxima fin de semana o equipo infantil recibirá a visita da S.D. Noalla no seu feudo do campo de O Pombal, e agardan poder ter a oportunidade de estrear o seu casilleiro de puntos.




sábado, 24 de outubro de 2015

Derrota pola mínima do Armenteira Veteranos ante o Cobres-Carpintería Boubeta

O Armenteira C.F. sufriu na tarde deste sábado, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), unha derrota por un gol a cero. Foi unha derrota que resultou especialmente dolorosa para a formación que capitanea José Luis Galiñanes, xa que o conxunto verdinegro realizou un bo partido, e o gol local produciuse a dez minutos para o final, despois dunha controvertida decisión arbitral. O Armenteira Veteranos, que contaba con algunha baixa significativa, deu unha boa imaxe neste encontro, ante un rival que demostrou ter un bo dominio do balón, pero no que os visitantes se mostraron ben plantados no campo e dispuxeron de ocasións para poder traer algún resultado positivo da súa visita a terras de O Morrazo. Na próxima xornada agardan recuperar o terreo perdido coas derrotas das dúas últimas xornadas cun triunfo ante o cadro marinense do Santomé.


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. rinden homenaxe a Xaquín Charlín "Chon"


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. tamén quixeron sumarse, antes dos seus partidos da mañá do sábado, á onda de homenaxes que está recibindo Xaquín Charlín "Chon". "Chon", que faleceu esta semana despois dunha grave enfermidade, foi unhas das figuras públicas máis coñecidas na vila de Cambados e na comarca de O Salnés. Funcionario xudicial, moi implicado nas actividades culturais da vila do albariño, especialmente grazas á súa labor á fronte da comparsa Unha Grande Chea, desenvolveu ademais unha importante labor como sindicalista na CIGA e tamén viviu un breve período como concelleiro do BNG no concello de Cambados, posto do que tivo que dimitir tras unha publicación relacionada coa vicepresidenta do Goberno Soraya Saénz de Santamaría. Foi un home que estivo moi vinculado ao deporte, participando nas tarefas directivas de clubes como o C. Xuventude Cambados, o Xuven de Baloncesto ou o Clube Atletismo Cambados. Pero a súa relación co Armenteira C.F. viña da estreita amizade que mantiña con Valentín Estévez, técnico do conxunto benxamín da entidade verdinegra, e do apoio que sempre prestou ás demandas de mellora das instalacións deportivas para o Armenteira C.F., ás que axudou a dar repercusión coas publicacións do seu blog A ti meu Cambados. A esta homenaxe uniuse o equipo benxamín do Vilalonga F.C., co seu adestrador á fronte, o tamén cambadés e veciño de Triana, coma "Chon", Johan González.


venres, 23 de outubro de 2015

O Cobres-Carpintería Boubeta, próxima proba para o Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos visita nesta fin de semana as terras do concello de Vilaboa, onde a partires das 18 horas se medirá, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres, ao Cobres-Carpintería Boubeta. Ambas escadras contan con dez puntos no casilleiro, aínda que a diferenza de goles fai que os de O Morrazo ocupen a décima posición, fronte á undécima dos meisinos. Os xogadores verdinegros acuden a este encontro con gañas de sacarse o mal sabor de boca da derrota da fin de semana pasada ante o Castrelo C.F.


Partidos de rivalidade para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana vai deparar partidos intensos e de gran rivalidade, en algún dos casos, para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Por enriba de todos, o encontro que se presume máis intenso, é o que enfronta ao conxunto alevín co C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas. A formación que dirixe Jonathan Crespo, que conta coa sensible baixa de Migui, ocupa o séptimo posto na clasificación, con seis puntos, e recibe a un equipo veciño que se atopa na undécima posición cun único punto. O derby do municipio de Meis será un partido especial para algún dos membros do plantel verdinegro, que nos últimos anos vestiron a elástica do que mañá será o seu rival. Unha das principais preocupacións do corpo técnico do Armenteira C.F. é o estado do terreo de xogo do campo de fútbol de O Leixo, xa que a previsión de chuvias fai prever que as condicións para a práctica do fútbol non sexan nada favorables.

A continuación, no mesmo escenario, e tamén coa arbitraxe de Martínez Castro, enfrontarase o equipo benxamín e o Vilalonga F.C a partires das 12 horas. O bo traballo que está realizando con este grupo de rapaces o corpo técnico que dirixe Valentín Estévez parece que comeza a verse no terreo de xogo, aínda que para esta ocasión o míster cambadés tampouco poderá contar con todos os seus efectivos, posto que á segura baixa de Andrés na zaga parece que vai sumárselle algunha outra. A pesares do claro favoritismo do conxunto vilalongués,que ocupa o duodécimo posto na táboa, os rapaces e rapazas do equipo verdinegro están dispostos a pelexar pola vitoria.

Tamén na xornada matinal do sábado será a quenda do equipo cadete. O bloque ao mando de Marcial Prado disputará no campo de As Cachizas, na localidade veciña de Dena, o seu encontro ante o Unión Dena C,F. a partires das 12 horas.  Dase a curiosidade de que ambos conxuntos comparten a undécima posición empatados a puntos e coa golaveraxe igualada. O equipo verdinegro está realizando un inicio de temporada decepcionante tendo en conta o potencial co que conta, pero agardan poder remontar a situación e respostar ás expectativas que a Xunta Directiva e a afección ten postas neles.

Na xornada do domingo, o conxunto infantil, desprazarase a San Vicente de O Grove, onde, a partires das 11:30 horas vai medirse á S.D. Amanecer. A escadra que dirixe Martín Casais, que a medida que avanza a temporada vai mostrando mellores sensacións, agarda seguir coa súa progresión e intentará sacar un resultado positivo da súa visita a terras mecas.

Nesta xornada, os distintos equipos do Armenteira C.F. rendirán unha sentida homenaxe a Xaquín "Chon" Charlín, o sindicalista e activista social e cultural cambadés falecido esta semana, amigo persoal do técnico Valentín Estévez, sempre mostrou o seu apoio ás demandas de mellora das instalacións deportivas do clube verdinegro. Dende o seu blog A ti meu Cambados fixo chegar estas reivindicacións aos seus numerosos seguidores, polo que dende a familia do Armenteira C.F. queren agradecerlle todo o seu esforzo,


domingo, 18 de outubro de 2015

Dúas derrotas, balance da xornada da fin de semana para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A pesares de que só dous dos seus equipos disputaban os seus encontros, ningún deles conseguiu sumar puntos no seu casilleiro.

O primeiro en disputar o seu encontro foi conxunto alevín, que se desprazou ata Vilanova de Arousa para xogar contra o E.F.B. Vilanova. Tras un mal comezo, no que os vilanoveses se situaron cunha vantaxe de dous goles, o equipo de Jonathan Crespo conseguiu reaccionar na segunda metade e logrou igualar o marcador a tres goles, cos tantos acadados por Zubo, en dúas ocasións, e Adri, e incluso dispuxeron de oportunidades para sentenciar o partido. Pero, un gol nun golpe franco a falta dun minuto para o final, decantou a balanza do lado do cadro local e supuxo unha cruel derrota para os rapaces do conxunto verdinegro. Na vindeira xornada o equipo alevín do Armenteira C.F. agarda resarcirse das derrotas das dúas últimas xornada no derbi do municipio de Meis fronte ao C.D. Mosteiro.

O equipo infantil tiña unha dura proba ante o Atlético Cuntis, unha das escadras máis potentes do grupo e que aspira a lograr o ascenso. O adestrador local, Martín Casais, plantexou un partido cun cambio de esquema, no que primaba a seguridade defensiva, dispoñendo unha liña de cinco defensas que, xunto co debut de Santi na portaría e de Mori como xogador de campo, se sumaban á lista de novidades que o Armenteira C.F. infantil presentaba no campo do O Pombal. Estes cambios fixeron que o equipo verdinegro dese unha imaxe de maior aplomo no campo e seguridade defensiva, pero, a falta de contundencia no corte e a descoordinación nas tarefas de contención, condenadon aos rapaces do conxunto local a unha clara derrota por cero goles a quince. Na vindeira xornada, os pupilos de Martín Casais teñen que visitar o campo de As Lampáns, para enfrontarse á S.D. Amanecer, e teñen a esperanza de que as boas sensacións deste último encontro se consoliden, aínda que dende o corpo técnico e o grupo de xogadores son conscientes de que os seus avances non deben ser medidos principalmente en resultados.