Buscar neste blog

domingo, 31 de decembro de 2017

Un ano de eventos e éxitos deportivos

No ámbito deportivo o ano 2018 non foi menos intenso. O Armenteira C.F. continuou coa súa progresión, medrando en número de licenzas e participando nas principais competicións a nivel provincial e autonómico. Destacaron os éxitos deportivos acadados polo equipo alevín durante a temporada 2016/2017, co subcampionato de liga na segunda fase da Segunda autonómica alevín, ou co campionato na fase de consolación no Torneo C.D. Ribadumia, dous logros históricos e tremendamente meritorios para un clube tan humilde e modesto como o Armenteira C.F. O clube de O Leixo consolidou tamén a súa aposta polo fútbol feminino, co segundo proxecto do equipo sénior feminino, reforzado e cunha mellora e un salto de calidade cada vez máis notable, como se está demostrando no inicio da temporada 2017/2018. A creación dun equipo xuvenil, froito dun acordo cunha entidade veciña, o Umia C.F., é outro dos desafío que afronta o clube que preside Martín Casais, que na actualidade con cinco equipos participando nas competicións organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol. Nestas competicións tamén particicipou o Armenteira Veteranos, que segue mantendo o tipo na Segunda Galicia de Veteranos, cunha das mellores xeracións de futbolistas que deu a parroquia e coa figura de Jorge Castro como goleador e gran referencia do equipo. 

En canto a eventos deportivos o Armenteira C.F. seguiu promocionando o deporte con torneos como os celebrados durante as festas de verán, o Trofeo San Ero e o Trofeo Divina Pastora, pero sobresaiu sobre todo a I COPA ARMENTEIRA. Torneo Concello de Meis, unha competición de categoría sénior feminina, na modalidade de fútbol-7, que acadou un notable éxito de organización e de público e que nesta primeira edición tivo como gañador á S.D. Noalla. Emotiva foi a celebración do I Memorial Chicho, un acto a través do cal o Armenteira Veteranos lembrou a Javier Martínez "Chicho", falecido en novembro de 2016, e ao que os seus compañeiros de equipo e todas as persoas que o coñecían xamais esquecerán.

Noutras disciplinas deportivas a actividade tampouco cesou. O campo de golf Monte Castrove sufriu un relevo na súa xerencia, o que supuxo un impulso e unha revitalización da entidade, como se demostrou coa realización de varios torneos e co achegamento deste deporte aos colexios de Galicia. No mundo do ciclismo Armenteiraepunto non deixou de rodar polas estradas da comarca, ou incluso doutras partes de Galicia ou España. As xestas de Monso Villanueva serviron para captar aínda máis adeptos a esta modalidade que cada día ten máis éxito. Éxito tamén ten as actividades organizadas polo TECOR Armenteira, tanto nos montes da parroquias como nas batidas que teñen lugar en outras zonas. O paixón por este deporte e o bo ambiente sempre reinan este grupo de cazadores, que non dubidan en demostralo cando colgan a escopeta ao lombo ou cando sentan nunha mesa para compartir experiencias.



Ningún comentario:

Publicar un comentario