Buscar neste blog

mércores, 27 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. anuncia o salto á competición dun equipo sénior para a próxima temporada

O equipo sénior do Armenteira C.F. que sairá á competición na temporada 2018/2019 comeza a dar os primeiros pasos. Tras a preceptiva inscrición no rexistro da Real Federación Galega de Fútbol, que se fixo oficial estes días, o clube verdinegro, prepara xa o deseño dun plantel que, a pesares da modestia e a humildade que sempre caractizan á entidade, partirá con importantes ambicións. Un acordo coa Federación outorgará ao Armenteira C.F. a condición de clube federativo, o que lle permitirá disfrutar dunha serie de vantaxes e privilexios respecto doutros clubes, entre os cales estará o apoio administrativo, político pero tamén económico da institución que preside o ribadumiense Rafael Louzán e que permitirá que as instalacións que utiliza habitualmente o Armenteira C.F. sufran unha mellora substancial durante os próximos anos. Ao apoio institucional súmase o de varias e destacadas casas comerciais que se encargarán de facer unha notable aportación económica para impulsar este novo proxecto  Entre esas empresas estarán algunhas das que xa veñen colaborando coa entidade nos últimos anos, como é o caso dun dos máis coñecidos negocios de ocio nocturno que existe no concello de Meis e que se postula como o principal patrocinador do equipo. Con estas cuantiosas aportacións a Xunta Directiva que encabeza Martín Casais ten decidido realizar un forte investimento no plantel de xogadores. A loita polo ascenso de categoría será xa  o obxectivo na primeira temporada, e, para elo, os futbolistas contarán cunha asignación económica mensual que sirva para motivalos e para atraer a aqueles máis cotizados no mercado futbolístico local. Como sinala un dirixente da entidade “o proxecto do equipo sénior será a culminación a duros anos de traballo no fútbol base. A creación dun equipo sénior feminino na temporada 2016/2017, dun equipo xuvenil na temporada 2017/2018, non eran máis que os pasos previos á volta á competición dun equipo sénior do Armenteira C.F. nove anos despois. A próxima temporada volveremos ver a camisola verdinegra polos campos da Terceira Galicia, pero as nosas miras están postas en que nun horizonte non moi lonxano poidamos estar competindo na Terceira División”. Son varios os nomes que soan para formar parte do plantel. A intención dos dirixentes do clube é contar con algúns dos compoñentes do actual equipo xuvenil, para potenciar desta maneira o traballo de canteira, aínda que tamén se fala dalgún futbolista que milita no Armenteira Veteranos ou dalgunha fichaxe de renome que esta temporada está competindo en categorías dun nivel superior ao da Terceira Galicia. O nome do inquilino do banquillo segue sendo unha incógnita. Jonathan Crespo, un home da casa, ligado dende fai varias temporadas ao clube figura en moitas quinielas. O mesmo ocorre con Valentín Estévez "Tilín", actual responsable do equipo xuvenil, ao que ao mesmo tempo parece reservarse o papel de capitán e enlace entre a dirección deportiva, o corpo técnico e o plantel de xogadores, na que sería a última etapa como futbolista do de San Tomé antes de colgar definitivamente as botas. "Dende que comezaron a saír os primeiros rumores e despois cando a prensa se encargou de difundir a noticia é normal que xurdisen as especulacións. Agora que o anuncio é oficial temos que tantear o mercado, ter contactos formais e planificar seriamente o proxecto. Tendo en conta as condicións coas que partimos resultará difícil que se poidan resistir ás ofertas que o Armenteira C.F. lles vaia realizar" afirmou o dirixente da entidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario