Buscar neste blog

domingo, 31 de decembro de 2017

Un ano de polémicas e reivindicacións satisfeitas

O 2017 foi un ano cargado de acontecementos a nivel político para a parroquia de A Armenteira. Volveu estar marcado polas aparicións na parroquia do presidente do Goberno Mariano Rajoy, que, aínda que de maneira máis esporádica que en anos anterios, deixouse ver nas camiñatas habituais pola Ruta da Pedra e da Auga, finalizando co tradicional almorzo no entorno do mosteiro cisterciense. Neste ámbito tiveron tamén importancia o remate das obras do albergue de peregrinos, na pranta baixa da Casa de Cultura, e o amaño dun perigoso barranco nunha curva de entrada ao lugar de Silván ou do asfalto da curva do lugar de A Lomba, nas proximidades da autovía do Salnés, dúas demandas veciñais que supoñían un serio perigo para a seguridade viaria. A polémica en torno á licenza de concesión do bar situado na Ruta da Pedra e da Auga, con acusacións nos plenos municipais e denuncias xudiciais, que afectaron incluso ao grupo de goberno do Partido Popular e ao propio alcalde José Luis Pérez Estévez, foi outro dos temas máis candentes durante o ano. Polémica tampouco faltou coa reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense. A esixencia de veciños e visitantes de establecer unhas novas normas de circulación e estacionamento na zona foi atendida pola Deputación Provincial de Pontevedra, aínda que as decisións adoptadas non acabaron de convencer a todos, especialmente a prohibición de estacionamento na praza de Vilar, a que se localiza entre os dous locais de hostalaría. Este lugar e este entorno foron ademais obxecto de queixas debido ao descoido e á falta de atención e limpeza por parte das autoridades políticas, que chegou a ser especialmente grave nos meses de verán, presisamente cando a afluencia de visitantes era maior. A petición de sinaturas para traer unha ITV móbil para vehículos agrícolas por parte de Daniel Otero ou o amaño do parque infantil que se atopa nas proximidades do colexio público foron outras noticias deste ámbito que ocuparon as conversas das xentes durante 2017.



Ningún comentario:

Publicar un comentario