O ano 2018 foi un ano agridoce, con luces e sombras, para o deporte en A Armenteira. O clube ciclista Armenteira e Punto, de novo con José Ramón Villanueva "Monso" á cabeza, continuou emprendendo iniciativas que destacaron pola súa orixinalidade. As expedicións a lugares emblemáticos da contorna como a cima do monte Castrove ou outros cumios destacados volveron centrar as actividades dun clube de ciclismo e montañismo que viviu unha reestruturación este verán que ten unha das súas principais apostas na escola de formación a través da que promove este deporte entre as novas xeracións. Especial protagonismo mediático recibiron os diversos actos organizados polo club de golf Chan do Fento. Torneos, exhibicións e campionatos, moitos deles cun claro matiz solidario, desenvolvéronse nunhas instalacións que exclusivas e son as máis destacadas neste deporte na comarca de Arousa-Salnés. Tamén foi un ano difícil para o Tecor de Armenteira. A escaseza de pezas dalgunhas especies, especialmente coellos, afectados polas epidemias e as modificacións no ecosistema forestal a causa do progresivo abandono do campo, marcaron un ano para a sociedade que preside Juan Millán. As asociacións ecuestres tiveron neste ano unha actividade intensa. Rutas cabalares por diversos lugares da contorna ou a participación na Rapa das Bestas de A Escusa foron algunhas das actividades máis destacadas que ocuparon aos amantes do mundo do cabalo en A Armenteira. No referente ao fútbol o Armenteira Veteranos tivo que afrontar un ano de retos e numerosas adversidades. A redución do plantel de xogadores e a ausencia dalgúns dos seus futbolistas máis determinantes, como é o caso do seu gran goleador Jorge Castro, lastraron ao clube que preside José Luis Galiñanes. A temporada 2018/2019 estase presentando particularmente compricada, sobre todo tras coñecerse o alcance da lesión de Óscar Portas, pero o equipo confía en ir recuperando efectivos e afrontar a recta final da campaña nunhas condicións máis favorables. Para o Armenteira C.F. foi un ano de contrastes. Na temporada 2018/2019 logrou acadar o cénit, o cumio no que a número de equipos e licenzas federativas se refire, feito que se viu refrendado co subcampionato nas categorías alevín e xuvenil na Copa Deputación Provincial de Pontevedra. Pero a controvertida marcha do adestrador Luis Barral cara o Umia C.F. e actuación dun grupo de persoas que, movidas por caprichos e intereses particulares, levaron o clube ao borde da disolución, deixou ao Armenteira C.F. reducido á mínima expresión. O equipo infantil, rematado de configurar grazas a un acordo de colaboración a nivel municipal co C.D. Mosteiro, e dirixido na temporada 2018/2019 por Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, converteuse no único equipo de formación e na bandeira do fútbol base da entidade verdinegra. Na categoría sénior, o equipo feminino pasou de competir na modalidade de fútbol-11 a facelo na de fútbol-7 na temporada en curso, unha nova experiencia para o clube e para o grupo de rapazas que seguen adestrando Marcial Prado e Júnior Tirado. Na organización de eventos, sobre todo de carácter deportivo, o selo do Armenteira C.F. segueu sendo indiscutible e dando que falar. Os medios de comunicación fixéronse eco da celebración da II Copa Armenteira, o torneo de fútbol feminino, do que nesta edición resultou gañadora a S.D. Puentearnelas, e do partido polo respecto, a irmandade e a tolerancia que uniu aos conxuntos de categoría infantil do Barro C.F. e do Armenteira C.F. no campo Municipal de Meis no pasado mes de setembro. Gran atención mediática recibiu o xesto de Valentín Estévez "Tilín" adestrador do equipo xuvenil da entidade verdinegra, que ordenou aos seus xogadores que se anotasen un gol en propia meta no partido fronte ao San Martín C.F. no campo de A Bouza, en Barrantes. Esta decisión supuxo unha renuncia ao triunfo no encontro, que remataría con empate a dous tantos. pero supuxo un exemplo de enorme deportividade que fixo que Tilín fose reclamado por xornais e emisoras tanto a nivel comarcal como a nivel galego.
Buscar neste blog
luns, 31 de decembro de 2018
Un ano cunha axenda completa en canto a eventos
O ano 2018 foi especialmente completo en canto a eventos se refire. Actos festivos, culturais ou educativos desenvolvéronse ao longo dos doce meses. O ano abríase coa celebración das festividades na honra de San Antonio Abad, o 17 e 18 de xaneiro. A misa, a procesión, a música, as poxas e os foguetes tomaron os arredores da pequena capela situada no lugar de San Amedio. As festas máis concorridas foron de novo as festas de Semana Santa. Condicionadas polas adversidades meteorolóxicas a festa da xuventude, a romaría das Cabezas ou a festa na honra da Virxe dos Dolores conseguiron congregar, a pesares de todo, a un importante número de persoas que plantou cara ao frío e á choiva para cumprir coa tradición e visitar A Armenteira nos seus días máis grandes. Xa a finais de abril e principios de maio volveu a celebrarse nos lugares de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi a festa na hora de San Xosé Obreiro. Coma sempre foron uns días sinalados para as xentes desta parte da parroquia, que este ano optaron por celebralo conxuntamente cun gran banquete no campo da festa de Cabeza de Boi, co porquiño á grella como prato estrela. En agosto e setembro tiveron lugar as festas de verán, na honra de San Ero e a Divina Pastora, marcadas nesta ocasión por un feito lutuoso, o falecemento de Manuel Torres, propietario do Bar Restaurante A´Fonte, unha das persoas máis coñecidas e recoñecidas da parroquia. Con todo, a Comisión de Festas O´Noso preocupouse un ano máis porque os veciños e veciñas da parroquia puidesen despedir o verán de maneira festiva. A festa de San Nicolau, en Silván, pechou o panorama de festas en A Armenteira. As poxas e unha espectacular tirada de foguetes marcaron unha celebración que tivo nas misas e nas verbenas con algunhas das orquestras de máis renome de Galicia as súas citas principais. Neste ámbito sobresaíron tamén a organizaciñon de xantares de confrateridade, en especial nas datas de Nadal, como foi o caso do pincho navideño do Armenteira C.F., que este ano tivo lugar no campo de O Leixo, ou da cea que se celebrou no interior do Café Bar O´Comercio, promovida por segundo ano consecutivo polo seu xerente Javier Gil. No aspecto estrictamente cultural, a igrexa do mosteiro cisterciense convertiuse en escenario dalgúns concertos. A beleza arquitectónica e as cualidades acústicas desta edificación serviron de atractivo para que asociacións culturais e a Concellería de Cultura do Concello de Meis participasen na organización dun tipo de eventos que de seguro veremos como se repiten ao longo do 2019. No ámbito educativo o C.E.I.P. de Armenteira continou coa súa eloxiosa labor. A escaseza de rapaces na parroquia ou a decisión dalgúns pais e nais de matricular os seus nenos e nenas en colexios doutras localidades mantén nunha loita titánica á dirección do centro. Actividades de todo tipo, repartidas ao longo do ano, que mesturan os aspectos formativo e educativo con outros máis lúdicos, e que tratan de achegar esta institución ás xentes e ás tradicións de A Armenteira, fan máis digno e meritorio o traballo deste grupo de docentes. O Entroido, a recolleita de cultivos, as saídas fóra do centro, o magosto, os cantares de Reis e os diversos festivais e actos que organizan axudan a manter vivo un referente no que está depositado ademais o futuro da parroquia.
Un ano con protagonismo nos medios de comunicación
No ano 2018 as cámaras fotográficas ou de televisión dos distintos medios de comunicación deron un especial protagonismo a A Armenteira. Os acontecementos que tiveron lugar na parroquia foron obxecto de seguimento por parte de xornais, canles de televisión, emisoras de radio ou internet, o que provocou que o nome de A Armenteira se pasease con relativa frecuencia polos titulares informativos. Foi o que ocorreu coa asemblea que a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira realizou no mes de marzo, na que conmemoraba un ano de existencia e na que aproveitou para dar conta das súas actividades e expoñer os seus proxectos á veciñanza e para atender as demandas que plantexaron as persoas que asistiron. No mes de abril unha expedición organizada polo Armenteira C.F., coa colaboración da asociación veciñal, desprazouse ata o Plató 1.000, en Montouto, no concello de Teo, para participar no exitoso programa da CRTVG Land Rober Tunai Show. Dous anos levaban agardando por esta oportunidade, que permitiu que os asistentes, xentes da parroquia e dos arredores, puideran vivir unha experiencia inesquecible. A participación en programas televisivos continou coa expedición, novamente organizada polo Armenteira C.F. e a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, ao programa Bamboleo da CRTVG, no mes de xullo, curiosamente o último que ata o momento tivo á fronte ao mítico presentador Xosé Manuel Piñeiro. Neste campo tamén tiveron unha repercusión importante iniciativa como a que levou a cabo a comunidade de monxas cistercienses, que permitiu que algunhas persoas puidesen experimentar unha estancia no medio da rigorosa e pouco coñecida vida mocanal. Particular atención recibiron os sucesos. As intensas choivas, contabilizadas pola estación meteorolóxica situada no entorno do campo da festa, estiveron presentes en varias noticias. Tamén o estiveron os sucesos de carácter desgraciado, como os ocorridos no traxecto da Ruta da Pedra e da Auga. Accidentes de sendeiristas e ciclistas precisaron a intervención dos equipos de emerxencias, que levaron a cabo rescates que a a díficil orografía do territorio fixeron especialmente compricados nalgún dos casos. As alertas tamén se activaron coa desaparición de mascotas, cans sobre todo, que mobilizaron á poboación na súa busca e que afortunadamente case todas contaron cun final feliz. O constante aumento do número de visitantes, moitos deles de nacionalidade estranxeira, que fan parada en A Armenteira no seu percorrido pola Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiado de Compostela, contribuiu a darlle á parroquia, especialmente ao entorno do mosteiro cisterciense, un aire cosmopolita que vai mudando pouco a pouco a imaxe tradicional que se tiña de A Armenteira.
Unha lenta progresión para as actividades económicas durante 2018
No ano 2018 foi de lenta progresións para as distintas actividades económicas en A Armenteira. Aparte daquelas que están pendentes das decisións xudiciais, caso do bar da Ruta da Pedra e da Auga, o resto das iniciativas empresariais levadas a cabo na parroquia continuaron a progresión de anos anteriores. O agro, o monte, a hostalería e o turismo volveron ser un principais sectores económicos con base en A Armenteira. Co aumento do número de visitantes as empresas relacionadas con estes ámbitos seguiron xerando beneficios, que en boa parte se quedaron na parroquia. Non ocorreu o mesmo co establecemento de maior envergadura dos que existen en A Armenteira, a Pousada, que segue sen poñer en funcionamento todos os servizos que tiña proxectados e rexistrou unha ocupación a medias, sendo especialmente elevada durante os meses de verán. No caso da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte foron varias as actividades que se emprenderon. A sociedade que preside Serafín Melón dirixiu os seus esforzos á replantación de especies arbóreas, á xestión de axudas e subvencións e ao proxecto de creación dunha área recreativa e de esparcemento nas proximidades do campo de fútbol de O Leixo. Particular protagonismo tiveron neste ámbito as mulleres, sempre na vangarda do mundo empresarial na parroquia, caso de Teresa Martín á fronte de A Peneira Tapería Rural ou de A Horta de San Ero, na que puxeron os seus ollos os responsables do programa da CRTVG Cos pés na terra, que emitiron no mes de maio un programa no que a súa xerente María Carramal e todo o amplo abano de cultivos cos que traballa foron os grandes protagonistas. A vista para o reducido aínda que consolidado sector empresarial de A Armenteira está posta agora no ano 2021, que volverá ser Ano Xacobeo, co que se estima que a afluencia de visitantes se incremente notablemente e con elo as distintas posibilidades de negocio.
Un ano de relativa estabilidade
O ano 2018 foi para A Armenteira un ano de relativa estabilidade a nivel político. Ben é certo que os cambios e as convulsións que se produciron a nivel de Estado tiveron as súas repercusións na parroquia, principalmente na presenza de Mariano Rajoy camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga e almorzando nos establecementos de hostalaría do entorno do mosteiro cisterciense. O político pontevedrés comezaba o ano deixándose ver pola súa rúa favorita, aínda que esta presenza viuse condicionada polo triunfo da moción de censura que provocou un cambio de goberno a inicios do mes de xullo. Dende entón, as novas ocupacións laborais de Mariano Rajoy mantivérono máis alonxado de A Armenteira e as súas aparicións tiveron un carácter esporádico. Outro dos temas que ocuparon a actualidade política na parroquia durante o 2018 foi todo o relacionado coa polémica concesión da licenza do bar situado nas proximidades da Aldea Labrega, no primeiro treito da Ruta da Pedra e da Auga. Co asunto en mans da xustiza e coa ameaza de derrubamento, o local permaneceu pechado ao tempo que as autoridades políticas municipais anunciaban a procura dunha solución conciliadora que permitise manter aberto o establecemento. Neste ámbito tamén tiveron cabida as reivindicacións veciñais, que en xeral non conseguiron ser atendidas na súa totalidade ao longo destes doce meses. Cuestións como a ampliación do cemiterio ou a reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense, coa construción dunha zona de aparcamento, apenas sufriron avances e continuarán no caixón das institucións públicas correspondes á espera de que se promovan as medidas necesarias e que tanto demanda a poboación. Tampouco houbo progresos en temas como a dotación dunha rede wifi na Casa de Cultura e no entorno do adro do mosteiro. Si foi reparado o cruceiro situado á entrada do lugar de Castiñeira, cuxa imaxe torcida xa se convertera en icónica. No mes de xullo foi colocado de novo, desta volta limpado e enderezado. A polémica tamén a celebración da festa dos maiores, un acto que o grupo de grupo que dirixe José Luis Pérez Estévez decidiu retomar tras anos de suspensión a causas das dificultades económicas polas que pasaba o Concello, e que volveu ter a A Armenteira como escenario. O carácter improvisado do evento, celebrado no mes de outubro, e as denuncias por parte dos grupos da oposición respecto do uso electoralista do mesmo marcaron un acto que reuniu a máis de duascentas persoas no campo da festa. A recta final do ano, ao igual que ocorrerá con boa parte do 2019, estivo marcado polo comezo dos movementos das distintas agrupacións políticas de cara ás eleccións municipais que terán lugar o próximo mes de maio. A redución do número de actas de concelleiro a elixir, que pasarán de 13 a 11, provocada polo descenso demográfico do municipio, condicionarán un proceso no que parece que A Armenteira vai ter un especial protagonismo.
domingo, 30 de decembro de 2018
A cea de Nadal do Café Bar O´Comercio reúne a máis de medio centenar de persoas
Como toda familia que se precie o Café Bar O´Comercio organizou este sábado, 29 de decembro, unha cea de Nadal á que estaba convidada toda a súa clientela. Por segundo ano consecutivo o emblemático establecemento realiza un evento deste tipo, co que pretende xuntar nunhas datas tan especiais a todas aquelas persoas que habitualmente se deixan ver polo local. Javier Gil, que dende fai ano e medio rexenta o bar, pretende recuperar o espíritu cercano e familiar que sempre caracterizou a un establecemento que conta con case un século de historia e que sempre foi un dos principais centros de reunión e convivencia da parroquia e dos arredores. O empresario caldense configurou un variado e completo menú que fixo as delicias dos asistentes, unhas sesenta persoas que se congregaron no interior do local, cifra lixeiramente superior á do pasado ano, o que demostra que se trata dunha idea con gran aceptación entre unha clientela e uns veciños e veciñas que soen responder de forma positiva a este tipo de eventos. Foi unha xornada de duro traballo para o equipo de cociña e o servizo do Café Bar O´Comercio. Ana Rey, Serafín Melón, Ainhoa Flores e o propio Javier Gil atendendo as mesas tiveron unha noite axetreada, pero que sen dúbida se viu recompensada co agradecemento e a fidelidade dunha clientela continou disfrutando da festa ata altas horas da madrugada. Xentes de practicamente todos os lugares de A Armenteira, e incluso dalgunhas parroquias e concellos próximos, compartiron en torno a unha boa mesa uns momentos de conversa nos que o protagonismo correspondeu ás anécdotas e cuestións persoais, pero na non faltou o repaso da actualidade política, económica, social ou deportiva que sempre atopa o seu espazo en celebracións como a deste sábado.
venres, 28 de decembro de 2018
O novo partido independente de A Armenteira prepara a súa presentación de cara ás eleccións municipais
Son tempos de gran furor político en A Armenteira. Dende fai uns meses vense especulando coa formación dunha candidatura independente na que terían un papel importante xentes da parroquia. Pero o certo é que nada está confirmado e isto deu marxe de maniobra a outros movementos políticos que teñen a vista posta nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio. Entre elas está unha plataforma que se vai constituír en partido político e que ten como principal novidade que estará integrada exclusivamente por persoas naturais ou residentes en A Armenteira. Arriba Armenteira é o nome da formación que contará nas súas filas con destacadas personalidades do mundo social, cultural e deportivo da parroquia. Incluso non descartan que personaxes que se vencellaban a outras candidaturas, unha vez coñecido o atractivo do proxecto, se acaben sumando ao partido. De feito, parece que algún deles xa se puxo en contacto con Arriba Armenteira para ofrecer os seus servizos e o dun amplo grupo de colaboradores. Segundo indica un dos dirixentes, que non quixo desvelar a súa identidade, aínda que segundo nos informou, se dará a coñecer proximamente nun acto público no que non faltarán todo tipo de detalles para os asistentes, esta formación política nace coa intención de "situar a A Armenteira o máis arriba posible". En canto aos motivos que levaron á posta en marcha deste proxecto afirma que "non podemos permitir que nos sigan ninguneando. Somos unha parroquia que foi decisiva nos últimos resultados electorais, pero, en cambio, non nos tiveron en conta á hora de gobernar nin de realizar investimentos". Sobre a liña ideolóxica do partido indica que "non temos unha ideoloxía definida, o único interese que nos move é a defensa dos intereses da veciñanza". Entre as principais propostas que recollerá o seu programa electoral indica que estará a creación dunha subsede do Concello en A Armenteira. "Temos locais que reúnen as condicións idóneas para albergar este espazo. No interior do mosteiro cisterciense hai un local que por lei nos corresponde aos veciños e veciñas. Sería un lugar ideal para estes fins". Outra das ideas que propoñen é a reconcialiación entre as organizacións que se encargan de celebrar as festas de verán. "Imos conseguir que a misa e a verbena de San Ero e a Pastora teñan lugar no mesmo día. É un paso decisivo para lograr a unidade entre as xentes da parroquia". Unha das principais preocupacións da veciñanza é a situación da concentración parcelaria. Neste aspecto a súa posición é evidente. "Se antes das eleccións non hai ningún avance no tema da parcelaria, nós mesmos nos encargaremos de levar a cabo o proceso. Instalaremos un stand informativo na parroquia e poremos en marcha un servizo de atención telefónica activo durante as 24 horas para resolver as dúbidas que as persoas poidan ter neste sentido". Respecto da ampliación do cemiterio afirma "se existen trabas para amplialo na actual ubicación promoveremos a construción de pequenos camposantos en cada unha das aldeas da parroquia e, desta maneira, as xentes aforrarán custos e tempo de desprazamento para visitar aos seus seres queridos". A falta de saneamento é outra das preocupacións que existen en A Armenteira. "Contrataremos unha multinacional para que coloque televisión por cable e fibra óptica nas canalizacións que utilizará o saneamento. Na cota que pagaremos irá incluída a financiación da rede de sumidoiros". Finalmente, en relación coas infraestruturas deportivas a súa postura é inequívoca. "Haberá un gran complexo deportivo parroquial. Obrigaremos á empresa que constrúe o acuapark de San Vicente a que compense a A Armenteira cunhas instalacións que conteñan un campo de céspede artificial, un circuito BTT, un centro ecuestre, un pavillón e unha clínica de podoloxía para atención de sendeiristas". Preguntado pola polémica que sempre rodea o desenvolvemento das votacións na mesa electoral de A Armenteira foi claro. "Non temos especial simpatía polo voto condicionado nin polo carrexo de votantes, aínda que se outras formacións recurren a elo dispoñemos dunhas papeletas decoradas para que resulten inconfundibles para os electores e dunha flota de vehículos lista para a ocasión". Para rematar non se esqueceu de convidar a todos os veciños e veciñas ao acto de presentación da candidatura que terá lugar esta fin de semana nas inmediacións do adro do mosteiro cisterciense. "Agardamos que nos acompañe unha boa parte da parroquia. Ofreceremos unha gran variedade de pinchos en abundancia e tampouco faltará un bo viño do país. Hai xente coa que sabemos que non imos contar, tampouco nos importa, podemos prescindir da súa aportación, pero queremos xuntar un grupo numeroso de persoas. Unha fotografía con multitudes, aparte de ser esteticamente máis agradable, é a mellor demostración de forza que podemos dar ao mundo para constatar que A Armenteira existe", sentenciou para finalizar.
xoves, 27 de decembro de 2018
Rafa Louzán, unha fichaxe de luxo para o Armenteira Veteranos
Fai tempo que se leva falando da noticia, pero ata agora só era un rumor. Despois duns meses de negociación o Armenteira Veteranos pode confirmar xa a incorporación ao seu plantel de xogadores de Rafael Louzán. O ex-presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e o actual presidente da Real Federación Galega de Fútbol decidiu dar o paso e ingresar definitivamente nun clube co que iniciara conversacións no pasado verán. A estreita amizade con algún dos compoñentes do equipo verdinegro e a escaseza de efectivos que o clube vén sufrindo ao longo desta temporada, agravada coa baixa de longa duración de Óscar Portas, fixo que o mandatario ribadumiense decidise facer oficial a súa fichaxe. Sempre vencellado ao deporte, Rafael Louzán militou nos seus anos mozos no C.D. Ribadumia. Xa na categoría de veteranos, e compatibilizando esta actividade coas labores políticas, non deixou de practicar un deporte que vive con especial devoción. Os compromisos asociados aos seus cargos obrigárono a manterse alonxado durante os últimos anos, pero finalmente non puido resistir a tentación. As xestións da entidade que comanda José Luis Galiñanes conseguiron que o presidente da Federación acabase por aceptar as condicións que lle ofrecía o Armenteira Veteranos. A causa dos problemas de axenda non poderá estar presente en todos os partidos, aínda que a súa fichaxe significará un gran avance en moitos aspectos para o fútbol en A Armenteira. En primeiro lugar porá fin á vaga de arbitraxes desfavorables que veñen afectando ao Armenteira Veteranos e ao Armenteira C.F. Tamén permitirá que estas entidades poidan adoptar as técnicas de captación de futbolistas que con tanto éxito están aplicando outros clubes da contorna, co que o crecemento en todos os sentidos está asegurado, e asimesmo axudará a dar unha proxección internacional á Copa Armenteira, o torneo de fútbol feminino que celebrará a terceira edición a inicios do próximo verán, e fará realidade o gran soño de boa parte dos practicantes deste deporte nesta parroquia: a mellora das instalacións deportivas e a construción dun campo dotado de céspede artificial. O debut de Rafa Louzán no campo de O Leixo producirase sobre unha superficie de terra, pero, segundo figura nun dos primeiros puntos do acordo de incorporación, en breve iniciaranse os trámites para que o máximo dirixente do fútbol galego e A Armenteira poidan gozar deste deporte nunhas condicións dignas e acorde cos tempos que corren.
Confirmada a gravidade da lesión de Óscar Portas
A lesión que o futbolista do Armenteira Veteranos Óscar Portas sufriu no partido de liga do pasado sábado ante o Unión Dena C.F. Veteranos finalmente reviste maior gravidade do que parecían indicar as primeiras probas médicas. O departamento de traumatoloxía do Hospital Quirón Salud-Miguel Domínguez de Pontevedra ven de confirmar, despois das últimas exploracións, que o defensor de Paradela sofre unha rotura do ligamento cruzado e do ligamento lateral do xeonllo da perna dereita. Portas sufriu un aparatoso golpe no partido que o seu equipo disputou o sábado, 22 de decembro, ao colisionar cun adversario na disputa dun balón. O forte impacto, os berros e os lamentos do xogador do Armenteira Veteranos fixeron que se alertase rapidamente aos servizos de emerxencia, presentándose unha ambulancia do 061 minutos máis tarde. Tras ser atendido o sábado no Hospital Quirón Salud-Miguel Domínguez, foi citado este xoves para continuar coas análises médicas. A confirmación do alcance da lesión, que o obrigará a pasar por quirófano e a estar varios meses de baixa, axiña alentou o envío de mensaxes de ánimo por parte dos seus compañeiros de equipo que, persoalmente ou a través das aplicacións de mensaxería, quixeron mostrar o seu apoio ao futbolista. Óscar Portas incorporouse ao Armenteira Veteranos na temporada 2013/2014, tras pertencer anteriorme ao equipo sénior masculino do Armenteira C.F., converténdose dende entón nun dos xogadores máis aprezados e valorados do clube. Habitual nas convocatorias e nos partidos, aos que poucas veces soe fallar, e tamén cunha participación moi activa na organización das comidas e ceas do equipo, Portas é un dos membros máis visibles do seu conxunto. A súa ausencia únese á de Rubén Serén, operado fai dúas semanas dunha lesión similar, co que se incrementan os problemas para unha escadra xa de por si moi minguada en canto efectivos nesta temporada.
martes, 25 de decembro de 2018
O Café Bar O Comercio organiza unha cea de Nadal para toda a súa clientela
Por segundo ano consecutivo, dende que o establecemento é rexentado por Javier Gil, o Café Bar O Comercio, de A Armenteira, volve organizar unha cea de Nadal á que está convidada toda a súa clientela. O pasado ano, en datas próximas ao inicio das celebracións navideñas, o popular e emblemático local de hostalería quixo agasallar a todas as persoas que ao longo do ano se pasan polo establecemento cunha cea na que compartir momentos e anécdotas nun ambiente distendido arredor dunha mesa. Naquela ocasión o éxito fora notable, logrando reunir a máis de medio cento de persoas. Este ano Javier Gil decidiu retrasar a celebración do acto, que terá lugar definitivamente o sábado, 29 de decembro, no interior do propio Café Bar O Comercio. Un menú composto por tortilla, croquetas, xamón, mexillóns, parrillada de carne con patacas e ensalada, ademais de postre, café, chupitos e bebidas variadas, ao módico prezo de 10 euros, e preparado polo equipo de cociña do establecemento fará as delicias dos amantes da gastronomía, que ao mesmo tempo terán a oportunidade de charlar e compartir estas datas cos veciños e veciñas e a clientela en xeral dun negocio que conta con case un século de vida e que xa está plenamente consolidado como un dos referentes do mundo da hostelería a nivel comarcal. Ano e medio despois de que o empresario caldense se puxera á fronte os seus esforzos céntranse en manter a esencia que sempre caracterizou ao bar, tamén taberna na que se vendía unha ampla gama de produtos épocas pasadas, e para elo considera que o trato amable, cercano e a calidade do servizo son fundamentais para asegurar a fidelidade dunha clientela que ten de prazo para anotarse ata o xoves, 27 de decembro, e que de seguro que este sábado tampouco faltará á súa cita.
luns, 24 de decembro de 2018
Un partido cargado de sensacións
O pincho de Nadal do Armenteira C.F. que se celebrou este domingo, 23 de decembro, no campo de O Leixo, deixou unha chea de lembranzas. Sensacións, emoción, resentimento, polémica, gañas de vinganza... quedaron tras un partido que acabou resultando tremendamente axustado. Na planificación das actividades figuraba un acordo verbal para a disputa dun partido de fútbol ao rematar a celebración. Coa xente xa dispersa tras o banquete, a charla, as anécdotas e os xogos e actividades que animaban aínda máis o ambiente, a organización tivo que reunir á xente que se congregaba en O Leixo para configurar os equipos que se ían enfrontar. Por un lado estaban os xogadores e xogadoras, reforzados con mozos e mozas vencellados dalgunha maneira ao Armenteira C.F., e polo outro un conxunto formado por pais, nais, adestradores, directivos e outras persoas. Íñigo Piñeiro, capitan do equipo infantil foi un dos participantes. "Sabíamos que ía ser unha cita difícil. Hai que ter en conta que os do noso equipo viñamos de xogar un partido de liga á mañá e notabamos as pernas cansas. Pero o que máis desexabamos era repetir vitoria para ter o día completo. En relación coa actuación do árbitro prefiro non opinar, non teño por costume cuestionar as decisións arbitrais", indicou o futbolista de Couso. Roberto Vázquez "Yumas" foi outro dos participantes. "Nin sequera sabía que se celebraba o pincho. En canto me enterei dirixinme a O Busto para sumarme á festa. Cando cheguei o banquete estaba rematando, pero afortunadamente aínda houbo un partidillo. Eu uninme ao equipo dos rapaces. Sinceramente creo que sen a miña axuda teríano moito máis compricado", afirmou Roberto. No equipo contrario formaba a súa irmá, Mila Vázquez, que tamén quixo mostrar as súas impresións. "Fai tempo que non participaba nun partido. As sensacións foron boas. A portería é o sitio no que me sinto máis cómoda. E quero dicir que fixen algunha parada de mérito. Ao meu fillo, que é un dos máximos goleadores do grupo na Segunda infantil, custoulle moito meterme un gol". Suso Rodríguez foi outro dos integrantes do equipo con pais, nais , adestradores e directivos. "Sentinme ben sobre o campo. Algunha das xogadas de maior do meu equipo fíxenas eu. Ata parece que a afección me ovacionou cando marquei un dos goles. De seguro que se algún equipo me vira xogando este domingo non dubidaría en facerme ficha", indicou o encargado do material do equipo feminino. Pola súa parte, Fran Filgueira "Pacheco", adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F., e que desta volta exerceu de árbitro non deixou pasar a oportunidade de expresar a súa opinión. "Agora entendo a dificultade de arbitrar. Non facían máis ca protestar as miñas decisións. Ben é certo que tampouco seguía de preto as xogadas e puiden equivocarme nalgunha ocasión. Pero coa calor que sentía, e creo que facía, impropia do inverno, ademais do pito, tiña que ir suxeitando unha copa na man". O encontro tivo de resolverse dende o punto de penalti. Destacou a boa actuación dos respectivos gardamallas, Isidoro Pesqueira e Roberto Vázquez "Yumas", aínda que este último non puido impedir que o trofeo fose a parar ás mans do equipo de pais, nais e directivos. Suso Rodríguez foi o encargado de recoller o trofeo, que lle foi entregado por Iván Borrageiros, curiosamente compañeiro de equipo na tarde deste domingo.
xoves, 20 de decembro de 2018
O Armenteira C.F. convoca a toda a súa xente para o pincho de Nadal do 23 de decembro
A Xunta Directiva do Armenteira C.F. vén de confirmar que o domingo, 23 de decembro, será finalmente a data elixida para a celebración do seu xa tradicional pincho de Nadal. Durante os últimos anos, especialmente durante o ciclo que se iniciou coa presidencia de Serafín Melón e que continou coa de Martín Casais, o clube de O Leixo non deixa pasar estas datas sen reunir á súa familia. Os escenarios foron cambiando, e tiveron que ir adaptándose ás circunstancias que vivía a entidade cada temporada, e buscando sempre a orixinalidade e o toque de autencidade que sempre lle da o Armenteira C.F. a este tipo de eventos. En continuo crecemento ao longo dos últimos anos, neste momento o clube transita por uns momentos máis compricados da súa historia. Problemas internos, e sobre todo agresións externas por parte de persoas e entidades que, movidas polo egoísmo e por escursos intereses, só buscaban o seu propio beneficio, puxeron en serio perigo a continuidade dun proxecto que naceu aló por setembro de 1995. Con todo, a pesares das dificultades, a Xunta Directiva que comandan Martín Casais e Jorge Dávila non quixo esquecerse da súa xente e organizou para este domingo un sinxelo banquete ao que convidan ás persoas que dunha maneira ou outra seguen vencelladas ás cores verdes e negras. Será, se o tempo acompaña, nas instalacións do campo de O Leixo, a partires das 13:30 horas, cando a familia do Armenteira C.F. se xunte arredor dos aperitivos, dos callos, do churrasco, dos doces desta época, do viño ou do cava para celebrar estas datas tan especiais.
mércores, 19 de decembro de 2018
A ilusión do 22 de decembro apura os seus últimos días en A Armenteira
Fai días que o espíritu do Nadal fixo a súa chegada un ano máis en A Armenteira. Como sempre é o colexio o lugar que concentra boa parte dos adornos, pero outros locais de uso público ou moitos domicilios particulares parecen querer mostrarnos que estas datas tan sinaladas están xa connosco. O que quizais máis se bota en falta é o alumeado que durante os últimos anos viñan colocando os operarios do Concello de Meis nalgúns dos lugares emblemáticos da parroquia, como é o caso do entorno do mosteiro cisterciense, e que nesta ocasión semella que se esqueceu de poñer o goberno da institución municipal. De todos estes días hai un que se vive con especial ilusión nestes lares e, en xeral en todos os currunchos de España, e ese é o 22 de decembro. O Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal desata unha gran paixón tamén entre a veciñanza dunha parroquia que soña cun agasallo en forma de millóns de euros que axuden a superar as penalidades dunha vida que a maioría das familias adica fundamentalmente ao traballo para saír adiante e facer fronte á diversidade de gastos que se presentan a diario. Comida, vivenda, vestido, transporte, combustible, electricidade, gas, teléfono, internet, impostos... e un variado número de cargas constitúen as principais preocupacións nos fogares da parroquia. E nestes casos un golpe de sorte sería sen dúbida un verdadeiro alivio. Os locais de hostelería, as comisións de festas, os clubes deportivos e outras entidades representativas abónanse cada ano a un número coa esperanza de que a fortuna acabe chamando ás súas portas. Entre estas entidades están a Comisión de Festas O´Noso e o Armenteira C.F., que tanto a través dos seus representantes como no Café Bar O Comercio levan meses cos boletos á venda. O 07.583 e o 94.482 son desta volta as cifras elixidas. Coas administracións de loterías requeríndolles a entrega dos décimos non vendidos, estas asociacións fan un chamamento aos veciños e veciñas teñan interese en compartir con elas esta ilusión para que se dean présa e non perdan a oportunidade de como mínimo soñar cunha vida máis desacougada a partires deste sábado.
mércores, 5 de decembro de 2018
Silván volve honrar a San Nicolao un ano máis
Pouco se sabe da vida de San Nicolao. Nado no século IV despois de Cristo no territorio da actual Turquía, onde chegou a exercer o cargo de bispo na cidade de Mira, as súas reliquias venéranse en Bari, en Italia. Os escasos datos que se coñecen da súa vida contrastan coa enorme fama e popularidade que posúe, coa multitude de lendas que se contan en torno á súa figura e coa gran cantidade de templos que se lle teñen consagrado, máis de dous mil en todo o mundo. Era e segue sendo invocado cando existían perigos, nos naufraxios, nos incendios ou cando a situación económica se poñía compricada. Segundo se relata nalgunha desas lendas, San Nicolao, xa dende pequeno se adicaba a repartir todos os bens que conseguía entre os pobres e á morte dos seus pais herdou unha inmensa fortuna, que non dubidaría en entregar á xente máis desfavorecida, antes de refuxiarse nun mosteiro e posteriormente ser nomeado bispo. Por ter axudado tanto aos nenos e nenas, e como en alemán é denominado San Nikolaus, acabou dando orixe ao personaxe de Santa Claus, ao que dende fai décadas unha campaña de publicidade da multinacional Coca-Cola lle deu a apariciencia coa que é universalmente coñecido: con traxe vermello, barba branca e bandullo pronunciado. Pois xusto antes das datas de Nadal, nas que ano tras ano Santa Claus se pasa por case todos os domicilios de Occidente deixando caramelos e agasallos, A Armenteira, e en concreto o lugar de Silván, celebra as súas tradicionais festas na honra deste santo. Nesta aldea que se divide a partes iguais entre as parroquias de San Salvador de Meis e A Armenteira cada 6 de decembro é un día especial, o máis grande do ano. Nesta ocasión o programa de festexos resulta tremendamente atractivo. Os actos darán comezo o xoves, día 6, cun pasarrúas con dianas e alborada a cargo da Banda Escola Municipal de Meis, e continuará con diversos oficios relixiosos ao longo da mañá, con horarios que irán dende as 10:00 ata as 13:00 horas. Despois da última misa haberá unha procesión e unha gran tirada de fogos. Xa á noite chegará o turno da verbena, coas orquestras La Noche e Azar como protagonistas. Na xornada seguinte, o venres, 7 de decembro, as actividades inícianse ás 12:30 horas cun oficio relixioso que se verá continuado coas agardadas poxas de produtos agrarios e gandeiros que, sempre en número considerable, os fregreses donan ao santo. O remate virá a partires das 21:30 horas cunha verbena amenizada por dúas das orquestras máis renomeadas e con máis seguidores dentro do panorama musical galego: Marbella e América. Co Nadal ás portas, mentres as vilas e cidades se enchen de luces que decoran os seus espazos máis emblemáticos e as tendas e áreas comerciais deseñan estratéxicamente os escaparates para que non nos esquezamos de realizar as compras típicas desta época, Silván e A Armenteira cumpren coa tradición honrando a unha figura que, independentemente do carácter mercantilista que lle outorgou a economía capitalista na que habitamos, representa a caridade e a xenerosidade no seu grao máximo.
luns, 3 de decembro de 2018
O Armenteira C.F. feminino logra o primeiro triunfo da temporada tras vencer de forma contundente ao Tomiño F.C. Feminino
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - TOMIÑO F.C. FEMININO. - 3 -0
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Fátima, Lara; Sara Rey, Sara Torres, Banesa; e Paula. Tamén xogaron Bea, Patricia, Nerea e Vanessa.
GOLES: 1-0. Minuto 17. Anabel. 2-0. Minuto 57. Paula. 3-0. Minuto 59. Paula.
ÁRBITRO: Iñarrea García. Mostrou cartón amarelo a Nerea Pérez por parte do Tomiño F.C. Feminino.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha mañá fresca, ventosa e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou por fin a primeira vitoria no que vai da temporada 2018/2019. Tras un inicio titubeante, con moitas dúbidas, as rapazas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado acadaron os seus primeiros tres puntos, facéndoo ademais dunha maneira contundente, nada menos que vencendo por tres goles a cero ao Tomiño F.C. Feminino, un conxunto asentado zona media da táboa. Foi nun encontro equilibrado durante boa parte dos minutos, no que as mozas do cadro verdinegro souberon marcar diferenzas nos momentos decisivos. Dende os minutos iniciais o equipo visitante tratou de converterse en dono de xogo. En base a un fútbol combinativo ás do Baixo Miño mantiñan a posesión, aínda que non eran quen de chegar con excesivo perigo ás inmediacións da meta defendida por Anabel. E sería a gardamallas de Cambados a encargada de abrir o marcador. Un lanzamento de portería da pequena pero valerosa porteira sorprendía a Verónica Silva, que se vía superada tras botarlle o balón uns centímetros diante e, a pesares de estirar os brazos e tocar o coiro intentando desviar a súa traxectoria, vía como de forma irremediable ía cara o fondo da rede. Véndose por primeira vez no presente campionato con vantaxe, o Armenteira C.F. ía sentíndose minuto a minuto máis cómodo sobre a area de O Leixo. A seguridade de Anabel, que volveu deixar na retina dos espectadores e espectadoras algunha parada de enorme mérito, a dirección de Sara Torres na liña medular ou a velocidade e o desborde dunha Paula especialmente activa eran algunhas das notas máis sobresaíntes dun equipo que destacou polo magnífico esforzo colectivo. Cando o partido se achegaba a recta final as rapazas verdinegras foron confirmando definitivamente a vitoria. Despois dunha xogada na que as visitantes a piques estiveron de empatar e na que as defensoras, con gran empeño, conseguiron desbaratar, Paula poñia terra de por medio. A atacante pontevedra era agarrada na área por unha zagueira rival, impedíndolle finalizar con acerto unha acción individual, e Iñarrea García sinalaba penalti. Ante o clamor do público sería a propia Paula a encargada da execución da pena máxima. Lograba anotar, pero o colexiado, observando que o coiro non fora colocado no lugar correspondente, é dicir sobre a liña da área grande, mandaba repetir. Na segunda ocasión, o balón era detido pola meta visitante, aínda que Paula, con gran dilixencia, recollía rapidamente o rexeitamento para situar o dous a cero no casilleiro. Un erro da meta Verónica Silva ao tratar de xogar o balón co pé coas súas defensoras era aproveitado de novo por Paula para driblar á porteira sentenciar o partido. Non houbo tempo para moito máis. Resignadas, as visitantes apenas crearon perigo nos intres finais. Con este triunfo o Armenteira C.F. Feminino sitúase na décimo sexta posición á espera de visitar na próxima xornada, a disputar na fin de semana do 15 e 16 de decembro, á E.D.M. Salceda F.F., un equipo que ocupa a décimo cuarta praza, con oito puntos.
sábado, 1 de decembro de 2018
Suspendido o partido entre o Armenteira C.F. infantil e a E.F.B. Vilanova entre o infortunio arbitral
ARMENTEIRA C.F. - E.F.B. VILANOVA - 2 - 5 (suspendido no minuto 59)
ARMENTEIRA C.F. Víctor; Mateo, Álex, Fran, Irene Pesqueira; Júnior, Íñigo, Javi, Manu Meixús; Irene Varela e Carlos. Tamén xogou Ramón.
ARMENTEIRA C.F. Víctor; Mateo, Álex, Fran, Irene Pesqueira; Júnior, Íñigo, Javi, Manu Meixús; Irene Varela e Carlos. Tamén xogou Ramón.
GOLES:1-0. Minuto 2. Manu Meixús. 2-0. Minuto 4. Íñigo. 2-1. Minuto 11. Álvaro Diz. 2-2. Minuto 14. Alejandro Troncoso. 2-3. Minuto 25. Álvaro Diz. 2-4. Minuto ??. Álvaro Diz. 2-5. Minuto 47. Adrián Padín.
ÁRBITRO: Centeno Pla. Mostrou cartón amarelo a Pablo Janeiro por parte da E.F.B. Vilanova e mostrou cartóns vermellos a Javi, Íñigo e Carlos por parte do Armenteira C.F., ademais de amonestar primeiro con cartón amarelo e logo con cartón vermello directo ao membro do corpo técnico do Armenteira C.F. Fran Filgueira "Pacheco".
ÁRBITRO: Centeno Pla. Mostrou cartón amarelo a Pablo Janeiro por parte da E.F.B. Vilanova e mostrou cartóns vermellos a Javi, Íñigo e Carlos por parte do Armenteira C.F., ademais de amonestar primeiro con cartón amarelo e logo con cartón vermello directo ao membro do corpo técnico do Armenteira C.F. Fran Filgueira "Pacheco".
INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de O Leixo, ante uns setenta espectadores, nunha tarde fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables, dadas as características que presenta habitualmente a superficie de terra do campo de O Leixo.
CRÓNICA
Os equipos de categoría infantil do Armenteira C.F. e da E.F.B. Vilanova disputaron na tarde deste sábado un partido intenso, marcado pola deportividade en trazos xerais, e no que o gran protagonista foi colexiado Centeno Pla, que tivo unha errática actuación, con escaso acerto á hora de tomar decisións, que viu como un partido de categoría infantil, con nenos e nenas de entre once e trece anos, se lle ía pouco a pouco das mans, ata que no minuto 59, cunha total falta de tacto na interpretación do fútbol, aplicou o regulamento de forma desmesurada e deixou ao Armenteira C.F. con tres xogadores menos e sen representación do corpo técnico no banquillo. No que se refire ao aspecto deportivo foi un encontro no que o cadro local axiña colleu vantaxe. Manu Meixús culminando un rápido contraataque e Íñigo a través dun excelente lanzamento de falta poñían dous goles por diante aos seus cando apenas se levaban disputado catro minutos de xogo. A reacción do conxunto vilanovés non se fixo agardar. Cun maior potencial colectivo, a escadra que dirixe o ex-adestrador do Meaño F.C. José Luis Blanco, tomou o control do xogo e comezou a achegarse cada vez con máis frecuencia á meta defendida por Víctor, que substituía ao lesionado Sergio. Álvaro Diz recurtaba distancias e o capitán Alejandro Troncoso, un futbolista con raíces na parroquia de A Armenteira, na residen os seus avós paternos, igualaba o marcador. De novo Álvaro Diz poñía en vantaxe á escadra branquiazul antes de chegares ao descanso. No segundo período mantívose a superioridade do equipo visitante. O Armenteira C.F. limitábase a agardar atrás e a tratar de recuperar o coiro para armar algún contraataque, accións nas que Íñigo, e sobre todo Júnior e Manu Meixús volveron levar a iniciativa. Un gol de novo de Álvaro Diz e outro Adrián Padín, aproveitando a descolocación e a falta de contundencia dos defensores verdinegros, parecían sentenciar o partido para a E.F.B. Vilanova. Cando o encontro enfilaba a recta final chegou o momento culminante. A desacertada e moi protestada actuación de Centeno Pla viuse completada nunha xogada na que Javi, disputando un balón a un rival, golpea a este no xeonllo, e na que o árbitro sinala falta e, ante a sorpresa dos presentes, bota man ao seu peto a saca un cartón vermello. As protestas de Íñigo e Carlos rematan tamén coa expulsión destes dous futbolistas, ao igual que ocorreu co membro do corpo técnico Fran Filgueira "Pacheco". O balbordo provocado pola desmesurada aplicación do regulamento por parte do colexiado e o clima escasamente favorable para a continuación do xogo que se derivou desta situación motivaron que se tomase a decisión de que o máis conveniente era o partido se detivese. Os futbolistas do Armenteira C.F. foron camiño dos vestiarios, e seguidamente tamén ocorreu o mesmo cos da escadra do O Terrón. Mentres o árbitro trataba de calmar o seu nerviosismo e de poñer orde nas confusas anotacións que realizara. O minuto no que se acadara algún dos tantos, os dorsais dos amonestados, os motivos das amonestacións... case todo parecía estar errado. Entre versións contrapostas co que Centeno Pla ía reflectir na acta arbitral o colexiado saiu a dar explicacións intres despois. Finalmente acordouse que o encontro figurase como suspendido no minuto 59, e agora corresponde ao Comité de Competición ditaminar o que se debe facer co que resta por disputar: se se debe reanudar o xogo ou se se da definitivamente como vencedor ao equipo da E.F.B. Vilanova. Resulta lamentable que ocurran feitos como o deste sábado nun deporte e especialmente nunhas idades nas que o obxectivo fundamental é formar, educar e facilitar a transmisión de determinados valores. Cando estes obxectivos se truncan, cando se dan situacións deste tipo, a responsabilide non soe recaer unicamente nunha parte. Público, xogadores, adestradores... contribúen a que isto suceda, pero a actuación de Centeno Pla, que indubidablemente non tivo o seu mellor día, foi determinante para que un encontro que aparentemente non tiña grandes compricacións finalizase de forma tan accidentada e abrupta.
mércores, 28 de novembro de 2018
Armenteira en pleno
Cun censo en progresivo e permanente descenso a parroquia de A Armenteira é unha das que conta con maior poboación das oito que compoñen o concello de Meis. Rebaixada a nivel municipal a fronteira dos 5.000 habitantes, feito que se reflictiría, entre outros aspectos, no descenso no número de concelleiros de cara ás eleccións do próximo mes de maio, os cales pasarían de 13 a 11, o comportamento demográfico de A Armenteira aínda rexistra unha tendencia máis negativa cá do conxunto do municipio. Con case 800 habitantes a parroquia que ocupa boa parte da ladeira do monte Castrove é xunto a Paradela e San Vicente de Nogueira unha das que posúe un maior número de residentes. No que si supera ás outras demarcacións do concello é na extensión territorial, formada principalmente por superficie forestal. Tres comisións de festas, tres clubes deportivos, dúas comunidades de montes, un colexio, un campo de fútbol, un campo de golf, un albergue de peregrinos, diversas asociacións de tipoloxía variada e, sobre todo, unha das rutas de sendeirismo máis concurridas de Galicia e un conxunto monacal de enorme valor histórico-artístico converten a A Armenteira nun dos principais referentes a nivel cultural, turístico e relixioso na comarca, e quizais na máis importante sinal de identidade que existe no concello de Meis. No ámbito político tamén veu ocurrindo o mesmo. Os responsables das organizacións políticas do concello sempre procuraron ter representación de xentes da parroquia. O Partido Popular e en menor medida o PSdeG-PSOE e o BNG fixeron engrosar as súas listaxes aos comicios municipais con persoas naturais ou domiciliadas en A Armenteira. O punto culminante deste proceso foi cando, a finais da pasada centuria, Julio Serén chegou a exercer a tenencia de alcaldía durante un breve período de tempo. Non cabe dúbida de que a voz e o voto da parroquia foron decisivos nos resultados das distintas eleccións, feito que, a xuízo de moitos veciños e veciñas, non foi tido demasiado en conta polas administracións que gobernaron ao longo dos últimos anos. Pero iso non fixo minguar a actividade tanto dos colectivos como das persoas que a título individual tratan de erixirse en representantes dunha veciñanza que sempre se caracterizou polo seu carácter calmado e escasamente reivindicativo. A cultura democrática e a paixón pola defensa dos intereses públicos prenderon con forza en A Armenteira e vivimos uns tempos frenéticos e moi animados en todo en canto á política se refire. Participación en actos, artellamento de estratexias, colaboración na formación ou na organización de agrupacións electorais... cada vez son máis evidentes os síntomas de que a parroquia non quere permanecer de costas á forma na que manexan os seus asuntos. Este xoves, 29 de novembro, a partires das 20:30 horas, celébrase na Casa Consistorial de Meis, en O Mosteiro, o que sexa posiblemente o pleno máis relevante dos que teñen lugar durante o ano. Entre os puntos da orde do día destacan a aprobación do inventario bens e viais de propiedade municipal e dos orzamentos para o ano 2019. Prevese unha sesión longa, na que, como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, non será extrano atopar a presenza de persoas da parroquia que, por propio interese ou como membros das asociacións, non queren perderse actos da trascendencia do deste xoves. O que é indiscutible é que A Armenteira, plena ou parcialmente, estará en pleno.
domingo, 25 de novembro de 2018
Reparto de puntos entre o Villalonga F.C. e o Armenteira C.F. infantil nun partido condicionado polos elementos
VILLALONGA F.C. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Víctor; Javi, Mateo; Ramón, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Carlos e Fran.
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Víctor; Javi, Mateo; Ramón, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Carlos e Fran.
GOLES:1-0. Minuto 13. David Bouzada. 1-1. Minuto 43. Manu Meixús. 2-1. Minuto 59. Alejandro Piñeiro. 2-2. Minuto 70. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Cáceres Villalba. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
ÁRBITRO: Cáceres Villalba. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no
campo de O Revel, en Vilalonga, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo excesivamente empozado e nunhas condicións nada aptas para a práctica do fútbol.
campo de O Revel, en Vilalonga, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo excesivamente empozado e nunhas condicións nada aptas para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou engadir un novo punto ao seu casilleiro tras o partido que disputou este sábado no campo de O Revel ante o conxunto local do Villalonga F.C. Foi nun encontro claramente condicionado polos elementos, tanto meteorolóxicos, non parou de chover durante os oitenta minutos, como doutro tipo. As importantes baixas de Andrés, que no adestramento do martes sufrira una fractura no cúbito do brazo esquerdo, e de Júnior, aqueixado dun proceso gripal, deixaban bastante debilitado ao cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. A todo elo sumábase o mal estado do terreo de xogo, cheo de pozas, sobre todo nas zonas laterais, o que dificultaba enormemente unha práctica normal do fútbol. E por se foran poucas as adversidades, o equipo verdinegro viu como outro dos seus xogadores tiña que retirarse do campo lesionado. Neste caso foi o gardamallas Sergio, que ao igual que o fixera a pasada fin de semana, viuse obrigado a abandonar o partido antes de tempo a causa das molestias que vén sufrindo do abdutor. Mellor adaptados ás circunstancias do terreo de xogo, os futbolistas do Villalonga F.C. comezaron dominando. Unha indecisión de Íñigo, que protexeu o balón na área agardando a saída de Sergio para que agarrase o esférico coas mans, propiciou o primeiro tanto local, anotado por David Bouzada. A partires de entón o Armenteira C.F. tratou de reaccionar o as aproximacións á meta defendida por Noa Camiña comezaron a ser máis frecuentes. O balón freábase, os pases quedaban curtos e os futbolistas de ámbolos dous conxuntos tiñan que soportar cada vez máis peso sobre o seu corpo. Un dos principais prexudicados desta situación era Manu Meixús, que non era quen de sacar partido da súa velocidade e da súa capacidade de desborde. Pero non desistiu o dianteiro de Couso e, mediante unha excepcional volea, soubo superar á gardamallas celeste para anotar o primeiro tanto visitante. Houbo ocasións para que a escadra verde e negra fose con vantaxe ao descanso, aínda que tamén a puido levar o Villalonga F.C. que enviou un forte disparo contra o pau dereito da meta defendida por Sergio. No segundo tempo a tónica foi basicamente a mesma. O partido era de ida e volta, pero a lentitude coa que rodaba o coiro supoñía unha tremenda dificultade á hora de finalizar as xogadas. Un lanzamento de falta de Alejandro Piñeiro botáballe diante a Víctor, que substuíra ao mancado Sergio, e colábase polo medio das pernas cara o fondo da rede. Animados pola afección, os rapaces e rapazas do clube de O Leixo continuaron buscando a portería contraria e acabaron poñendo novamente a igualada no marcador. Unha vez máis sería Manu Meixús o que sorprendía ao gardameta local cunha estupenda volea. Nos minutos finais aínda habería posibilidades para desnivelar o encontro tanto por parte dun como por parte doutro equipo. Íñigo sacaría baixo paus un lanzamento dos celestes e tamén Manu Meixús, Mateo ou o propio Íñigo puideron conseguir que os tres puntos viaxasen cara a A Armenteira. Unha das notas características do encontro, aparte do protagonismo dos elementos, foi o regreso de Fran. O futbolista de Silván, tras uns meses de dúbidas, decidiu voltar ao clube no que militou durante as últimas temporadas. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. colócase na décima posición, con cinco puntos, á espera de recibir a próxima semana á E.F.B. Vilanova, un dos conxuntos máis potentes do grupo, que ocupa a terceiro posto na táboa, con vintecatro puntos. A cita será, previsiblemente, o domingo, 2 de decembro, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro.
luns, 19 de novembro de 2018
Partidos apretados dos equipos de A Armenteira na pasada fin de semana
A xornada da pasada fin para os equipos de fútbol de A Armenteira caracterizouse polos partidos apretados, emocionantes e equilibrados, sobre todo nalgún dos casos, aínda que finalmente a fortuna non estivo do lado dos clubes verdinegros. Nin o conxunto infantil do Armenteira C.F., nin o Armenteira Veteranos, nin tampouco o equipo sénior feminino da entidade de O Leixo conseguiron puntuar. Foron todas derrotas por escasa diferenza para uns clubes que partido a partido mostran unha franca progresión.
O primeiro en disputar o seu partido foi o equipo infantil. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez logrou ter unha vantaxe de dous tantos a cero nos primeiros minutos, pero antes do descanso xa acadara igualar o San Martín C.F. Nun encontro equilibrado, no que a posesión do esférico a tivo principalmente o equipo visitante, as ocasións estiveron repartidas a partes iguais. Os goles de Manu Meixús por partida dobre e de Júnior, e a pouco acertada actuación arbitral, moi protestada polo público que acudiu ao campo de O Leixo, marcaron un encontro que mantivo a tensión ata a recta final e que rematou cunha vitoria por tres tantos a catro para a escadra de Vilaxoán.
Tampouco acompañou a sorte ao Armenteira Veteranos. Fronte a un rival que se situaba na parte alta da táboa, o Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, e que partía como claro favorito, o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes deu a cara e vendeu moi cara a súa derrota. O penalti anotado polos locais nos intres iniciais tería unha rápida resposta tras unha gran xogada de Richi pola banda esquerda que sería culminada polo propio Galiñanes cun excelente disparo que sorprendía ao gardamallas local. Aínda que o dominio correspondeu ao conxunto de Barro durante a maior parte do tempo, o Armenteira Veteranos tamén chegou a gozar dalgunha ocasión. A mellor condición física do Barro C.F.-Cafetería Don Pincho, que nos últimos minutos baseaba o seu perigo principalmente nas internadas por banda, acabou desnivelando a balanza a prol do conxunto que preside José Sanmartín. Unha acción individual nun contraataque de Marcelino Sánchez, que se atopou a parcela central do campo libre de xogadores visitantes, acabou cun excelente disparo dende o borde da área do futbolista de Barro. O coiro entrou pegado ao pau dereito dun Jose Outón que nada puido facer. Restaban só tres minutos para o final e dous a un no marcador sería inamovible.
Con derrota tamén remataría o partido do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. ante o Independiente C.F. Nun encontro relativamente igualado as viguesas fixeron valer a súa maior capacidade no dominio do balón e unha pegada superior á das rapazas de dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado, que unicamente conseguiron perforar a portería rival nunha ocasión no que levamos de liga. Dous lanzamentos dende fóra da área, que non foi quen de atallar Anabel, decantaron o encontro para o equipo vigués. As aproximacións locais, protagonizadas fundamentalmente por Paula, non tiveron demasiado éxito, como tampouco o tivo unha execución de falta efectuada por Sara Rey, que chegou a impactar no longueiro visitante, tras ser desviado pola gardameta. O cero a dous co que finalizaron os sesenta minutos foi o reflexo de que como un equipo máis experto, o Independiente C.F., soubo dominar mellor en ámbalas dúas áreas.
A próxima fin de semana prevese que sexa de novo de duelos equilibrados para os equipos de fútbol de A Armenteira. Tanto o equipo infantil do Armenteira C.F. como o equipo sénior feminino visitan o feudo de conxuntos situados por debaixo deles na clasificación, o Vilalonga F.C. e o Colegio Apóstol Santiago respectivamente, mentres que o Armenteira Veteranos recibe no campo de O Leixo ao Os Amigos-Pavi Decor, que conta con sete puntos máis cá escadra verde e negra.
venres, 9 de novembro de 2018
Unha acción criminal
Se resulta moi impactante atoparse un animal abandonado, máis o é aínda cando se trata duns seres cuns escasos días de vida. O abandono de animais domésticos converteuse, desgraciadamente, nunha das principais lacras da nosa sociedade. Na maior parte son cans e gatos os que son deixados á súa sorte en lugares pouco vixiados, nos que, con fortuna, se poden atopar con alguén que os acolla e atenda, e repare na medida do posible o crime cometido por aquel desaprensivo ou desaprensiva que se desprendeu deles. Áreas forestais, polígonos industriais, zonas residenciais ou instalacións deportivas son os lugares favoritos para acometer tales atrocidades. Isto foi o que ocorreu este xoves no campo de O Leixo, en A Armenteira. Cando se dispoñían a comezar o adestramento, Marcial Prado e algunhas das xogadoras do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. escoitaron uns chíos que proviñan das bancadas. Ao achegarse o espectáculo que atoparon foi dantesco. Dentro dun caldeiro, acompañados dunha lata de refresco baleira, había seis cachorros, un dos cales xa estaba morto, que reclamaban de forma desesperada a presenza da súa nai. Cos corazóns compunxidos ante unha escena tan terrible axiña se puxeron en contacto coa Xunta Directiva, que regresaba a O Leixo despois dunha sesión de adestramento do equipo infantil no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. As xestións dos directivos non tiveron unha atención inmediata. Nin a canceira provincial nin o Concello de Meis prestaban servizo a esa hora e tiveron que recurrir ao teléfono de emerxencias, o 112, onde lles indicaron que ata o día seguinte os animais non poderían ser recollidos. Para facerlles menos desagradable unha noite tan fresca e húmida os membros da directiva do clube de O Leixo acondicionáronlle un vestiario cunha estufa, roupa, cartóns e leite co que alimentarse. Houbo que agardar entón ata a mañá deste venres, 9 de novembro, para que uns
operarios do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira
(CAAN) acudiran ás instalacións deportivas a recoller aos canciños. Non se pode dicir que a historia tivera un final feliz, pero polo menos foi menos cruel que o que poderían ter se a acción criminal do autor ou autora do abandono non se atopara coa intervención dunhas xentes que actuaron da forma máis lóxica e quizais máis correcta en casos coma este.
Este sábado, magosto en A Armenteira
Hai un refrán que di que
"polo San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou
mosto". Nas vésperas da data sinalada, na que o domingo, 11 de setembro, a
parroquia veciña de San Martiño de Meis celebra o seu patrón, A Armenteira vive
un ano máis un festexo tradicional que, dende fai uns anos, quixeron convertir
nun momento de convivencia e confraternidade entre unhas xentes ás que as
obrigas laborais e as tarefas cotiás non sempre permiten que se xunten. A pesares do
tempo tremendamente desapacible que houbo durante practicamente toda a semana, a Asociación de Veciños e
Veciñas de A Armenteira decidiu manter a data fixada para o acto. As previsións
meteorolóxicas son algo máis benévolas para este sábado e
agárdase que a choiva e o vento dean unha tregua para que as castañas asadas,
os chourizos, os arenques, os doces caseiros, regados con viño novo, auga e
refrescos, poidan ser degustados por todas aquelas persoas que, a partires das
17:00 horas, se acheguen ao entorno da Casa de Cultura da parroquia. O carácter
íntimo que soe caracterizar a este evento non se verá modificado este ano,
aínda que dende a organización prevén incrementar o número de asistentes este
ano. Resgaradados do frío e a choiva, e á calor do lume, ao tempo que se contan
uns contos e a música soa de fondo, a xente que este sábado, 10 de novembro, acuda a A
Armenteira disfrutará da festa por excelencia do outono en Galicia que, como
ocorre en moitas ocasións no magosto, cando a animación acade o seu grao
máximo, a furruxa pode cobrar protagonismo e tinguir de negro as mans, as
caras, as roupas e as distintas partes do corpo dos festeiros e festeiras.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)