A Asociación Veciñal Cultural e Recreativa Valdedeus celebrou este sábado no ximnasio do C.E.I.P. de Armenteira unha tensa reunión. Na orde do día figuraban, entre outros aspectos, a proposta de cambios a realizar na Xunta Directiva, a modificación dos Estatutos e a inclusión de novos socios na entidade. Dende o principio as discrepancias entre os compoñentes do Xunta Directiva puxéronse de manifesto, ante o asombro de parte dos asistentes. A lentitude nos trámites e a denuncia de irregularidades administrativas fixeron que o ambiente se fose enturbiando a medida que a xuntanza avanzaba. Só a mediación do alcalde, José Luis Pérez, que estaba entre os convidados á reunión, contribuiu a calmar os ánimos. A dimisión de varios representantes do comité de goberno, que se queda unicamente con tres membros, e a solicitude da devolución da cota por parte de varios socios que piden a súa desvinculación da asociación deixan a esta entidade moi debilitada. Ante renuncia da Xunta Directiva a acceder ás peticións de cambio de boa parte da masa social, a corrente crítica que foi xurdindo nos últimos meses, plantéxase agora a creación dunha asociación veciñal alternativa para a parroquia de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario