A Asociación Veciñal Cultural e Recreativa Valdedeus convoca para este sábado día 7 de maio, a partires das 21 horas, a unha reunión extraordinaria que se celebrará no C.E.I.P. de Armenteira. Á mesma están chamados todos os socios e socias da entidade veciñal así como todas aquelas persoas que desexen asociarse para o presente ano. Segundo a orde do día que se nos facilitou dende a entidade na reunión trataranse, entre outros asuntos, os cambios nos cargos da Xunta Directiva, a modificación dos Estatutos, a aceptación de novos socios e socias, ademais do correspondente turno de rogos e preguntas. O descontento coa xestión da actual presidenta e as desavenencias que nos últimos tempos se están a dar dentro da Xunta Directiva e da masa social da entidade, fixeron xurdir unha corrente crítica que demanda un cambio de rumbo e unha xestión máis transparente e aberta. Por este motivo convidan a todos aqueles veciños e veciñas que estean interesados en formar parte e participar das actividades da A.V.C.R. Valdedeus a que acudan a esta xuntanza. Cabe recordar que esta é a única asociación deste tipo que existe na parroquia de A Armenteira e que, dende a súa creación, fai aproximadamente un ano, os problemas internos e a falta de identificación coa mesma de parte dos veciños impediron que este proxecto puidese acadar os propósitos cos que naceu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario